
A CIG-Ensino considera que a pretensión da Consellaría de incrementar o horario lectivo o profesorado un “ataque sen precedentes” e unha reconversión do ensino público
A proposta da Consellaría vaise traducir en máis de mil profesores e profesoras menos no curso que vén
Este xoves 16 de xuño, a última hora da tarde (ás 20:00 horas) a consellaría de Educación remitía a convocatoria de Mesa Sectorial para o vindeiro martes, cun primeiro punto no que se recolle a súa intención de incrementar o horario lectivo do profesorado, conculcando así, de forma unilateral, un acordo acadado polas organizacións sindicais coa propia administración no ano 2007. A CIG-Ensino denuncia que o obxectivo deste anuncio é desprestixiar o traballo do profesorado para xustificar unha reconversión do ensino público e anuncia que levará a cabo todo tipo de accións, mobilizacións, folgas e mesmo recorrerá a vía legal “para parar esta agresión sen precedentes”.
“Estamos ante unha proposta antidemocrática que pretende liquidar un acordo asinado polas organizacións sindicais o 11 de xuño de 2007. É un ataque sen precedentes ao ensino público, ao profesorado e un retroceso e involución das nosas condicións de traballo”.
Así resumía o secretario nacional de CIG-Ensino, Anxo Louzao, o contido dunha proposta da consellaría que vai supor recortar en máis de 1.000 profesores o ensino público, que inviabilizará o desenvolvemento de diferentes proxectos e que repercutirá de maneira moi negativa na calidade do ensino.
A pretensión da Consellaría, segundo explicou Louzao é, mantendo o horario de 37,5 horas semanais, mudar o reparto dese horario pasando en Infantil e Primaria de 21 a 25 horas lectivas e en Secundaria de 18 a 20.
A CIG-Ensino considera que a Consellaría, ao rachar unilateralmente un acordo, vulnera o principio recollido no artigo 38 do Estatuto Básico do Empregado Público que di que os acordos ou pactos teñen que ser respectados.
O profesorado ten unha xornada de traballo de 37,5 horas, das que 30 son de dedicación ao centro e 7,5 horas para o resto dos cometidos: formación, preparación de aulas, corrección, etc. As horas de dedicación ao centro repártense en horario lectivo, coordinacións de ciclo, titorías, atención á biblioteca, elaboración e desenvolvemento de proxectos, todos eles traballos que repercuten directamente na calidade da docencia que se imparte ao alumnado. A maiores o profesorado desenvolve mesmo actividades de carácter administrativo ante a inexistencia deste persoal nos centros, posibilitando así, de xeito voluntario, o funcionamento dun número importante de centros. O mesmo podemos dicir das actividades extraescolares e complementarias ou da atención aos comedores escolares.
Responsabilidade de custodia
O secretario nacional de CIG-Ensino denuncia tamén que na orde proposta pola Consellaría, ademais de incrementar o horario lectivo, preténdese responsabilizar o profesorado da custodia do alumnado desde que chega no transporte escolar até que entran nas aulas e desde a saída das aulas até que sube aos autobuses.
“Con esta medida a Consellaría pretende utilizar o profesorado para tapar a problemática do transporte escolar que non sempre está cumprindo os horarios que ten asignados” dixo Louzao.
Reconversión do ensino público
A CIG-Ensino denuncia que estamos ante unha “reconversión” do Ensino Público. Esta proposta ten a súa maior consecuencia na supresión de postos de traballo, que poden superar os 1000, dando lugar primeiro á mobilidade do profesorado e provocando a perda de mil postos de traballo que repercutiran no despedimento doutros tanto profesores e profesoras interinos no inicio do curso que vén.
A CIG-Ensino lembra que cando se negociou o acordo de 2007, ademais de acordar a redución da carga lectiva, negociouse un incremento de profesorado nos centros duns 1.000 profesores/as.
Propostas
A CIG-Ensino ten a vontade de desenvolver todas as accións necesarias para conseguir a retirada desta orde e xa convocou a todas as organizacións sindicais para chegar a propostas unitarias.
Anxo Louzao advertía ademais á Consellaría que malia a súa pretensión de presentar esta proposta a catro días de rematar o curso escolar para evitar a mobilización do profesorado “despois dun curso vén o seguinte” e engadía que “nós temos a vontade firme de fixar un calendario de mobilizacións e de folgas” para botar abaixo esta decisión unilateral.
Cadro comparativo dos horarios actuais coa nova orde de horarios: ligazón
Nota de prensa anterior sobre o mesmo tema: ligazón
Inormación da mesa sectorial onde pretenden negociar a reconversión: ligazón