A CIG-Ensino concentrouse diante de Educación para denunciar a situación na que se atopan os CIFP

A CIG-Ensino entregou 486 sinaturas de profesorado que imparte docencia nestes centros esixindo melloras nas condicións laborais e unha xestión democrática

Delegados e delegadas da CIG-Ensino concentráronse este mércores 3 de xullo diante da Consellería de Educación para para denunciar a situación na que se atopan os CIFP e exixir unha táboa reivindicativa que contempla medidas dirixidas a mellorar o seu funcionamento, unha xestión democrática e as condicións laborais do profesorado. Coincidindo con esta concentración a CIG-Ensino fixo entrega no rexistro da Xunta de 486 sinaturas en apoio da táboa reivindicativa do profesorado dos CIFP.

No decurso da concentración o secretario nacional da CIG-Ensino, Anxo Louzao, explicou que desde hai máis de un mes vense desenvolvendo unha campaña en todos os CIFP, 19 en toda Galiza, e celebrando asembleas a partir das que se elaborou unha táboa reivindicativa na que se recollen as súa principais demandas.

A CIG-Ensino rexeitou desde o primeiro momento o actual modelo de centros integrados de formación profesional (CIFP) por, entre outras razóns, introducir un sistema de funcionamento antidemocrático importado do mundo empresarial, no que ao profesorado se lle impide todo tipo de participación nas decisións do centro, na elección dos diferentes órganos e na elección do director ou directora.

A este respecto, Louzao sinalou que “o primeiro que  solicitamos é unha xestión democrática” e denunciou que as direcións elíxeas a propia administración, “son eleccións impostas sen ningún tipo de participación e decisión do claustro de profesores”.

Na actualidade, o profesorado dos CIFP viu seriamente deteriorada e precarizada a súa situación laboral. A Consellaría de Educación impuxo uns horarios, de maneira unilateral, de sesións de 60 minutos, o que supuxo un incremento de máis de tres horas e media no horario lectivo semanal, sen ningunha negociación previa, que discrimina o profesorado destes centros co resto de secundaria, onde os períodos lectivos son de 50 minutos. Este incremento de carga horaria trouxo consigo ademais a redución de profesorado nos centros.

Por iso outra das demandas nas que o secretario nacional da CIG-Ensino fixo fincapé foi a mellora das condicións de traballo, que pasa porque se negocie un novo regulamento orgánico dos centros que contemple que nos cadros de persoal cos que se dote teñen que fixarse as horas que o profesorado lle dedica tanto ás probas de competencias como á propia formación profesional para o emprego, que están neste momento impartindo mediante horas extras. “O que queremos é que se incremente a oferta de emprego, se creen postos de traballo e que esa carga de traballo forme parte dos horarios do propio profesorado”.

O actual Sistema de Xestión da Calidade dos CIFP implantado pola Consellaría de Educación non mellora a calidade do ensino nin a actividade docente, nin os procesos de ensino e aprendizaxe, pero si acrecenta, até extremos inimaxinábeis, a burocracia e o traballo administrativo en serie.

Sobre isto, Louzao denunciou que o profesorado destes centros soporta unha inxente carga de traballo burocrático, non recoñecida no seu horario, que foi imposta progresivamente coa implantación deste Sistema de Xestión da Calidade e que incrementou exponencialmente a súa dedicación a tarefas non docentes.

A situación agrávase porque o profesorado dos CIFP sofre un regulamento orgánico dos centros inaceptábel que, nin sequera, regulamenta os horarios, non ten en conta todo o traballo e funcións que desempeña o profesorado neste nivel educativo e tampouco as diferentes modalidades de formación que se imparten.

A falta de oferta de emprego público impide estabilizar no seu traballo o profesorado interino e repercute negativamente na calidade do ensino, debido á falta duns cadros de persoal estabeis que permitan mellorar a planificación do traballo docente.

A xestión antidemocrática dos CIFP ponse de manifesto tamén coa implantación da FP Dual e a posta en marcha, en moitos casos, de ciclos baixo esta modalidade en contra do criterio dos propios departamentos dos centros.

A situación é de extrema gravidade tamén no que ten que ver  coa falta de materiais didácticos no noso idioma e a oferta da FP a distancia, na que se están usando materiais do Ministerio, unicamente en castelán e con contidos que non se corresponden cos currículos galegos.

Diante desta situación, a CIG-Ensino xa lle trasladou ao director xeral de formación profesional nunha entrevista esta situación e esixirá da Consellaría de Educación a posta en marcha dunha serie de medidas que permitan a xestión democrática dos CIFP e a mellora das condicións laboriais do profesorado.

Volver