A CIG-Ensino comeza unha recollida de sinaturas para a integración de todos os corpos do profesorado no grupo A1
O sindicato vén de remitir un escrito á ministra Alegría para que abra inmediatamente as negociacións dun Estatuto Docente que regule a igualdade de dereitos de todo o profesorado
Un dos principios programáticos e das demandas históricas da CIG-Ensino foi e é a constitución dun corpo único docente para todo o profesorado, partindo do respecto ás atribucións e habilitacións docentes en cada etapa educativa dos actuais corpos. Nese camiño, o sindicato considera que a integración dos actuais corpos adscritos ao grupo A2 no grupo superior A1 é unha medida positiva.
Os cambios recentes provocados pola LOMLOE e a Lei Orgánica de FP implican a integración do Profesorado Técnico de Formación Profesional (PTFP) no corpo de Profesorado de Ensino Secundario, do grupo A1, co requisito de ter unha titulación de grao ou unha diplomatura universitaria. Unha vez se complete esa integración estes serán os corpos e colectivos que seguirán formando parte do grupo A2:
- corpo de mestres
- profesorado a extinguir do corpo de PTFP e do novo corpo de especialistas de sectores singulares da FP
- profesorado do corpo de mestres de taller de artes plásticas e deseño
O Ministerio comprometeuse a negociar un Estatuto Docente nesta lexislatura. A CIG-Ensino considera que ese debe ser o marco legal para promover os cambios que demandamos. Neste sentido, o sindicato maioritario no ensino público galego vén de remitir un escrito á ministra de Educación cunha táboa reivindicativa ao tempo que pon en marcha unha recollida de sinaturas entre o profesorado para promover unha negociación da que debe saír un recoñecemento expreso ao profesorado que aspira, con todos os dereitos, a formar parte do grupo A1.
A recollida de sinaturas chegará da man do sindicato con asembleas informativas en todos os centros educativos até finais deste curso e tamén estará online a través da web da CIG-Ensino.
Melloras para todo o profesorado
O sindicato tamén lle trasladou á ministra Alegría a súa determinación de que no Estatuto Docente, que debe ter carácter de mínimos, se regule unha carreira profesional docente na que se posibilite a carreira horizontal; isto é, a progresión dentro da propia etapa educativa na que se traballa ou nos corpos actuais, evitando que sexa a promoción interna vía oposición a única vía, como até agora. Unha mestra ou un docente especialista de FP deben poder chegar ao tope da súa carreira profesional sen necesidade de cambiar de corpo. Ese é o mellor recoñecemento ao traballo e á experiencia profesional.
A CIG-Ensino defende que todo o profesorado poida acadar o nivel 26 (que actualmente só perciben os corpos de catedráticos), con independencia do nivel educativo no que se traballe. Nesa liña de avances progresivos, a CIG-Ensino defenderá que o todo o profesorado dos corpos de secundaria que xa forman parte do grupo A1 poidan ver recoñecido o nivel 26 con carácter xeral, abrindo a vía para que, no marco da carreira profesional, este poida estenderse a todo o persoal docente.
Asina online na defensa dun corpo único docente.
Se o prefires, tamén podes baixar o pdf para recoller sinaturas en papel, unha vez cuberto envíanolo a galiza@cig-ensino.gal