A CIG-Ensino convoca unha concentración mañá diante da Consellaría para denunciar que non se atendan as demandas do profesorado nin dos centros neste comezo de curso
Ante a máquina propagandística da Xunta o sindicato pon en evidencia o continuísmo das súas políticas e acúsaa de manipular as cifras de contratacións e de vender como propios programas financiados con fondos da UE e do Ministerio
Delegados e delegadas da CIG-Ensino concentraranse mañá diante de San Caetano ás 11 horas e chaman a participar a toda a comunidade educativa, aínda que coincide co inicio de curso, para denunciar o continuísmo da Consellaría de Educación ao respecto das principais demandas do profesorado: recuperación do horario lectivo, redución de ratios, eliminación e redución da burocracia, improvisación e falta de negociación na reforma da FP, pacto pola lingua, equiparación salarial do profesorado e recuperación do pagamento do verán ao persoal substituto, estabilidade laboral mediante ofertas amplas de vacantes tanto de concurso de traslados como de prazas de oposicións e estabilidade para o profesorado interino.
Así mesmo, tal e como se pode comprobar estes días e como denuncian as ANPAS, hai múltiples centros que non viron atendidas as súas demandas -sobre todo de persoal para a atención á diversidade- que nalgúns casos agora se intenta vender por parte da administración como novas contratacións cando son prazas pertencentes a programas a maioría xa existentes ou financiados con fondos da UE e do Ministerio de Educación.
Tal e como xa adiantou o secretario nacional da CIG-Ensino a pasada semana, “a Consellaría de Educación este curso o único que reforzou é a propaganda porque os datos saltan á vista: nin hai 1.256 docentes novos (é simplemente profesorado que aprobou as oposicións pero xa existían esas prazas como interinidades e nin sequera se cubriron todas), nin vai haber 400 novas contratacións (unha parte corresponde ao programa Proa+ que leva varios anos vixente e que se financia con fondos da UE e do Ministerio e outra parte non deixan de ser as prazas, sobre todo de atención á diversidade, que non se lle concederon aos centros como interinidades desde comezos de curso)”. De feito, segundo os datos analizados polo sindicato, este curso houbo 80 interinidades menos de profesorado especialista de Pedagoxía Terapéutica e Audición e Linguaxe que o pasado, así como 30 prazas de atención preferente que non se lle outorgaron aos centros que tiñan alumnado que precisa dunha atención continuada deste tipo de profesionais. Ademais, polo que se sabe até o momento do anunciado Plan Mega (que está composto de 6 programas e algún deles non leva aparellado ningún reforzo de persoal), as únicas prazas que se están contratando para comezar este curso terán como data de finalización o 30 de xuño, é dicir, “a administración aforrarase dous meses de salario precarizando aínda máis a situación deste persoal substituto ao que lle tería correspondido unha interinidade ou mesmo a convocatoria como pesoal fixo por ser prazas estruturais que precisan os centros de forma estable nos seus claustros”.