A CIG-Ensino consegue a equiparación do persoal docente temporal das universidades galegas á hora de cobrar os complementos de investigación e de docencia

A Axencia para a Calidade do Sistema Universitario de Galiza (ACSUG) vén de admitir parcialmente o recurso presentado en xaneiro á convocatoria que regula a avaliación previa para o cobro destes complementos autonómicos

A aceptación parcial da demanda da CIG-Ensino suporá que o persoal que cumpra os requisitos fixados no Decreto 55/2004 que regula os complementos autonómicos, agás o da fixeza e estabilidade na praza que foi anulado tras o recurso do sindicato, poida pasar a percibir case 1.000€ máis ao ano no caso do complemento docente e ao redor de 900€ máis no de investigación.

Até o de agora a ACSUG limitaba ao persoal funcionario e contratado doutor con carácter fixo e estábel o acceso ás convocatorias para a avaliación previa á asignación das retribucións adicionais relativas aos complementos autonómicos de recoñecemento de labor docente e investigador. Tal e como argumentaba a central sindical no seu recurso de reposición, a discriminación do persoal interino e colaborador, así como do profesorado axudante doutor, contravén as directivas da Unión Europea e a xurisprudencia do Tribunal de Xustiza da UE que obrigan a outorgarlle os mesmos dereitos ao persoal fixo e eventual que presta servizos nas administracións públicas”. 

Na resolución que estima parcialmente o recurso presentado pola CIG-Ensino, a ACSUG accedeu a abrir un prazo adicional para que “o persoal docente e investigador funcionario e contratado doutor cuxa praza non sexa fixa ou estábel” -tal e como se cita na súa resolución-, poida acollerse a esta convocatoria”

Para a CIG-Ensino estamos diante dun feito que debe supor un antes e un despois na actual discriminación retributiva entre o persoal con emprego fixo e temporal nas tres universidades galegas. Aínda así, desde o sindicato alertamos da posibilidade de que a ACSUG pretenda limitar os efectos deste recurso á figura do persoal interino, deixando fóra outros perfís de contratación, como o persoal colaborador, o axudante doutor, etc… a quen a CIG-Ensino incluía expresamente na demanda. 

É de salientar que a ACSUG, antes de ditar esta resolución, elevou unha consulta á Asesoría Xurídica da Consellaría de Educación, que se reproduce no texto de resposta ao sindicato. Na resposta da administración indícase claramente que, “tendo presente a reclamación do sindicato, deixaría de aplicarse o requisito da praza fixa e estábel”, polo que fica claro que a decisión adoptada conta coa aprobación da Xunta de Galiza. 

Abrirase un novo prazo para o persoal temporal 

A estimación do recurso obriga a ACSUG a abrir un novo prazo para que poidan presentar a documentación pertinente as persoas con contrato temporal inicialmente excluídas. Segundo confirmación da propia axencia, en próximas datas publicarán unha resolución no DOG habilitando ese novo prazo para o persoal cuxa praza non sexa fixa ou estábel. Desde o sindicato animamos a todo o colectivo de traballadoras e traballadores que se poidan ver beneficiados por esta resolución a presentarse á avaliación do labor docente e investigador, sempre e cando cumpran os requisitos que figuran no Decreto 55/2004: 

  • Para o recoñecemento do complemento ao labor docente
  • Estar integrado no cadro do persoal docente de calquera das universidades públicas galegas
  • Acreditar polo menos un ano de servizo na súa praza.
  • Ter dedicación a tempo completo no exercicio da docencia.
  • Presentar unha memoria de autoavaliación.
  • Para o recoñecemento do complemento ao labor investigador
  • Estar integrado no cadro do persoal docente de calquera das universidades públicas galegas
  • Acreditar polo menos un ano de servizo na súa praza.
  • Ter dedicación a tempo completo no exercicio da docencia.
  • Ter presentado na Universidade un traballo de investigación que, sendo xulgado por un tribunal avaliador, lle teña outorgado o grao de doutor.
  • Presentar unha memoria de autoavaliación na que consten os méritos investigadores do ou da solicitante.

 Negociación da modificación da normativa de complementos autonómicos 

Por outro lado, e unha vez coñecida a resolución da ACSUG, favorábel á CIG-Ensino, o sindicato vén de se dirixir ao Conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria para que convoque a Mesa Sectorial de Universidades co fin de negociar a modificación do Decreto 55/2004, parcialmente alterado tras esta demanda. A central sindical pretende que se recolla expresamente que todos os colectivos de persoal docente e investigador (colaborador, axudante doutor, contratado interino, etc..) estean recollidos expresamente no Decreto, modificando tamén o II Convenio Colectivo de PDI Laboral no que teña a ver con esta norma.

A CIG-Ensino seguirá adiante con todas as medidas necesarias, quer na vía da negociación ou da xudicialización, se a primeira non se concreta, para rematar coa discriminación retributiva do PDI nas tres universidade galegas. Neste sentido, mantén a súa defensa de que a igual traballo debe corresponder idéntico salario e dereitos, máis alá da relación temporal ou fixa das diferentes categorías do persoal docente e investigador.

Podes consultar a Resolución do recurso de reposición por parte da ACSUG nesta ligazón

CIG Informa sobre o cobro de complementos para o persoal docente temporal das universidades galegas

Documento


Volver