A CIG-Ensino concéntrase diante da Escola infantil Merlín e denuncia que os datos de matrícula ofrecidos pola empresa non xustifican eliminar case dous postos de traballo

O vindeiro mércores 12 volverá haber outra concentración en repulsa polo despedimento da traballadora que acudiu á CIG para pedir axuda ante as nóminas que lles debía a empresa e pedindo a intervención pública da escola.

A CIG-Ensino solicitoulle á Xunta os datos que lle enviou o empresario Carlos Porto Santoro sobre a matrícula este curso, que é de 41 nenos e nenas, 8 menos que o curso pasado, e non de máis do 40%, como indicaba na carta de despedimento que lle entregou á traballadora Iria Moreiras. Se damos por certos os datos enviados á administración, porque o contrario sería unha ilegalidade, non se xustifica en absoluto que se prescinda dunha traballadora e se lle reduza a xornada a outra, ambas decisións tomadas de forma unilateral por parte do propietario.

O martes 4 de febreiro as traballadoras de Merlín, escola infantil privada pero subvencionada integramente pola Consellaría de Política Social -este curso con máis de 150 mil euros- e que a maiores lle cobra cotas ás familias por varios servizos, concentráronse diante da escola de Bertamiráns rexeitando o despedimento da traballadora Iria Moreiras, que se atopa en situación de incapacidade temporal dende hai máis de catro meses. Para a CIG-Ensino esta decisión responde a “unha clara represalia contra esta traballadora por ir na candidatura da CIG, ser a segunda compañeira con máis votos nas eleccións sindicais e presentarse no sindicato pedindo axuda para defender os seus dereitos e cobrar as nóminas que se lle debían. É unha clara vulneración das liberdades sindicais que denunciaremos en todos os estamentos necesarios”, recalcou o secretario comarcal da CIG-Ensino, Rubén Monteagudo.

Para o sindicato, o empresario Carlos Porto Santoro traspasou varias liñas vermellas nos últimos tempos “e a última foi despedir a unha traballadora e reducirlle a metade da xornada a outra  con total nocturnidade e aleivosía, e no medio dun curso escolar que comezou a inicios de setembro mentindo sobre os datos reais de matrículas para xustificar o inxustificábel, que é eliminar un posto e medio de traballo na metade do curso. Segundo os datos que lle facilitou a empresa á Xunta para recibir a subvención pola gratuidade da matrícula, son 41 nenos e nenas os usuarios da escola fronte aos 49 que había o ano pasado. Na carta de despedimento indícase que a baixada da matrícula foi de 57 a 33 polo que ou ben estamos ante unha ilegalidade e mentiulle á Xunta con intención fraudulenta de obter financiamento ou ben está incumprindo a normativa laboral, algo que dirimirán os xulgados”, incidiu.

Alén desta situación, a empresa acaba de mandar un comunicado ás familias no que está terxiversando e manipulando a información, á vez que minimiza a súa total responsabilidade na situación que se está a vivir. Non amosa ningunha empatía polo persoal que leva máis de ano e medio con atrasos nas nóminas e vivindo en situación de incerteza sobre cando e como van cobrar. Dar por pechado o tema dicindo que xa abonaron os salarios de novembro e decembro é asumir que pode vulnerar os dereitos laborais e salariais das súas traballadoras sen ningún tipo de consecuencia nin de emenda. Ademais nega cinicamente incumprimentos de convenio, falta de comunicación coas traballadoras e xoga á ambigüidade coas contas. As traballadoras víronse obrigadas a responder nun comunicado enviado ás familias no que aseguran que en ningún momento o empresario intentou sentarse con elas e buscar algún tipo de alternativa aos "problemas" que el describe agora. “Nós sempre estivemos abertas a dialogar e así o demostran os múltiples correos, solicitudes de reunións e demais. O único que intenta a empresa con isto é botar balóns fóra sobre a súa xestión e "quitar" de enriba compañeiras que, sendo sempre respectuosas cos nenos e nenas e ofrecendo unha profesionalidade e calidade educativa exemplar, defenderon os seus dereitos, uns dereitos tan básicos como o de cobrar polo seu traballo”, sinalan nese comunicado. Engaden, así mesmo, que “a situación foise deteriorando tanto que algunhas de nós rematamos nunha situación física e mental insostible e actualmente atopámonos nunha situación de incapacidade temporal e tendo que solicitar á mutua o pago directo das nosas nóminas.  Que un empresario sempre poña a escusa do "lento ritmo de pagos da Xunta" é unha broma de mal gusto, cando, entre outras cuestións, debera coñecer previamente como funcionan as administracións e os seus procesos”. É un fracaso -afirman- que un empresario non sexa capaz de sacar adiante unha escola das condicións de Merlín, totalmente subvencionada. É un fracaso que teñamos que  pedir as contas cada tres meses e que sempre se nos dean números inventados, e que para cobrar unha nómina teñamos que solicitar reunións ao empresario, presentar escritos, reclamacións ante a inspección, notas de prensa e incluso concentracións”. Conclúen lembrando que “dende hai meses puxémonos a disposición da empresa para botar unha man en todo o referido a un posible traspaso, cuestión que nunca estivo realmente enriba da mesa do empresario e a súa familia e só é unha cortina de fume, que xusto agora pretenden continuar afirmando miserablemente que ningunha persoa quere coller a escola porque terían que subrogar os nosos postos de traballo, cando esta é unha previsión legal habitual. Por que nunca temos información nin transparencia por parte do empresario sobre este asunto? Pregúntanse as traballadoras.

Próximas actuacións

A día de hoxe, as traballadoras e a súa representación sindical non recibiron ningunha resposta á solicitude urxente de reunión remitida ao  propietario da empresa para pedirlle que reverta o despedimento da traballadora e a busca conxunta de alternativas. Mentres tanto deron traslado á inspección educativa dalgunha das deficiencias que se están a producir na escola, tanto no que ten que ver co mantemento das instalacións, como no incumprimento de contar con parella educativa nas aulas desde hai máis de un ano, o que redunda no empeoramento da atención educativa. Tamén pediron unha reunión con responsábeis da Consellaría de Política Social “que non pode seguir mirando para outro lado e ser cómplices desta nefasta xestión polo benestar do alumnado”.

Se non hai ningún movemento nos próximos días volverán realizar outra concentración de protesta o vindeiro, mércores, 12 de febreiro ás 17:30h, coa intención de que se readmita a traballadora despedida e se lles dea unha solución á súa precaria situación.

Volver