A CIG-Ensino comunica incidencias na baremación de méritos en diferentes tribunais

A Consellaría confirma algúns dos erros e a interlocución cos tribunais así como a revisión dos demais trasladados polo sindicato

Numerosas persoas opositoras comunicáronnos nestes días unha serie de incidencias que se están a dar na baremación dos méritos por parte de diferentes tribunais. O sindicato remitiu estas incidencias á Consellaría co fin de que a administración educativa traslade aos tribunais os erros detectados e rectifiquen e así eviten ter que chegar a recursos de alzada perante a propia Consellaría.

Os casos que nos foron trasladados son os seguintes:

Non baremación do B2 de Galego. Hai tribunais de varias especialidades que non bareman o nivel avanzado B2 de galego no apartado 2.4., malia indicarse expresamente na convocatoria que deben ser valorados todas as titulacións deste nivel das EOI.

Baremación só de formación didáctica relacionada coa especialidade. Hai tribunais que só bareman formación relacionada coa didáctica da especialidade cando toda a formación didáctica homologada debe ser computada.

Baremación de máis de 5 anos de experiencia docente. Hai tribunais 

que bareman 5 anos de experiencia en cada apartado do punto 1 do baremo, cando a baremación ten que limitarse a 5 anos en total.

Negativa a baremar a experiencia profesional sen folla de servizos. 

Algún tribunal non barema a experiencia na Consellaría a quen non entrega folla de servizos cando a convocatoria e a folla de alegacións que se presenta ao tribunal di expresamente que non é preciso facelo

Baremación incompleta da experiencia. Algún tribunal baremou incorrectamente a experiencia, ao non ter en conta os meses e só puntuando anos completos.

A Consellaría de Educación xa nos deu resposta indicando que tiñan constancia dalgún destes erros e que, neses casos, xa llo comunicaron aos tribunais e que revisarían os demais, mais que en todo caso, as persoas afectadas deben presentar sempre reclamación perante os tribunais.

As incidencias, tendo en conta o elevado número de tribunais, son escasas mais é importante dalas a coñecer por se hai persoas aspirantes que non as detectan e non presentan reclamación.

Desde a CIG-Ensino seguimos á disposición de todas as persoas aspirantes para solventar as posíbeis dúbidas e procurar que se corrixan os posíbeis erros nos propios trámites ante os tribunais ou, de ser o caso, en recurso diante da Consellaría, procurando evitar a vía xudicial, para calquera axuda ou aclaración que precisedes pórvos en contacto connosco en calquera dos nosos locais.

Volver