
A CIG-Ensino considera ridícula a oferta de FP que ven de presentar a Consellaría na Comisión Permanente do Consello Galego de FP
Remarca o inmobilismo da Xunta coas demandas propostas para fomentar a FP e denuncia que se limite a oferta en centros públicos mentres se potencia nos centros privados
Cabe salientar casos como os do IES Gregorio Fernández de Sarria, ao cal non lle autorizan a creación do ciclo de “Asistencia á dirección” na modalidade de adultos porque “non hai empresas para realizar a FCT”; ou o caso do IES Terra Chá de Castro de Ribeiras de Lea en Lugo que, contando co informe favorábel por parte da Inspección Educativa e logo de ter ofertado dende hai mais dun mes o “Ciclo Medio de Traballos Forestais e Conservación do Medio Natural” é agora a Consellería quen lle comunica que non lle van conceder este ciclo por motivos económicos aínda cando mesmo puideran acadar unha elevada matrícula.
Noutros casos a Consellería agóchase tras un “non hai alumnado suficiente” para limitar a oferta de ciclos nos centros de ensino secundario aínda cando nos se pechou a matrícula, como no caso do IES de Foz que, por este motivo, ve como para o vindeiro curso académico non poderá ofertar o ciclo de Márketing.
No caso do Ciclo Superior de Promoción de Igualdade de Xénero, en contra do criterio expresado pola CIG-ENSINO, só autorizan 1 en todo o país (no CIFP Xunqueira en Pontevedra) aludindo a dificultade que poderían ter coa inserción laboral deste alumnado, amosando realmente a falta de planificación coa que se fixo a oferta formativa de FP do curso académico 2017-18. Sen embargo, no DOG de hoxe, 23 de xuño, autorizase a impartición deste mesmo Ciclo Formativo nun centro privado da cidade da Coruña pero denégaselle ao CIFP Portovello de Ourense e ao IES A Leixa de Ferrol.
No que ten a ver coa oferta modular, a Consellería mesmo parece que fai unha oferta bianual, mais que modular, pois na gran maioría dos ciclos, ofertan módulos alternativamente un ano si e outro non, como se dun 1º e 2º curso se tratase, co impedimento que supón para a continuidade na matrícula. Dende a CIG-ENSINO esixímoslle á Consellería que faga sempre a oferta modular completa.
Así mesmo, consideramos un despropósito o tempo que nos deron ás OO.SS. para o estudo da oferta (3 días hábiles), así como as xustificacións que empregaron tanto para os casos das supresións de ciclos, como nos casos de Formación Profesional Dual nos que temos o coñecemento de que é o propio alumnado o que abandona o ciclo ao sentirse “explotado laboralmente” no canto de “formado” na empresa.
Xa para rematar, a CIG-ENSINO quere instar a Consellería a que dunha vez por todas comece a tomarse en serio a Formación Profesional e elabore un mapa real de FP no cal se atendan as demandas reais dos segmentos do tecido produtivo que interesan como país: agricultura, gandería, a explotación forestal integrada (aproveitamento silvipastoril do monte combinado con gandería en extensivo, etc), as enerxías renovábeis, a pesca e o naval, os servizos socioculturais e á comunidade (cunha altísima taxa de poboación envellecida, de problemas coa conciliación da vila laboral e familiar, etc) e mesmo un estudo en clave de prospectiva laboral.
É evidente que a consellería achegounos “unha cativa oferta Galega de Formación Profesional”, no canto dunha “oferta de formación profesional Galega”, pensada en clave de País: dende Galiza e para Galiza. Como CIG-ENSINO seguiremos porfiando por darlle a relevancia que merece á FP fronte á desidia e o falta de planificación integral da Consellaría.