A CIG-Ensino considera un erro a decisión adoptada sobre o transporte escolar pola alerta meteorolóxica

O sindicato critica que se suspenda o transporte pola tarde sen garantir a devolución do alumnado ás súas casas

Actualización do martes 17 ás 14:15.
A Consellaría de Educación rectifica e dá instrucións ás empresas de transporte escolar para manter o transporte na tarde de hoxe.

No momento de redactar esta nova o sindicato non puido confirmar en fontes oficiais da Consellaría se a rectificación foi xeralizada ou parcial.

A CIG-Ensino tivo acceso a información de varios centros educativos de diferentes provincias, nas zonas afectadas pola eliminación do transporte escolar de volta, na que se informa ás familias que se mantén o transporte tras recibir indicacións das xefaturas territoriais. Isto dáse tanto en casos de centros que teñen transporte combinado (usado tamén como liña regular e dependente de Mobilidade) como noutros de uso exclusivo como transporte escolar (dependente da Consellaría de Educación). 

Nestes momentos, tras procurar contrastar a información coa Consellaría sen obter resposta, non podemos saber se a instrución afecta á totalidade dos centros aos que no día de onte se lles comunicou que non habería transporte pola tarde, como sería o lóxico, ou só a unha parte deles, algo que non tería ningunha xustificación posíbel.

En todo caso, está claro que a Consellaría rectifica na errada decisión tomada no día de onte, cando decide deixar sen volta no transporte público a un alumnado ao que levaba aos centros educativos pola mañá. A CIG-Ensino demanda da Consellaría unha mellor planificación das alertas e que prime a seguridade de todo o alumnado así como do conxunto da comunidade educativa. O transporte escolar non pode condicionar nin os horarios dos centros nin a xestión dunha alerta metereolóxica e unha administración seria debe asumir a responsabilidade sen que esta recaia, como case sempre, nas mans das direccións.

A Xunta activou a alerta meteorolóxica pola previsión de nevaradas nas montañas de Lugo e de Ourense e por forte temporal noutras zonas do país. En resumo, a alerta implica: 

- A suspensión do transporte escolar toda a xornada de mañá do martes 17 nos concellos situados nas montañas de Lugo e de Ourense.

- A suspensión do transporte na tarde do martes 17, nas zonas do interior da Coruña, interior de Pontevedra, centro de Lugo, sur de Lugo, noroeste de Ourense, sur de Ourense e Valdeorras. 

(Nota: na web de Meteogalicia pode consultarse a distribución dos concellos por zonas de predición)

A alerta colgouse na web da Consellaría ás 14:15 horas, cando moitos centros xa remataran a súa actividade e a comunicación coas familias só se puido facer, na maioría e no mellor dos casos, a través do sistema de alertas de Abalar, co conseguinte prexuízo para aquelas nais e pais que non tiveran acceso a esta información. 

A CIG-Ensino considera un erro a suspensión en determinadas zonas do país do transporte só pola tarde entendendo que se debería eliminar por completo no caso de que as empresas que realizan este servizo non poidan devolver o alumnado ao mediodía aos seus domicilios, unha circunstancia que polo desdobre de liñas e polo uso de transporte combinado se dá en moitos casos. 

O sindicato entende que habilitar o uso do transporte no traxecto de ida sen garantir a volta pode implicar que algunhas familias opten por recoller os seus fillos e fillas en vehículos particulares, o que implica un maior perigo no medio dunha alerta meteorolóxica. A CIG-Ensino considera que naqueles centros nos que non se pode habilitar un horario de volta previo á tarde debería suspenderse por precaución igualmente o transporte de ida.

Así mesmo, tamén fai súas as críticas que algunhas direccións compartiron co sindicato sobre a responsabilidade de que se deixe nas súas mans a xestión de todo o relacionado coas alertas por temporais, sen que se habilite a posibilidade de suspender por completo a actividade lectiva en función da evolución das adversidades meteorolóxicas e cuns prazos moi axustados cando non directamente inviábeis para avisar as familias das decisións que se poidan adoptar.

Volver