A CIG-Ensino critica a falta de diálogo na conversión dos IES en CIFPs e pide que se escoite a oposición do claustro do IES Audiovisual de Vigo a esta decisión

A CIG-Ensino reiterou na reunión do Consello Galego de FP a súa posición histórica contraria á existencia dos Centros Integrados de FP, tal e como foron concibidos pola administración, primando unha estrutura piramidal e cunha gran sobrecarga burocrática

O representante da CIG, Xosé Nogueira, criticou que a conversión dos tres IES (Montecelo, Vilamarín e Audiovisual de Vigo) en CIFP se fixera con absoluta falta de transparencia, anunciándoo simultaneamente no Consello da Xunta e en claustros extraordinarios celebrados o 8 de xuño e sen ter en conta a opinión do seu profesorado que, no caso deste último, é maioritariamente contraria a esta transformación, polo que pediu que se modifique o Anteproxecto. Nogueira insistiu en que "unha decisión destas características, que ten tantas implicacións sobre o cambio nas condicións laborais do profesorado ten que ser negociada na Mesa sectorial, como se fixo noutras ocasións, e sempre coa antelación suficiente para que a comunidade educativa, nomeadamente o persoal docente, poida ser escoitado". 

A CIG ensino lembrou esta mañá na reunión do Consello Galego de FP os motivos que sempre levaron a esta organización sindical a ter unha posición contraria á existencia dos CIFPs. “Desde sempre criticamos que un centro educativo funcione como unha empresa e foi tamén histórica a campaña que lideramos no pasado fronte á normativa que os regula”, sinalou o secretario de Organización e docente de FP, Xosé Nogueira, quen se referiu expresamente aos principais elementos que sosteñen este rexeitamento:

  • estrutura xerárquica, antidemocrática e discrecional (sen someter a elección da persoa que ocupa o posto de dirección ao claustro nin o seu mandato a un límite de tempo, así como as posteriores decisións que se tomen ao respecto dos cargos de coordinacións internos)
  • introdución da privatización en practicamente todos os aspectos do seu funcionamento (licitacións e subcontratas), especialmente no que ten a ver coa empresa (porque podemos falar practicamente de monopolio e de cuxa contratación a Consellaría debería dar detalles) que leva as auditorías externas, usurpando as funcións que debera facer o funcionariado público da inspección educativa
  • incremento abafante de carga burocrática inútil que coarta a liberdade de cátedra, a creatividade, o traballo por proxectos e todo o que se considera actualmente innovación pedagóxica
  • discriminación horaria con respecto aos IES co que leva aparellado no incremento semanal de horas lectivas, no número de módulos a impartir e nunha redución horaria insuficiente para as coordinacións. O mantemento das 20 horas lectivas, xunto con Madrid en todo o Estado, agudiza aínda máis as peores condicións laborais que sofre o profesorado destes centros.
  • a Consellaría é consciente deste malestar do persoal docente mais nunha fuxida cara adiante mente e manipula para venderlles as bondades deste sistema aos centros aludindo no propio anteproxecto a cuestións que perfectamente se poden realizar nos IES, como xa está a acontecer nestes intres en Galiza, como a acreditación de competencias ou a formación para persoas desempregadas (ou acaso o IES Montecelo e o IES Vilamarín non viñan realizando xa este tipo de tarefas?). Cónstannos que mesmo se lle dixo aos centros afectados por esta transformación que ían ter máis ciclos e novas modalidades de impartición por este cambio. Só fai falta botar unha ollada á oferta presentada para ver como isto non se sostén, e mesmo se incrementa nos IES porque a maior parte dos CIFPs non teñen máis capacidade de crecemento. E, con respecto ás modalidades de impartición, a nova Lei Orgánica de FP e o proxecto de RD que a regula, pendente de aprobar, fala claramente dos graos A, B, C, D e E da Formación Profesional. Non vai ser desde logo un condicionante ser CIFP para poder ofertar estas modalidades, senón máis ben un imperativo para a maioría de centros que impartan estas ensinanzas. 

O sindicato tamén criticou as formas á hora de elaborar o Anteproxecto de Decreto polo que se pretende converter os IES Montecelo de Pontevedra, o IES Vilamarín de Ourense e o IES Audiovisual de Vigo en CIFPs e que por primeira vez se lle presentaba ás organizacións sindicais no Consello Galego de FP. En concreto Xosé Nogueira acusou á Consellaría de actuar con absoluta falta de transparencia, usando nalgúns casos as persoas á fronte das direccións como cargos de confianza da Xunta para ocultar unha información que non lle foi transmitida ao profesorado até o 8 de xuño, e sen ter en conta posteriormente a súa opinión. Neste sentido - destacou- "por parte do IES Audiovisual de Vigo hai unha posición maioritaria do seu persoal docente contraria a esta conversión, expresada historicamente en moitos pronunciamentos e acordos de claustro nos últimos anos, polo que pedimos expresamente que se teña en conta este posicionamento e se retire do Anteproxecto a súa conversión".

“A Consellaría é plenamente coñecedora desta oposición porque se lle remitiu un documento asinado pola maior parte do profesorado afectado, que tamén nos foi enviado a esta organización sindical, amosando con argumentos sólidos os motivos que a sustentan. Así mesmo, é curioso que este sexa o único dos tres IES que non foi visitado polo conselleiro e a directora xeral para facerse a foto de rigor despois do anuncio simultáneo do presidente Rueda e nos claustros extraordinarios convocados para este fin”, comentou Xosé Nogueira.

A este respecto, a directora xeral dixo que non recibira ningún documento de oposición por parte do claustro deste instituto e pediu que se lle fixera chegar, aínda que insistiu en que posibelmente se tratase dunha parte minoritaria do mesmo. Segundo o escrito recibido pola CIG-Ensino este posicionamento contrario foi referendado por 19 dun total de 30 docentes que o compoñen.

Volver