A CIG-Ensino convoca o seu V Congreso, que terá lugar o sábado 24 de outubro

O teu sindicato a CIG-Ensino. A túa lingua o galego

A CIG-Ensino vén de presentar o seu V Congreso, que terá lugar en Compostela o próximo 24 de outubro baixo o lema “O teu sindicato a CIG-Ensino. A túa lingua o galego” e que contará coa participación de 206 delegadas e delegados. No decurso da mañá presentarase o informe de xestión da Executiva saínte, as modificacións estatutarias e debaterase o relatorio de Acción Sindical. Á tarde elixirase a nova Executiva e o Secretario Nacional.

CIG-Ensino convoca o seu V Congreso, que terá lugar o próximo 24 de outubro

A CIG-Ensino vén de presentar o seu V Congreso, que terá lugar en Compostela o próximo 24 de outubro baixo o lema “O teu sindicato a CIG-Ensino. A túa lingua o galego” e que contará coa participación de 206 delegadas e delegados. No decurso da mañá presentarase o informe de xestión da Executiva saínte, as modificacións estatutarias e debaterase o relatorio de Acción Sindical. Á tarde elixirase a nova Executiva e o Secretario Nacional.
A rolda de prensa de presentación do V Congreso de CIG-Ensino, comezou coa valoración do secretario nacional, Anxo Louzao, da histórica manifestación en defensa da lingua celebrada o domingo 18 de outubro. Unha mobilización que contou coa masiva participación dos galegos e galegas, que chegou a colapsar Compostela, e que deu pé para anunciar que a CIG-Ensino está disposta a paralizar o ensino se tal e como vén anunciando o Partido Popular “se adoptan medidas en contra da lingua” ou se se produce algunha “involución na lexislación da que nos temos dotado”.

Balance destes catro anos

Respecto do Informe da Executiva, Louzao salientou algúns dos aspectos que se recollen no documento, nomeadamente o papel central da CIG-Ensino nas mobilizacións e folgas convocadas durante os últimos catro anos en defensa da xornada reducida; pola aplicación da LOGSE, que provocou a redución de horario para materias como Filosofía, Historia e Educación Física fronte a Relixión; en defensa do ensino público; en demanda de medidas contra o fracaso escolar; pola diminución das ratios; en defensa do carácter público do Consorcio Galego de Benestar ou en denuncia do incumprimento do Decreto de uso e promoción do galego no ensino...

 

O secretario nacional de CIG-Ensino tamén resaltou os avances conseguidos coa mellora de retribución do profesorado, en defensa da estabilidade dos/as interinos/as, a redución da carga lectiva, os avances en permisos e licencias ou a mellora dos cadros de persoal en infantil, entre outras.

Medre dun 40%

A CIG-Ensino medrou nestes catro anos un 40% en afiliación e é o sindicato maioritario no ensino público, tanto universitario como non universitario.

O secretario nacional lembrou que a CIG-Ensino foi quen de organizar neste período máis de 200 accións formativas nas que participaron case que 10.000 profesores e profesoras.

Os retos para o próximo período
Anxo Louzao explicou tamén os obxectivos que se marca a CIG-Ensino para os próximos catro anos, nomeadamente, frear a privatización do ensino que pretende o Partido Popular e pular por un “sistema educativo galego ordenado e planificado en función das necesidades do país”.

A CIG-Ensino pulará, segundo adiantou o seu secretario nacional, por unha Lei Galega de Educación para que no sistema educativo galego se garanta un ensino público no que a lingua vehicular sexa o galego, que conte cun financiamento axeitado reducindo, xa que logo, os concertos. Un sistema educativo no que os centros conten con persoal administrativo para atender ás súas necesidades, no que se reduzan as ratios por aula, se financie o material escolar para que sexa gratuíto e se atenda á diversidade. Un sistema educativo no que se garanta, en síntese, o carácter público, a gratuidade e a máxima calidade.

Outro dos eixos de traballo dirixirase cara acadar a aprobación dun Estatuto Galego de Profesorado que recoñeza e valore a función docente, facilite a súa formación permanente, garanta a estabilidade e elimine a precariedade, asegure a xubilación anticipada e reduza o horario aos maiores de 55 anos para crear emprego, mellore as retribucións, amplíe o Marco Galego de negociación e reforce a Mesa Sectorial como órgano de representación do profesorado.

Volver