A CIG-Ensino convoca FOLGA XERAL no ensino o vindeiro 24 de outubro contra a proposta de acordo presentada pola Consellaría e que non dá resposta ás necesidades reais do profesorado galego

O sindicato apela á responsabilidade do resto de centrais para que non asinen un documento que é unha “oportunidade perdida” para o ensino público porque non reverte os recortes dos últimos 14 anos

A CIG-Ensino insiste en que a representación do profesorado debe rebelarse contra o peche en falso da negociación xa que no texto final remitido onte pola Consellaría non se recolle ningunha mellora ao respecto do horario lectivo. É máis, péchase definitivamente a posibilidade de recuperar as 21 horas semanais que tiña o corpo de mestras até o ano 2010 e “difírese” a negociación nos outros corpos até unha hipotética baixada xeral do horario semanal de todo o persoal da Xunta ás 35 horas semanais. No caso das ratios tampouco hai ningún avance. O calendario en infantil e primaria segue sendo “inaceptábel,” a 9 anos vista, e en secundaria e en bacharelato segue manténdose que nin sequera se comezaría a falar da redución até o curso 26/27. Non hai ningunha medida a respecto das ratios e do horario para o resto de etapas, FP e ensinanzas de réxime especial (conservatorios, escolas de idiomas, escolas de artes e deseño...) que quedan totalmente fóra deste documento.

A CIG-Ensino ratificou esta mañá, como xa veu avanzando durante este proceso de “falsa negociación” exprés que deu por pechada onte a Consellaría de Educación co envío dun documento final no que non hai ningún avance sobre o presentado na última reunión do venres, que non asinará un Acordo “que literalmente é un carpetazo á única oportunidade aberta desde a chegada do PP á Xunta de negociar melloras reais nas condicións laborais do profesorado e no sistema educativo e, polo tanto, de reverter os recortes de dereitos que se levan perpetrando desde hai máis de unha década”. En palabras do secretario nacional do sindicato maioritario do ensino público, Suso Bermello, “a posición da CIG-Ensino segue sendo firme e coherente co papel de representación que lle outorgou o colectivo docente nas últimas eleccións sindicais, nas que precisamente levaba no seu programa electoral como eixos fundamentais a recuperación do horario lectivo de 21 horas en infantil e primaria e 18 no resto de corpos, a diminución das ratios en todas as etapas educativas e a eliminación efectiva do exceso de burocracia. Este Acordo avanza moi timidamente en dúas medidas de cara á galería que a Consellaría sabe que non lle van supor apenas gasto económico ningún: a redución a 23 horas no corpo de mestras, pechando a posibilidade no propio texto de realizar ningunha mellora máis, e que non vai ter ningún efecto sobre os cadros de persoal dos centros porque teñen catalogado un número de postos de traballo que corresponden á carga lectiva de 21 horas pactada pola CIG-Ensino en 2007. Así mesmo, a diminución das ratios a 20 estudantes por aula que o vindeiro curso só será de aplicación en 4º de infantil deixa fóra desta mellora a todo o alumnado que xa está no sistema educativo actualmente e, na práctica, vai supoñer unha adecuación á realidade demográfica que xa estamos a vivir en practicamente a maior parte do territorio galego, con excepción das grandes cidades e áreas periurbanas”, apuntou.

 

24/25

25/26

26/27

27/28

28/29

29/30

30/31

31/32

32/33

4º EI

20

20

20

20

20

20

20

20

20

5º EI

25

20

20

20

20

20

20

20

20

6º EI

25

25

20

20

20

20

20

20

20

1º EP

25

25

25

20

20

20

20

20

20

2º EP

25

25

25

25

20

20

20

20

20

3º EP

25

25

25

25

25

20

20

20

20

4º EP

25

25

25

25

25

25

20

20

20

5º EP

25

25

25

25

25

25

25

20

20

6º EP

25

25

25

25

25

25

25

25

20

“Con todo, e malia un calendario absolutamente inaceptábel dado que non estaría vixente nestas etapas até dentro de 9 cursos, sabemos que a Consellaría e o presidente Rueda van vender estas dúas medidas electoralmente diante da sociedade. Pero non enganan a ninguén. Ademais de que se van realizar a baixo custe ou mesmo custe cero nunha alta porcentaxe de centros,  teñen trampa porque no caso das ratios introdúcese unha excepcionalidade que leva a que se nun centro non hai espazo físico para baixar a 20 estudantes, sexa en unha ou en varias aulas, a Consellaría “solucionará” o problema enviando un mestre ou mestra máis de primaria para todo o centro, é dicir, optarase pola vía dun mínimo reforzo e non do desdobramento en varias unidades”, explicou. Porén, Bermello criticou duramente que “se deixe fóra ao resto de etapas que nestes intres teñen unhas ratios absolutamente inasumíbeis con 30 estudantes en secundaria, 35 en bacharelato ou até 30 na FP básica”.

En xeral esta proposta non introduce ningunha mellora nas condicións laborais de preto do 60% do profesorado galego, que é o que traballa en secundaria, bacharelato, FP e ensinanzas de réxime especial, máis alá do cómputo especial do alumando con discapacidade ou dependencia ou trastorno de conduta ou que si compute a efectos de ratio máxima o alumnado repetidor”, sentenciou Bermello, quen indicou que tampouco se produce ningún avance significativo ao respecto do anuncio hai un mes do conselleiro de Educación de que se ía crear un grupo de traballo para elaborar un plan de simplificación da burocracia e que os incrementos retributivos que se presentan no documento, deseñados tamén para dividir o profesorado, son unha estratexia para “intentar acalar o profundo malestar e fartura que hai entre o persoal docente e unha forma de desviar a atención do que son as súas demandas reais”.

A tempo de forzar unha nova negociación coa Xunta

O responsábel da CIG-Ensino, que estivo acompañado por outros membros da executiva na comparecencia de prensa, lanzou unha chamada á responsabilidade das outras centrais minoritarias para que non asinen este Acordo e se sumen a unha xornada de folga xeral no ensino público na que se lle dea a voz a todo o profesorado para que amose a súa posición ao respecto da proposta da Xunta. “A responsabilidade sindical radica na coherencia do compromiso adquirido co profesorado e todas as organizacións con representación temos compartido con anterioridade mobilizacións para recuperar dereitos como o do horario lectivo e así figuraba en todos os programas electorais de hai menos de un ano. A CIG-Ensino asume a súa responsabilidade e afirma que se a porta da negociación se pecha só cabe abrir a da mobilización para forzar á Consellaría a que rectifique coa incorporación no documento de melloras reais nas nosas condicións laborais”.

 Folga Xeral e manifestación o 24 de outubro

A CIG-Ensino, após ver a última redacción enviada pola Consellaría aprobou convocar con carácter inmediato, aínda que sexa en solitario, unha folga xeral no ensino non universitario o vindeiro 24 de outubro, porque temos que forzar esa rectificación. O secretario nacional dirixiuse onte por escrito ás outras organizacións presentes na negociación para reiterar o ofrecemento xa realizado na Mesa do venres 6 e camiñar da man nunha convocatoria conxunta se finalmente non se cede á chantaxe coa que ameaza a Xunta. Tanto a data como as condicións para promover mobilizacións e folga están abertas a cambios á espera da resposta dos demais sindicatos mais como sindicato maioritario, a CIG-Ensino entende que no día que a Consellaría dá de prazo para comunicar se se traga coa proposta ou se loita para mellorala só cabe unha resposta e esta é a que avanzamos: a folga. O profesorado, farto de desprezo, divisións e de non recuperar dereitos, está chamado, por tanto, a levar o malestar á rúa e a ser protagonista da loita polos seus dereitos.

Volver