A CIG-Ensino concentrouse ante o Parlamento de Galiza para rexeitar a aprobación da Lei de Convivencia e Participación

Con esta concentración a CIG-Ensino quere manifestar o seu rexeitamento á imposición desta Lei, para a que o Consello Escolar de Galiza, así como numerosos Consellos Escolares Municipais, xa solicitaron a súa retirada

A CIG-Ensino concentrouse diante do Parlamento de Galiza hoxe, 26 de abril, coincidindo co debate no parlamento do proxecto de Lei de Convivencia e Participación da Comunidade Escolar, para manifestar o seu rexeitamento á imposición desta Lei, como tamén así o fixeron o Consello Escolar de Galiza e numerosos Consellos Escolares Municipais mediante a solicitude da súa retirada.

En declaracións feitas aos medios, o Secretario Nacional da CIG-Ensino, Anxo Louzao, manifestou que o amplo rexeitamento a este anteproxecto de Lei se debe a que ten como verdadeiro fin reducir, aínda máis, o ensino en galego e a que en ningún caso estabelece as medidas pedagóxicas necesarias para previr e tratar a conflitividade escolar.

O anteproxecto de Lei naceu no momento en que o Consello Consultivo emitiu informe desfavorábel sobre o Decreto 79/2010 que regula o uso do galego no ensino para dar cobertura legal a que as familias participen na definición da política educativa e idiomática, algo que, ademais de ser ilegal por conculcar dereitos recollidos no Estatuto de Autonomía, na lei de Normalización Lingüística, na LOE e na propia Carta Europea de Linguas Minoritarias, supón un disparate tanto social como pedagóxico.  

Segundo Anxo Louzao, as razóns para rexeitar este anteproxecto son numerosas, aínda que destacou as seguintes: “a Consellaría de Educación actuou de costas ao profesorado, impedindo a información, o debate, a participación e a negociación. Levou adiante un proxecto de Lei importado e alleo á nosa realidade social e educativa, por motivacións políticas espurias, importando propostas lexislativas lideradas por aqueles sectores máis extremistas do Partido Popular, tendo os seus antecedentes e alimentándose da Lei de Autoridade do Profesor, aprobada polo goberno do PP, na Comunidade Autónoma de Madrid. E agora pretende impor esta Lei recorrendo á súa maioría absoluta no Parlamento Galego, lexislando así de acordo coas súas fixacións políticas e sen escoitar as demandas da sociedade, que a través do Consello Escolar de Galiza reclamou a retirada do proxecto.

Continúa sen ser valorizado o noso traballo como docentes, ao termos que impartir materias das que non somos especialistas, realizar funcións e traballos que non nos corresponden, recargarnos de numerosas tarefas burocráticas, prohibirnos impartir aulas en galego, recortarnos os nosos salarios, negar as peticións de profesorado para centros, etc.

Os problemas de convivencia son abordados desde unha perspectiva exclusivamente coercitiva e represiva, desbotando a educativa e formativa, e pretendendo xudicializar a vida escolar e non a formación integral da persoa.”

Cómpre lembrar, en relación con isto, que no Consello Escolar de Galiza, a CIG-Ensino e a maioría das organizacións sindicais, os representantes das ANPAS dos centros públicos, o alumnado e os movementos de renovación pedagóxica pediron a retirada por 21 votos en contra do anteproxecto, 2 abstencións e 11 votos a favor do seu mantemento.

A CIG-Ensino segue demandando unha Lei do Sistema Educativo Galego que dea resposta satisfactoria ás necesidades da educación pública galega e que, entre outras, pasan por dotar de profesorado suficiente os centros públicos, reducir o número de alumnado por aula, incrementar o investimento no ensino público até o 7% do PIB, dotar de persoal administrativo os centros, facilitar a formación do profesorado tamén en horario lectivo, autorizar os desdobres necesarios, reforzar a titoría con redución horaria, estender e ampliar o servizo de orientación dotar os centros doutros perfís profesionais onde sexa necesario, garantir a xubilación anticipada, mellorar as nosas retribucións, reducir o horario lectivo ao maiores de 55 anos, incrementar os recursos para a atención á diversidade e a educación personalizada e restituír os nosos salarios. Estas medidas, xunto cun estatuto do docente galego si que darían prestixio a función docente e autoridade ao profesorado.

Volver