A CIG-Ensino considera que a actual Consellería é a responsábel dun “trienio negro” para o ensino público

“O engano, a mentira, a fraude, a demagoxia, o autoritarismo e o desprezo ao profesorado foron os sinais de identidade e de actuación do Conselleiro”, denunciou Anxo Louzao

Este curso escolar evidenciou que as medidas adoptadas nos últimos anos foron demoledoras para o ensino público. Así o denunciou hoxe a CIG-Ensino nunha rolda de prensa na que o seu Secretario Nacional, Anxo Louzao, afirmou que nunca o ensino público recibiu tantos e tan graves ataques e recortes, nunha Lexislatura que cualificou como “trienio negro”. “Asistimos ao desmantelamento permanente da educación como servizo público universal e á destrución de emprego e padecemos unha política educativa orientada á mercantilización e posta ao servizo da patronal da privada concertada. Esta aposta pola privada concertada faise cada día máis patente”, engadiu.

Para a CIG-Ensino, o engano, a mentira, a fraude, a demagoxia, o autoritarismo e o desprezo ao profesorado convertéronse nos sinais de identidade e de actuación dun Conselleiro ao que Anxo Louzao se referiu como o peor de todos. “Estamos ante o inimigo número un do profesorado, perseguidor do galego e destrutor do ensino público”, dixo. Mentres, engadiu, non hai inconvinte en despilfarrar diñeiro de toda a cidadanía para “botar ao lixo” os libros de texto por estar en galego, liquidar as galescolas, ou subvencionar centros que segregan o alumnado por razóns de xénero, contravindo  incluso as sentenzas do Tribunal Supremo. “Actúa ao servizo dunha ideoloxía reaccionaria e non do interese xeral”, engadiu.

Recortes

A conflitividade e a problemática serán, en opinión da CIG-Ensino, o denominador común dun curso escolar que en Infantil e Primaria contará con:

-       12 centros e 132 unidades menos

-       113 unidades que agrupan alumnado de diferentes idades, niveis e cursos.

-       199 postos de traballo fixo suprimidos.

Xunto cos datos procedentes das adxudicacións provisionais, as amortizacións por xubilacións no curso pasado e a ausencia de oferta de emprego público, o ensino público contará con preto de 1000 profesores e profesoras menos que o curso pasado. Coa destrución de emprego de cursos anteriores, a perda de emprego no conxunto da lexislatura ascende a 2.500 postos de traballo, o que é, segundo explicou Louzao, que se produciu un “verdadeiro ERE encuberto en cada curso”.

O inicio do curso vén marcado tamén, segundo denuncia a CIG-Ensino, polos seguintes recortes:

-       778 profesores terán que impartir materias das que non son especialistas.

-       Incrementouse nun 25% o profesorado desprazado, 400 docentes aproximadamente

-       Reduciuse nun 20 % o salario dos empregados e empregadas do sector público, coa eliminación da paga extra de  decembro. Ademais, ao profesorado substituto reducíuselle o salario correspondente aos meses de verán.  

-       Suprimíronse dous centros de Educación Infantil da “Galiña Azul” e 49 postos de traballo.

-       Liquidouse o programa de Preescolar na Casa, programa pioneiro que atendía a 400 familias, co conseguinte despedimento de 32 traballadoras/es.

-       Nun curso marcado tamén por un número máis elevado de alumnado por aula, redúcese o profesorado de Pedagoxía Terapéutica  e de Audición e Linguaxe, para Atención á Diversidade, o apoio e reforzo educativo e con grandes deficiencias na orientación escolar e masificación dos Programas de Cualificación Profesional Inicial (PCPI)

-       Concúlcase o dereito do alumando á educación ao non cubrirse as baixas durante os primeiros 10 días lectivos. 

A CIG-Ensino denuncia que os dereitos do profesorado seguen agredidos ao ter unha maior carga lectiva, atención a tarefas que non son as propias, redución salarial, penalización retributiva por estar de baixa médica, vulneración do dereito á negociación colectiva, e incumprimento da lexislación e do dereito á revisión médica anual.

Aposta pola privada

 Ao tempo, denunciou Louzao,  a Consellería actúa como patronal de privada concertado. Os datos poñen de manifesto a aposta de Educación pola privada concertada: destínanse 250 millóns ao ensino concertado, créanse 16 unidades novas, subvenciónanse servizos que na pública non se ofertan (Ex: 204.000 euros para contratar auxiliares de conversa, ou 3.000 para necesidades educativas específicas en 66 centros) e destínanse 3 millóns de euros para centros que segregan alumando. Ademais reciben máis subvencións do programa Abalar (o 35% das axudas fronte a 21% dos públicos) e tamén  das destinadas a centros plurilíngües (o 25% das axudas van a privada concertada e o 7% a pública).

Neste curso 4.000 familias quedan sen prazas en Educación Infantil de 0 a 3 anos e unha cifra similar de alumnado quedará sen praza no ciclo que quere en Formación Profesional.  A todos estes recortes hai que sumar a prohibición de impartir as materias de Física e Química, Matemáticas e Tecnoloxía en galego e a redución dos orzamentos nun 69% ás equipas de normalización lingüística, unha redución que deixou fóra a 42 centros.

Tampouco se resolveu a problemática das ensinanzas  artísticas que seguen sen poder expedir título de grao. Entre outros asuntos, Louzao tamén se referiu a obriga do profesorado das Escolas Oficiais de Idiomas de ter que dar docencia noutros niveis educativos e ao funcionamento antidemocrático  dos Centros Integrados de Formación Profesional, cun sistema de avaliación da calidade que burocratiza a docencia. Iniciase o curso escolar –engadiu o Secretario Nacional da CIG-Ensino- co incremento do custe do material escolar e unha reforma educativa que introduce a reválida en  todos os niveis educativos. 

 En definitiva, concluíu Anxo Louzao, con esta política educativa de recortes permanentes, con 1000 prazas de profesorado menos, aulas máis masificadas, carencia de especialistas, desatención á diversidade, agrupamentos de alumnado de diferentes idades nunha mesma aula, aumentarase o fracaso e abandono escolar e será un curso no que as mobilizacións serán permanentes co obxectivo de “restituír os nosos dereitos, galeguizar o ensino e conseguir un ensino público da mellor calidade posible”.

 Por todas estas razóns a CIG-Ensino fai un chamamento a participar nas concentracións diante dos centros de traballo convocados para todos os xoves de setembro e en todas as mobilizacións que van serán oportunamente convocadas.

 

 

 

 

Volver