A CIG-Ensino consegue melloras por riba do convenio coa aprobación do Plan de Igualdade da empresa Aurora, Pilar e Ana SL

Este plan beneficiará á práctica totalidade do persoal (186 das cales 179 son mulleres) das 15 escolas infantís que ten a empresa en Galiza.

O plan, recolle, entre outras medidas, un permiso de 20 horas anuais retribuídas para acompañar a consultas médicas a familiares a cargo, o aumento do período de goce do permiso de lactación de 9 a 10 meses, a obrigatoriedade de impartir a formación dentro do horario laboral, mellora da estabilidade laboral para traballadoras con contratos curtos, podendo optar prioritariamente ás novas vacantes que se necesiten na escola, o permiso para acudir con fillos ou fillas con NEAE á adaptación escolar, o impulso da xornada continuada ou a posibilidade de fraccionar os permisos por hospitalización ou enfermidade grave de persoas a cargo.

Despois dunha negociación de tres meses e seis reunións nas que a CIG-Ensino levou sempre a iniciativa conseguiuse chegar a un acordo de mínimos coas outras organizacións e coa empresa que deron como resultado O primeiro Plan de igualdade asinado neste sector en Galiza, tanto no ensino público coma privado. Nel recóllense varias melloras con respecto ao convenio de educación infantil, que é polo que se rexe a empresa Aurora, Pilar e Ana SL, propietaria de 15 escolas infantís en toda Galiza, entre elas a do Pino, a única na que a CIG tiña delegada sindical, o que fai aínda se cabe máis meritoria a aprobación deste plan que se estende á totalidade das súas traballadoras.

No acordo, ratificado a finais de xullo, estáblecese un calendario de implantación das medidas recollidas en dito plan que vai desde o curto prazo, neste primeiro ano, ata algunha que está prevista máis a longo prazo, e que consiste basicamente nunha avaliación cada 3 ou 4 anos sobre a satisfacción das traballadoras, as súas necesidades en materia de conciliación e propostas de mellora.

Medidas a implantar no primeiro ano acadadas pola CIG-Ensino

- Ampliación do permiso para acompañar a citas médicas do SERGAS a familiares dependentes a cargo a través dunha bolsa de 20 horas anuais retribuídas sen capacidade de ser devoltas nin cambiadas por días de vacacións

- Os cursos e accións formativas da empresa realizaranse sempre durante a xornada laboral, computándose como tempo efectivo de traballo.
- O permiso de lactación ou de coidado no caso de adopción poderá gozarse até o décimo mes
- Posibilidade de flexibilización dos días de permiso por hospitalización ou enfermidade grave de persoas a cargo de forma fraccionada, dentro das marxes de organización interna da escola
- Durante os períodos de adaptación escolar o persoal con crianzas con NEAE poderá ausentarse polo tempo necesario.
- Ante unha nova vacante optarán a mellorar as súas condicións laborais (xornada laboral, contrato...) as persoas traballadoras que xa formen ou xa formasen recentemente parte da empresa
- Impulso da xornada continuidada fronte á xornada partida como medida de conciliación. - O persoal que teña persoas a cargo con discapacidade ou enfermidade grave terán prioridade no cambio de quenda.
- Garantía de que as ofertas de emprego se limiten á descrición exacta do posto de traballo. Abrir as accións formativas para garantir a polivalencia e a rotación do persoal e maiores posibilidades de promoción.
- Formación en materia de igualdade, incluído acoso sexual e violencia de xénero, tanto á comisión de seguimento como ás persoas responsábeis da selección de persoal.
- Promoción prioritaria para as mulleres nas categorías nas que estas supoñan o 25% ou menos, podendo promocionar os homes sempre que non existan candidatas que cumpran os requisitos.
- Garantía por parte da empresa de que todas as persoas que o desexen poidan participar nos procesos de promoción.
- Participación activa na sensibilización en contra da violencia de xénero durante todo o ano, especialmente na semana do 25N.
- Prestación de apoio psicolóxico por parte da empresa ás mulleres acreditadas como vítimas de violencia de xénero.
- Elaboración dun plan de comunicación interna que permita a difusión do Plan de igualdade e do resto de medidas que leve a cabo a empresa neste eido.
- Revisión de toda a documentación sobre prevención de riscos laborais de forma que no seu contido se teñan en conta os factores físicos e psicosociais de homes e mulleres na actividade preventiva da empresa.
Medidas a implantar a medio prazo (de un a tres anos)

- Cada centro de traballo a partir da ficha de postos de traballo que teña elaborada a empresa adaptaraos e ampliaraos con respecto ás particularidades de cada escola infantil.
- Campaña de sensibilización de todo o persoal en materia de igualdade de trato e de oportunidades entre homes e mulleres mediante accións formativas que deberán chegar de forma clara e factíbel e nas que se divulgue o plan de igualdade.
- Prioridade na contratación externa de empresas que acrediten que o seu persoal ten formación nestas áreas.
- Análise estatística anual desagregada por sexo sobre as condicións de traballo incluíndo os tipos de contrato e de xornada laboral.
- Elaboración dunha campaña (cartelaría, emailing, formación...) na que se inclúan os comportamentos constitutivos de de acoso entre outros contidos, o compromiso da empresa de evitar estas situacións, as fases e canles de denuncia, a garantía de confidencialidade e a tipificación das medidas sancionadoras así como a persoa ou persoas ás que dirixirse nestes casos.
- Introducir un módulo de PRL desde a perspectiva de xénero dentro da formación obrigatoria nesta materia.
- Incluír de maneira preventiva campañas de sensibilización para momografías e análises de marcadores prostáticos.

EMPRESAS NAS QUE VAI SER DE APLICACIÓN ESTE PLAN DE IGUALDADE

Escola Infantil de Pontevedra
Escola Infantil de Outeiro de Rei
Escola Infantil San Paio de Vigo
Escola Infantil de Valga
Escola Infantil de Viveiro
Escola Infantil de Becerreá
Escola Infantil de O Pino
Escola Infantil de Coristanco

Escola Infantil de Neda
Escola Infantil de Cerceda
Escola Infantil de Vedra
Escola Infantil de Sada
Escola Infantil de Lugo Mª Wonenburguer
Escola Infantil Atalaia - Teis
Escola Infantil do Hula

CIG-Informa sobre o plan de igualdade da empresa de escolas infantís Aurora, Pilar e Ana SL

Documento


Volver