A CIG-Ensino critica, polo fondo e polas formas, o borrador de Estatuto do PDI presentado polo Ministerio de Universidades

O sindicato maioritario en Galiza, ante a negativa ministerial á súa retirada, demandou a negociación por bloques e sen as limitación que pretende o Goberno

O Ministerio de Universidade presentou, hoxe, 10 de maio, na Mesa de Universidades o borrador de anteproxecto de Lei do Estatuto do Persoal Docente e Investigador. Nunha breve intervención inicial, o secretario de Estado de Ciencia, Innovación e Universidades, e o secretario xeral de Universidades indicaron que o texto do borrador era "unha aposta moi pouco concreta para que se poida aprobar" e que era "unha primeira pedra do traballo”. Posteriormente houbo unha quenda de intervencións dos diferentes sindicatos con representación neste órgano de negociación (CIG, ELA, UGT, CSIF e CCOO).

A CIG centrou a súa intervención en indicar que o documento necesitaba unha nova versión, alén dun pulido, tanto por razóns de forma como de fondo: 

  • De forma, por causa da súa confusa e complicada redacción e por causa do xogo de remisións a outras normas (algunhas vellas, outras inaplicábeis e outras moi perigosas pola posibilidade de limitar dereitos, sinalando, como exemplo, as xubilacións, o tema do teletraballo e o recoñecemento de dereitos con "axustes"), propiciando todo isto que a súa aplicación sexa fonte de problemas.
  • De fondo, polo que contén o texto e polo que non contén: 

No que figura no texto a CIG amosou a súa preocupación por causa da regulamentación sobre funcións e actividades (necesitada de moita clarificación e matización), dedicación (especialmente en todo o que ten que ver cos conceptos de intensificación, diversificación e compatibilidade) e pola (mal chamada) mobilidade (cuxa relación de situacións apunta máis ben a verdadeiras situacións de compatibilidade e incompatibilidade); 

Canto ao que non regula, a CIG puxo de manifesto algúns exemplos: temas salariais, dereitos lingüísticos, mobilidade como dereito sen compromisos de axudas, entre outros. 

Con todo isto, quixemos, a diferenza doutras organizacións, poñer de manifesto con argumentos claros e contundentes que o documento necesita unha profunda revisión xa que, de se aprobar tal e como se presenta, implicaría o inicio dunha nova situación do PDI como persoal con funcións, con obrigas e con compatibilidades que nada tiñan que ver coa Universidade como servizo público de docencia e investigación e como garante ao dereito ao ensino superior. A CIG rematou a súa intervención con dúas propostas relativas á necesidade dun novo texto (non aceptada polo Ministerio) e á necesidade de traballar por bloques temáticos (aceptada). 

Na súa resposta a representación do Ministerio quixo deixar claro, entre outras cousas, que non se ía falar de salarios. A CIG ten claro, malia as limitacións que pretende fixar o Ministerio, que ao estarmos diante dun borrador de proxecto de lei, o campo de acción das propostas sindicais tiña máis percorrido que un Real Decreto á hora de modificar (ou derrogar) outras normas, de modo que se poderían tratar moitos asuntos que non figuran no texto inicial. A CIG quixo, por tanto, deixar claro que unha cousa é o que queira facer o Ministerio e outra distinta o que se poida facer ou o que poidan propoñer as organizacións sindicais (mesmo para modificar a LOSU na súa parte non orgánica) e o percorrido que o propio proxecto de lei poida ter nunha fase posterior de debate parlamentario. 

O traballo sobre o borrador do proxecto de lei será por bloques e a vindeira reunión prevese para o día 28 de maio. Logo da insistencia da CIG na necesidade de tratar dun xeito diferenciado o capítulo III (actividades e réxime de dedicación), nesa primeira reunión traballaranse os capítulos I (disposicións xerais) e II (dereitos e deberes). 

Para facilitar a posibilidade de traballar con propostas e achegas sobre os capítulos I e II que se nos poidan facer chegar, animamos a que se envíen ao correo galiza@cig-ensino ou ben directamente aos correos das seccións sindicais do PDI da CIG das tres universidades galegas.

Volver