A CIG-Ensino, conxuntamente con outros membros, consegue que o Consello Escolar solicite da Consellaría a retirada da Lei de Convivencia e Participación da Comunidade Educativa

A CIG-Ensino levou a cabo, hoxe, 28 de xaneiro, unha concentración diante do consello escolar para exixir a retirada da lei de convivencia

O Pleno do Consello Escolar de Galiza, máximo órgano de participación da comunidade escolar, rexeitou o Anteproxecto de Lei Convivencia e Participación da Comunidade Escolar que se someteu hoxe a ditame, e acordou pedir a súa retirada e, polo tanto devolvelo á Consellaría. O Anteproxecto de Lei de Convivencia recibiu 21 votos en contra, 2 abstencións e só 11 a favor de mantelo.

O Secretario Nacional da CIG-Ensino, Anxo Louzao, membro do Consello Escolar, manifestou que, ante o rexeitamento do Consello Escolar ao Anteproxecto de Lei de Convivencia e Participación da Comunidade Escolar, ao Conselleiro non lle queda máis remedio que retiralo e abrir un debate para elaborar unha Lei do Sistema Educativo Galego ou dimitir como Conselleiro de Educación. Anxo Louzao manifestou que o PP vén de recibir outra derrota na súa cruzada contra o galego, ao quedar totalmente deslexitimado para levar a cabo consultas aos pais e nais co único obxecto de impedir que se dean aulas en galego.



A CIG-Ensino xustificou a súa emenda á totalidade en que:



A Consellaría de Educación actúa de costas ao profesorado, impedindo a información, o debate, a participación e a negociación.



Ten com verdadeiro fin reducir, aínda máis, o ensino en galego. A pretensión de dar cobertura legal para que as familias participen na definición da política educativa e idiomática, amais de ser ilegal por conculcar dereitos recollidos no Estatuto de Autonomía, na lei de Normalización Lingüística, na LOE e na propia Carta Europea de Linguas Minoritarias, supón un disparate tanto social como pedagóxico.



Tratase dun proxecto de Lei importado e alleo á nosa realidade social e educativa. Son motivacións políticas espurias as que levaron á Consellaría a presentar este proxecto de Lei, importando propostas lexislativas lideradas por aqueles sectores máis extremistas do Partido Popular, tendo os seus antecedentes e alimentándose da Lei de Autoridade do Profesor, aprobada polo goberno do PP, na Comunidade Autónoma de Madrid.



A Consellaría está interesada en reforzar esa  visión alarmista que busca sobredimensionar unha problemática, distorsionando a realidade dos centros educativos públicos para reforzar e potenciar a escolarización nos centros privados concertados. O que realmente se necesita son recursos e medios para atender un alumno cada vez máis diverso e para enfrontar o fracaso escolar.



Neste proxecto de Lei continúa sen valorarse o noso traballo como docentes, ao ter que impartir materias das que non somos especialistas, realizar funcións e traballos que non nos corresponden, recargarnos de numerosas tarefas burocráticas, prohibirnos  impartir aulas en galego, recortarnos  os nosos salarios, negarnos  as peticións de profesorado para  centros, etc.



O que precisamos é unha Lei do Sistema Educativo Galego que dea resposta satisfactoria ás necesidades da educación pública galega que pasan por, entre outras, dotar de profesorado suficiente os centros públicos, reducir o número de  alumnado por aula, incrementar o investimento no ensino público até o 7% do PIB, dotar de persoal administrativo aos centros,  facilitar a formación do profesorado tamén en horario lectivo, autorizar os desdobres necesarios, reforzar a titoría con redución horaria, estender e ampliar o servizo de orientación dotar os centros doutros perfís profesionais onde sexa necesario, garantir a xubilación anticipada,mellorar as nosas retribucións, reducir o horario lectivo ao maiores de 55 anos, incrementar os recursos para a atención á diversidade e a educación personalizada e restituír os nosos salarios. Estas medidas, xunto cun estatuto do docente galego si que  darían prestixio a función docente e autoridade ao profesorado.



En resume, solicitamos a retirada deste Anteproxecto de Lei porque ten un obxectivo pernicioso: prohibir ensinar en galego. É allea ás  necesidades que ten o ensino en Galiza,  baséase en criterios correctivos e represivos e non formativos e educativos e obsérvase nela a tendencia á xudicialización do sistema educativo, no canto de asentarse no principio que a escola ten como primordial que non é outro que a formación integral da persoa, tanto na súa dimensión persoal como social.

Volver