A CIG-ENSINO CONCÉNTRASE ANTE A CONSELLARÍA, RECLAMANDO A CONTRATACIÓN DO PROFESORADO INTERINO QUE VEU TRABALLANDO ATÉ O DE AGORA

Profesorado interino

A CIG-ENSINO concentrouse hoxe, ante a Consellaría de Educación, para denunciar a redución de postos docentes nos centros escolares que ten como consecuencia a non contratación duns 458 profesores e profesoras interinos/as que traballaron o ano pasado (especialmente das materias de Lingua Castelá Xeografía e Historia, Matemáticas, Debuxo, Francés, Música e Lingua Galega), ademais de varios funcionarios de carreira de lingua castelá, lingua galega e música que a día de hoxe aínda non contan cun posto asignado.
A CIG-ENSINO CONCÉNTRASE ANTE A CONSELLARÍA, RECLAMANDO A CONTRATACIÓN DO PROFESORADO INTERINO QUE VEU TRABALLANDO ATÉ O DE AGORA
 
A CIG DEMANDA QUE SE CUBRAN AS NECESIDADES DE PROFESORADO DOS CENTROS
 
A CIG-ENSINO concentrouse hoxe, ante a Consellaría de Educación, para denunciar a redución de postos docentes nos centros escolares que ten como consecuencia a non contratación duns 458 profesores e profesoras interinos/as que traballaron o ano pasado (especialmente das materias de Lingua Castelá Xeografía e Historia, Matemáticas, Debuxo, Francés, Música e Lingua Galega), ademais de varios funcionarios de carreira de lingua castelá, lingua galega e música que a día de hoxe aínda non contan cun posto asignado.
 
Esta política educativa supón, entre outras cuestións, que haxa interinos/as con moitos anos de antigüidade sen traballo, aulas cunha rateo superior ao estabelecido legalmente, que non se poidan realizar desdobres, que non se poidan realizar apoios educativos ou Programas de diversificación curricular, que non se poidan realizar tarefas de dinamización nas áreas das novas tecnoloxías, lectura..., anomalías nos nomeamentos, incumprimento do acordo asinado sobre incremento de cadros de persoal, cobertura insuficiente de especialistas para atender as necesidades educativas, etc. Esta adxudicación tamén confirma que numeroso profesorado terá que impartir materias das cales non é especialista o que suporá unha mingua lóxica na calidade da docencia e un empeoramento no traballo que ten que realizar o profesorado. Así 446 profesores teñen que impartir unha materia afín, 116 dúas materias e 38 profesores/as tres materias afíns das que non son especialistas, dándose combinacións tan inexplicábeis como: Xeografía e Historia con Filosofía e Economía, Debuxo con Informática e Cultura clásica, Música con Filosofía e Debuxo ou Educación física con Lingua castelá, Galego con Filosofía, Latín e Xeografía e Cultura clásica, Música con Filosofía e Debuxo.
 
Esta situación pon en evidencia a necesidade dun acordo de estabilidade que evitaría que os interinos e interinas quedasen sen traballo e que posibilitaría que os centros puidesen ter uns cadros de persoal máis amplos. Deste xeito, a dotación de profesorado nos centros tampouco quedaría supeditada aos intereses económicos ou ideolóxicos da Administración, que, neste momento, está a demostrar que ten como criterio potenciar a propaganda e os centros privados, dilapidando os recursos públicos en cartas aos pais sobre a súa proposta de “gratuidade” de libros ou incrementando o número de unidades concertadas no ensino privado.
 
A CIG-Ensino esixe a inmediata asignación de posto de traballo aos funcionarios de carreira e a progresiva e inmediata contratación do profesorado interino, satisfacendo as necesidades de profesorado dos centros, e se convoque urxentemente a Mesa Sectorial co obxecto de resolver a conflitividade do inicio de curso.

Volver