A CIG-Ensino consegue que o Tribunal Supremo anule a Orde pola que se aprobaron os concertos educativos para os centros que segregan o alumnado por sexo

A Sentenza, á que tedes acceso no interior da nova, di claramente que a Orde de 2009 que recollía este concertos queda anulada para os centros Peñaredonda, Montespino, Aloya, Acacias e Montecastelo “por non ser conforme a dereito”

A CIG-Ensino acaba de gañar unha sentenza que estima a demanda presentada contra a Consellaría de Educación por conceder concertos educativos a cinco centros que segregan o alumnado por sexo. A Sentenza, que podedes atopar no interior da nova, di claramente que a Orde de 2009 que recollía este concertos queda anulada para os centros Peñaredonda, Montespino, Aloya, Acacias e Montecastelo “por non ser conforme a dereito”

No seu día a CIG-Ensino recorreu ante o Tribunal Superior de Xustiza de Galiza esta orde por considerar que a discriminación por sexo era contraria á lexislación vixente naquel momento. Porén o TSXG fallou a favor da Consellaría en 2012. Contra esa sentenza do TSXG a CIG-Ensino presentou recurso de casación ante o Tribunal Supremo, acadando neste momento unha sentenza que ditamina que a orde queda anulada para os cinco centros ligados ao Opus Dei. Tal e como di a sentenza “É verdade que o artigo 84.3 da Lei Orgánica 2/2006 de 3 de maio, de Educación, si inclúe o sexo entre as causas polas que non poderá discriminar os alumnos na admisión aos centros públicos e aos concertados. Tendo en conta que a súa disposición adicional vixésimo quinta asegura unha atención preferente e prioritaria aos centros que desenvolvan o principio de coeducación en todas as etapas educativas. En definitiva, non poden comprometerse fondos públicos, pola vía dos concertos educativos, máis alá dos presupostos previstos pola lei.”

O Secretario Nacional da CIG-Ensino, Anxo Louzao, manifestou ao coñecer a sentenza que “estamos ante un fallo que evidencia que a Consellaría de Educación actúa ao servizo da ideoloxía máis reaccionaria, non tendo ningún tipo de reparo en empregar diñeiro de todas as galegas e galegos para impulsar modelos educativos ultrareaccionarios que son un obstáculo para avanzar na igualdade de xénero e na non discriminación entre homes e mulleres”

Anxo Louzao engade que “este comportamento da Consellaría de Educación dedicando de maneira perversa e ilegal diñeiro público a fomentar centros que discriminan o alumnado por razón de sexo é un motivo máis e dos de máis peso para reclamar a súa dimisión”. E engade que “estamos ante un uso fraudulento dos recursos públicos que ten como responsábel último ao propio presidente da Xunta, Núñez Feijoo.” Ademais, o Secretario Nacional da CIG-ensino valora que “o  lóxico e normal sería que a Consellaría esixise a devolución das cantidades coas que se subvencionou irregularmente os centros Peñaredonda, Montespino, Aloya, Acacias e Montecastelo”.

A CIG-Ensino ten tamén presentado recurso contra a Orde de 2013, denunciando que a Consellaría, en lugar de atender á xurisprudencia existente e actuar en consecuencia, adoptou, máis unha vez, a decisión interesada e claramente favorábel a estas patronais privadas ligadas ao OPUS Dei, de manterlles o concerto, mesmo antes da aprobación da LOMCE, desbaldindo os recursos públicos de todas e todos .

A CIG-Ensino manifesta finalmente que o que está xa posto en evidencia é que a aprobación da LOMCE obedecía, entre outras cuestións, ao desexo dos gobernos do PP de darlle cobertura legal mediante unha lei orgánica a estes modelos educativos reaccionarios e obsoletos. Por tanto, unha razón fundamental máis para reclamar a non aplicación da LOMCE e a eliminación dos concertos educativos aos centros privados.

Volver