A CIG-Ensino considera perversa e tendenciosa a proposta de inquéritos presentada pola Consellaría de Educación sobre o ensino en galego

Enquérito Pais-Lingua

A CIG-Ensino, como xa denunciou esta mesma semana, considera absolutamente perverso, desde todos os puntos de vista, realizar esta consulta aos pais e nais cando as preguntas formuladas nin sequera recollen a opción (que sería sumamente razoábel, considerando que falamos da nosa lingua propia, proscrita historicaamente e marxinada no seu propio país) de que a escolarización poida ser integramente en galego, agás o das outras linguas.
NOTA DE PRENSA
 
A CIG-Ensino considera perversa e tendenciosa a proposta de inquéritos presentada
pola Consellaría de Educación sobre o ensino en galego
 
A CIG-Ensino, como xa denunciou esta mesma semana, considera absolutamente perverso, desde todos os puntos de vista, realizar esta consulta aos pais e nais cando as preguntas formuladas nin sequera recollen a opción (que sería sumamente razoábel, considerando que falamos da nosa lingua propia, proscrita historicaamente e marxinada no seu propio país) de que a escolarización poida ser integramente en galego, agás o das outras  linguas.
 
Os inquéritos elaborados pola Consellaría están orientados exclusivamente no sentido de que se deixen de impartir en galego as materias que establece como de impartición obrigatoria no noso idioma o Decreto 124/2007 e o Plan Xeral de Normalización de 2004. Aínda que a maioría sinalase a opción en galego estaríamos falando soamente do cumprimento do Decreto actualmente en vigor, co que se trata dunha consulta tendenciosa cara a unha determinada conclusión que non permite, nin sequera declararse partidario da opción de superar o actual Decreto 124.
 
O pobo galego ten que saber que estamos ante unha proposta demagóxica e tendenciosa que pretende lexitimar a posición duns poucos e que non se trata dunha proposta de participación democrática, pois nin sequera existen garantías plenas de participación. Estamos ante un tema que afecta ao sistema educativo como servizo público. O dereito á escolarización e os obxectivos que debe procurar a educación e a vehiculización do ensino en galego son cuestións que afectan ao conxunto da sociedade e non exclusivamente aos pais e ás nais.
 
O colmo da barbaridade é que o sistema que pretenden levar a cabo non ten ningunha garantía de que finalmente coñezamos os resultados reais ou que mesmamente sexan manipulados, pois establécese un procedemento sen ningún tipo de control democrático. Bótase pola borda todo o traballo feito polos Equipos de Dinamización e Normalización Lingüística, do profesorado e os estudos sociolingüísticos elaborados polos profesionais do ensino.
 
A CIG-ensino manifesta que este inquérito é ilexítimo na medida en que está encarrilado para facilitar resultados que mesmamente poden contradicir o Estatuto de Autonomía e a Lei de Normalización Lingüística. Ademais, con estes inquéritos, o Conselleiro de Educación incumpre a lexislación vixente que establece que a comunicación da Administración se realizará en lingua galega. Non é de recibo que as galegas e os galegos contemos cun Conselleiro que non ten reparos en incumprir a legalidade establecida e está obsesionado coa persecución do noso idioma.
 
O sistema educativo galego non se merece un conselleiro que a súa maior preocupación e lexislar en contra do galego, incumprir a normativa actual, ignorar o inxente traballo realizado polos ENDL e todo o profesorado, sementando a confusión con actuacións tremendamente irresponsábeis.
 
Débese considerar ademais que estamos ante o dereito irrenunciábel a coñecermos o noso idioma propio. Dereito que é extensivo a todo o alumado galego. Os dereitos non poden ser sometidos a consulta, especialmente cando se trata de garantir ao alumnado galego as competencia necesarias no noso idioma para que posteriormente poida usalo. Preguntámonos se, a partir de hoxe, se lle consultará aos pais e nais se os seus fillos e fillas deben ou non coñecer a historia de Galicia, a literatura galega, a Castelao, a Rosalía. Se cadra proximamente, tamén en Madrid, os pais e nais serán consultados en que lingua deben ser escolarizados os seus fillos e fillas
 
Consideramos que a pretensión da Consellaría non é outra que buscar xustificacións para aplicar as medidas regresivas que xa teñen programadas de antemán contra o noso idioma. Buscan agora referendos perversos e enganosos  para chegar a unha conclusión absolutamente tendenciosa, que non é outra máis que non respectar a Declaración Universal dos Dereitos Lingüísticos, incumprir a Lei de Normalización Lingüística e o Estatuto de Autonomía e fano incumprindo o Decreto 124/2007 que segue en vigor.
 
 
Santiago, 5 de xuño de 2009
 
Asdo.: Anxo Louzao Rodríguez
Secretario Nacional da CIG-Ensino

Volver