A CIG-Ensino conmemora o 50 aniversario do sindicalismo nacionalista no ensino como forza hexemónica mais co reto de manter a defensa firme do profesorado e do ensino público

Nesta efeméride, a central nacionalista quere render homenaxe a todas as persoas que formaron e forman parte deste proxecto e chama o profesorado a unirse ou a implicarse máis activamente para acadar melloras laborais e da calidade do ensino

No ano 1974 un grupo de ensinantes fundaron a UTEG (a Unión de Traballadores do Ensino de Galiza), que foi o primeiro sindicato docente en agromar no noso país e que, após dar a batalla en numerosos conflitos e de pasar pola súa reorganización interna até se converter na Confederación Intersindical Galega do Ensino, chega ao seu 50º aniversario acadando o seu teito electoral e de representatividade e como primeira forza sindical do país.

O sindicalismo nacionalista do ensino cumpre medio século de vida nunha situación hexemónica en Galiza en canto a representatividade do profesorado do ensino público e como referencia de compromiso inquebrantábel coa defensa do ensino público e de todo o persoal que traballa no sector educativo. Os históricos resultados electorais das eleccións no ensino público non universitario de 2022 ,tanto en número de votos (9.765) como en delegados e delegadas (67), confirman que o camiño emprendido por un grupo de ensinantes no curso 1973/74 foi o acertado.  A consolidación, tamén como primeira forza, no ámbito do persoal docente e investigador das universidades ou en sectores do ensino privado como o das escolas infantís, a atención á discapacidade ou o dos centros de menores, reforzan a relevancia sindical do proxecto sindical da CIG-Ensino.

Enfrontándose á falta de medios e á hostilidade dos poderes fácticos, pero co convencemento de que a solución aos problemas do ensino e da clase traballadora galega pasaban pola autoorganización, sen tutelas foráneas nin propostas corporativas e pola defensa da nosa identidade, lingua e cultura, non foron poucos os obstáculos que houbo que superar neste tempo até chegar ao día de hoxe no que o balance non pode ser máis que positivo. Cóntanse por miles as persoas que fixeron e fan parte deste proxecto nestas cinco décadas, en canto a afiliación e cadros sindicais, e outras tantas as que apoiaron co seu voto nos procesos electorais un modelo sindical que desde as súas orixes se caracteriza por ser asembleario, con presenza constante nos centros de ensino, democrático e transformador.

Desde a UTEG á actual CIG-Ensino foron tamén moitos os desafíos internos que se superaron para aglutinar as diferentes sensibilidades arredor dun ideario que se mantén firme ao longo destas cinco décadas: a defensa dunha rede de ensino público e gratuíto, na que non teñan cabida os concertos educativos; o corpo único de ensinantes; a laicidade nas aulas; a estabilidade no posto de traballo, o uso do galego como lingua vehicular e un deseño curricular baseado na nosa cultura e realidade socioeconómica, a participación nas políticas educativas por parte da sociedade e a xestión democrática dos centros.

Polo camiño acadáronse importantes avances a través fundamentalmente da presión e da loita, cando a vía da negociación está esgotada, sobre todo cos sucesivos gobernos con maioría absoluta do PP no noso país. No comezo todo estaba por facer, non había eleccións sindicais, nin concurso de traslados a nivel estatal, a relación laboral docente cos centros de ensino “públicos” podía ser en réxime funcionarial ou de contratos laborais… Moitas destas loitas gañáronse e noutras conseguíronse importantes melloras grazas á firmeza e, nalgúns casos afouteza, coa que se enfrontou o conxunto do profesorado galego, sempre da man das familias e do estudantado, a normativas, recortes e imposicións. Outras, como a mercantilización da educación, a súa privatización e burocratización tomaron unha deriva máis acuciante nos últimos tempos. É por isto, que o sindicato, do que fan parte cada unha das persoas en activo e xa xubiladas, e tamén de quen xa non está entre nós, aspira a manter viva esta posición de resistencia e de contrapoder fronte aos poderes políticos e económicos e a conseguir avances que incidan nos dous obxectivos irrenunciábeis que conforman o seu ideario hoxe e hai 50 anos: a defensa dun ensino público galego e en galego de calidade e a mellora das condicións laborais, dúas reivindicacións intimamente ligadas tamén desde a súa fundación até a actualidade.

 

Volver