A CIG-Ensino considera unha irresponsabilidade dos gobernos a sinatura dun consentimento informado na segunda dose de vacinación

O sindicato considera que non se pode cualificar doutro xeito as decisións que abocan o profesorado a tomar decisións que non lle competen e asinando un consentimento informado

Na última reunión coa Dirección Xeral de Saúde Pública e a Consellería de Sanidade na CIG-Ensino mostramos a nosa  preocupación polos vaivéns do goberno do Estado e da Xunta de Galiza no que foi a administración da vacina de AstraZeneca aos considerados grupos esenciais, entre os que está o persoal dos centros educativos.

Dixemos nese momento que, sen entrar nun debate técnico ou científico que non nos corresponde, xa tiñamos declarado o noso estupor ante os cambios de criterio ao respecto da vacinación coa 2ª dose. Cando a propia Axencia Europea do Medicamento (EMA) indica que se debe vacinar con AstraZeneca non parecía de recibo a paralización que se decretara por parte do Ministerio e a Comisión Interterritorial. Se a isto unimos a posición favorábel de Saúde Pública da Xunta a vacinar con AstraZeneca criticamos a falta de autonomía do goberno galego para, seguindo informes científicos, poder seguir coa 2ª dose no prazo de 12 semanas e coa mesma vacina.

É difícil entender a decisión do goberno do Estado de administrar unha segunda dose da vacina Pfizer a quen recibiron a primeira do outro preparado en base a un estudo da Instituto de Saúde Carlos III cunha mostra moi reducida de persoas, cando noutros países do noso entorno xa se levan postas millóns de segundas doses de AstraZeneca e a propia EMA avala esta opción. É certo que hai outros estados europeos que tomaron esta mesma decisión, o que aínda aumenta o grao de confusión.

A decisión finalmente adoptada pola Comisión Interterritorial na que se traslada ás persoas afectadas a decisión de optar por unha vacinación con dúas ou a mesma marca, o que implica asumir en primeira persoa tomar unha decisión sobre a vacina a recibir, é unha mostra de irresponsabilidade dos gobernos no que ademais afloran intereses partidarios e políticos máis alá dos estritamente sanitarios, na lea e enfrontamento permanente da Xunta co goberno estatal. Un conflito no que, non esquezamos, existen grandes intereses económicos, empresariais e xeopolíticos sen os que é difícil de entender todo o que acontece.

Tomar decisións á lixeira pode complicar aínda máis o proceso de vacinación

As decisións que se están a adoptar contan, por outro lado, co problema engadido da incerteza sobre se as vacinas de AstraZeneca chegarán paras completar a segunda dose e ao conxunto da poboación de 60 a 69 anos a quen se lle está a administrar.  Neste momento nin sabemos se se vai poder garantir esa segunda dose con AstraZeneca nin cal é a planificación no suposto de que non haxa abastecemento. Que faría neste caso o goberno de Feijóo? Administraríasenos outra vacina? Fixaríanse criterios en función da idade ou simplemente por orde de chamamento? Todo incertezas que xunto co que se coñece do consentimento informado non fan máis que estender o malestar entre o profesorado.

Son moitas as dúbidas que xorden continuamente coa xestión por parte tanto do goberno do Estado, como por parte do goberno da Xunta de Galiza. Desde a CIG-Ensino exiximos que sexan os gobernos os que tomen as decisións de xeito inmediato en base a criterios científicos e se nos informe das decisións adoptadas, deixando a Xunta de Galiza de esconderse e asumindo dunha vez por todas o autogoberno que nos corresponde e informando con toda claridade aos miles de persoas afectadas, con todo rigor e seriedade. Exiximos igualmente que se existe stock suficiente da AstraZeneca non  se agarde até a semana 16 e se poida administrar no prazo inicialmente previsto das 12 semanas e que se teña en conta o profesorado interino que vai participar nas oposicións así como o profesorado que vai formar parte dos tribunais, garantindo que todo o mundo teña como mínimo a primeira dose (hai integrantes de tribunais que aínda non foron vacinados) e que a segunda, sempre que sexa posíbel polo tempo máximo entre unha e outra dose, se administre sen coincidir cos exames do proceso selectivo.

Volver