A CIG-Ensino confirma o seu desencontro co MECD na proposta de cambios no sistema de oposicións

Na Mesa Sectorial do Estado de hoxe, 7 de novembro, o Ministerio amosou unha nula vontade de negociación e só adiantou lixeiras modificacións sobre o texto inicial

Todo mal comezo acaba case sempre mal. Un acordo das organizacións estatais con representación na Mesa Xeral de Administracións Públicas co goberno do PP para reducir a temporalidade no emprego público, sen ningún tipo de garantías no seu desenvolvemento, afronta agora a realidade dun goberno que, apoiándose nese acordo, prefire facer ouvidos xordos ás propostas sindicais, ás da oposición e ás da maioría das CC.AA

Así se evidenciou xa nas pasadas reunións cos representantes do MECD e se ven de confirmar novamente na reunión de hoxe. O Ministerio moveuse moi escasamente do texto presentado na anterior reunión, coa intención de aplicar unilateralmente os pequenos cambios propostos para as convocatorias de emprego vinculadas coas ofertas de 2017 a 2019 (e que poderían estender as probas de ingreso até 2022). Uns cambios que só maquillan moi superficialmente a ponderación das fases de oposición e concurso e, dentro desta, do peso da experiencia docente. 

Escasos cambios e pretensión de pechar en falso a negociación.
Mañá entregarán novo borrador, que colgaremos nesta nova de inmediato

O MECD non achegou ningún novo borrador na reunión da Mesa e só comunicou algúns cambios despois da reunión da Comisión Xeral de Educación (MECD-CC.AA.) e das propostas sindicais, comprometéndose a enviar un novo texto no día de mañá, mércores 8. Estas serían os elementos máis importantes da Mesa Sectorial do Estado de hoxe:

  • Non están dispostos a que os exames ou partes da fase da oposición deixen de ter carácter eliminatorio. Ten relevancia, neste apartado, que na Comisión Xeral de educación se produciu un empate a 8 votos entre os representantes das CC.AA. entre o carácter eliminatorio ou non das partes da fase de oposición. A ausencia da representación catalá, pola intervención estatal coa imposición do artigo 155, implicou que no empate o MECD fixese valer o seu voto de calidade a favor do carácter eliminatorio.
  • Introducen os seguintes cambios:
    • Incremento do número de temas a elixir no desenvolvemento por escrito dos temas da especialidade: 
      • 3 temas para temarios de até 25 temas
      • 4 temas para temarios entre 26 e 50 temas
      • 5 temas para temarios de máis de 50 temas.
    • Mantendo o tope de 7 puntos de experiencia, elévanse de 7 a 10  os anos  de cómputo. Non se modifica o reparto, 7 puntos de experiencia, 5 de formación e 2 de outros méritos, cun tope de 10 puntos.

    • A formación continua, no apartado de Outros Méritos (2 puntos como máximo). Aclaran que na fase de concurso a formación continua non irá, como figuraba no texto entregado, dentro do apartado de méritos académicos. Iría, segundo decida cada administración convocante, dentro do apartado de outros méritos.
Os cambios dos temarios.

Por outra parte, o MECD non fixo entrega, como se comprometera, dos borradores de novos temarios das oposicións docentes que entrarían en vigor en 2019, alegando problemas técnicos e adiantando que nolos proporcionará en breve. Desde a CIG-Ensino hai anos que vimos denunciando que moitos deles ficaron obsoletos, con máis de vinte de anos de antigüidade na meirande parte deles. Porén, entendemos que estes cambios chegan tarde, mal e arrastro. Sendo como somos favorábeis a actualizar o que ficou desfasado, na CIG-Ensino entendemos que o momento non é o máis oportuno e que, á vista das incertezas que amosa o propio MECD sobre o desenvolvemento dos procesos selectivos nas diferentes CC.AA. nos próximos anos (con territorios que poden agrupar os procesos en tres anos, outros que mesmo poden limitalos a dous e algúns que poden estendelos a cinco anos), o lóxico e normal é non introducir modificacións, polo menos de relevancia, durante este período.

A farsa da estabilidade, o perigo da redución da temporalidade sen contar coas persoas. 
Non falan de estabilizar persoas senón prazas

 A estabilidade no emprego público é un concepto que necesariamente ten que partir dun proceso de  consolidación de quen traballa como temporal no ensino público. Mais un proceso selectivo é sempre unha competencia e ten que contar con posíbeis alternativas para o persoal interino que non o supere, algo que só se pode facer se existe un acordo de estabilidade, especialmente para aquelas persoas cunha longa adicación ao ensino público e, sobre todo, cunha idade de 55 anos ou máis. 

Nada disto se recollía no acordo inicial, como tampouco se recolle na translación dese acordo ao ámbito galego, cos mesmos protagonistas. Así pois, nin durante o proceso nin despois del se está a pensar realmente nas persoas, só nas cifras. As declaración dalgunha organización sindical asinante do acordo e dos propios responsábeis do MECD así o demostran: non falan de estabilizar persoas senón prazas. 

Non é o noso modelo, mais procuramos introducir melloras.

 Malia amosar o noso desacordo co sistema proposto e coas lixeiras modificacións ofertadas, desde a CIG-Ensino fixemos propostas sobre o texto presentado coa idea de mellorar, sequera parcialmente, o borrador do MECD. 

Así, entendemos que a ponderación da fase de concurso debe subir ao máximo que actualmente permite a xurisprudencia e que entendemos que vai máis alá da proposta do MECD. 

A CIG-Ensino defende que se simplifiquen os exames e que non teñan carácter eliminatorio

Ao respecto da fase de oposición a CIG-Ensino defende que se simplifiquen os exames e que non teñan carácter eliminatorio ao tempo que se permita unha maior opcionalidade dos temas.

Tamén instamos ao MECD a acomodar o reparto da puntuación na fase de concurso, permitindo que o reparto da experiencia docente sobre o resto dos méritos sexa o maior posíbel. Dentro deste reparto propuxemos que a formación académica de reduza de 5 a 4, unha das medidas para reforzar o peso da experiencia docente.

Hai máis problemas fundamentais a solucionar que non dependen da Mesa do Estado. 

Independentemente da negociación da modificación do Real Decreto hai preocupacións que o persoal interino galego trasladou á CIG-Ensino nas recentes asembleas que terán o seu centro de decisión no ámbito galego, xa que dependen da propia convocatoria, do desenvolvemento das probas e da negociación ou non dun acordo de estabilidade. 

Estas son as principais propostas do colectivo que a CIG-Ensino, como sempre fixo, asume e fai propias: 

  • Unha ampla oferta de prazas só pode ser avaliada positivamente se vén acompañada por un acordo de estabilidade que, como mínimo, debe recoller as persoas maiores de 55 anos.
  • O ingreso na función pública docente é o concurso-oposición mais non serve de nada que se valore máis a fase de concurso, se só se lles teñen en conta os méritos a aquelas persoas que superan a fase de oposición, convertendo o ingreso na maioría dos casos nunha oposición na que a fase de concurso só serve para reordenar a listaxe de aprobados.
  • Teñen que existir criterios unificados en todos os tribunais.
  • Hai que garantir transparencia, concreción das probas e os criterios de avaliación, publicación dos criterios de corrección e das notas, estas por separado e a diario.
  • Os tribunais, ou a Consellaría cando corresponder, teñen que dar resposta ás reclamacións.
  • O baremo debe ser realizado, como xa aconteceu hai anos, por unha comisión técnica da administración e non polo tribunal.
CIG Informa sobre a Mesa Sectorial do Estado na que se analizaron os cambios propostos no sistema de oposicións

Documento


Volver