A CIG-Ensino considera totalmente insuficientes as reformas anunciadas no E-Dixgal

O sindicato maioritario denuncia que Consellaría prescinde do profesorado en cuestións nas que este é o protagonista

En ningún momento dos últimos meses, desde que se anunciaron posíbeis cambios no fracasado proxecto de E-Dixgal, houbo ningún contacto da administración educativa coa representación do profesorado. Esa práctica, tan habitual nunha cúpula política educativa alérxica ao debate e a negociación, non só se deu coa polémica dun formato que fai augas desde hai tempo e que nunca foi avaliado pola Consellaría malia entrar xa en marcha hai unha década. O mesmo estilo de dirección política de costas ao persoal docente tamén se dá cando se fala do benestar dixital, dunha futura lei da que se negan a falar cos sindicatos, malia telo demandado expresamente o sindicato maioritario tanto na Mesa Sectorial como no Consello Escolar de Galiza.

Tampouco lle pareceu oportuno a quen manda na Consellaría contrastar co profesorado o que anuncia como “estratexia de inclusión educativa”, nun autodenominado proceso de “escoita activa” que curiosamente deixa sen escoitar ao profesorado.

Tres anos do informe crítico da CIG-Ensino sen tomar medidas

En febreiro de 2022 a CIG-Ensino fixo público un informe como resultado dun inquérito  realizado entre profesorado implicado no proxecto E-Dixgal que procuraba dar resposta ás multiples queixas do persoal docente ao tempo que pretendía cubrir o baleiro provocado por unha administración que en ningún momento avaliou a marcha dunha iniciativa que daquela tiña xa unha traxectoria de sete anos. En resumo as críticas docentes que desde o sindicato trasladamos foron:

  • un relatorio extenso de deficiencias técnicas da plataforma e dos equipos informáticos.
  • numerosas eivas relacionadas cos contidos proporcionados, entre os que se citaba expresamente falta de adaptación á atención á diversidade.
  • críticas relacionadas coa escasa presencia do noso idioma e mesmo de incorreccións graves.

Por tanto, e aínda que a Consellaría prescindise de avaliar o seu propio proxecto, coñecía de primeira man unha boa parte das melloras a executar. 

Medidas insuficientes: tarde, mal e arrastro.

O anuncio feito pola Consellaría no día de hoxe chega, por tanto, moi tarde; chega arrastrada sobre todo polas críticas das familias cando previamente non actuou tras recibir as críticas do profesorado. Mais o peor é que chega mal porque non resolve un dos problemas provocados pola política de recortes do PP ao eliminar a gratuidade total dos libros de texto. Esa decisión, que provocaba até agora que as familias con E-Dixgal non puidesen recibir axudas para compra libros de texto, non se corrixe como debería, xa que limita a tres os libros de texto que entrarán no programa de pago pola Consellaría e, por suposto, na liña habitual de negar a gratuidade universal.

Do resto das declaracións do conselleiro non se conclúe tampouco que teña tomado nota de todas as eivas que o seu equipo coñece perfectamente nin consta ningún tipo de estudo nin informe ao respecto do fracaso do modelo aplicado até agora nin das medidas concretas que puidesen poñerse en marcha no que atinxe directamente ao E-Dixgal.

Neste sentido, a CIG-Ensino demanda unha rectificación plena na gratuidade dos libros de texto, tamén e na súa totalidade, para quen teña E-Dixgal.

Por outro lado, o sindicato exixe da administración que poña en común coa  representación do profesorado calquera medida que pretenda aplicar tanto no E-Dixgal como en cuestións relacionadas con calquera outro ámbito que lle afecte profesionalmente (benestar dixital, inclusión educativa, ente outros).

Volver