A CIG-Ensino chama o profesorado a protestar nun final de curso lastrado polo continuísmo da Consellaría

O sindicato promove unha concentración na sede da Xunta o mércores 26 ás 11 horas

Se algunha dúbida quedaba, despexáronse todas na reunión que unha representación da CIG-Ensino e da Consellaría de Educación mantiveron o pasado 19 de xuño: a ausencia de cambios nas persoas á fronte da política educativa vén acompañada por un inmobilismo declarado en todas as medidas  destes últimos anos, regresivas unhas e insuficientes outras. Fronte a esta deixadez e falta do máis mínimo interese na defensa do ensino público e dos dereitos do profesorado, a CIG-Ensino chama a protestar ás portas de San Caetano.

Sobran os motivos para levantar a voz contra as políticas que relegan o profesorado

Horarios lectivos: o profesorado galego, castigado cos maiores horarios de todo o estado, logo da renuncia do acordo da minoría sindical a recuperar xa a partir de setembro de 2024 os horarios que tiña o profesorado antes dos recortes: 21 sesións en infantil e primaria e 18 no resto das ensinanzas.

Negan a redución de ratios en case todas as ensinanzas e incumpren parte dos tímidos avances que deberían entrar en vigor no próximo curso. Xa era sabido que nin a ESO, nin o Bacharelato, nin a FP ou as ensinanzas de réxime especial terán ningunha mellora. Tamén que Primaria terá que agardar e que  só se avanza en 4º de EI. O que agora sabemos pola información que desde os centros trasladan á CIG-Ensino é que haberá un incumprimento xeneralizado das ratios das aulas mixtas e que a falta de información que a propia Inspección ten nalgúns casos e as direccións na práctica totalidade, fan poñer en dúbida que as escasas melloras na redución de ratios por alumnado con discapacidade ou dependencia se vaian aplicar con carácter xeral.

Nin pacto pola lingua nin recoñecemento do mal provocado. Mentres algúns altos cargos da Xunta falan dun posíbel pacto pola lingua, a emerxencia lingüística mantense, coa permanencia da máis lesiva lexislación en contra do noso idioma, un decreto de plurilingüísmo que proscribe o uso do noso idioma en materias científico-tecnolóxicas e reduce o seu peso no total das ensinanzas.

Burocracia sen saída. Non hai enriba da Mesa ningunha medida efectiva para atallar dunha vez por todas o monstro no que se ten convertido a carga burocrática nos centros, e iso case dous anos despois dos primeiros compromisos de Román Rodríguez e oito meses despois de acordalo coa minoría sindical.

Contra a improvisación e a falta de transparencia na posta en marcha das reformas de FP. Con meses de retraso a única resposta da Consellaría é unha convocatoria de Mesa Sectorial “in extremis” e na que os documentos que presenta non aclaran as grandes incertezas que ten agora mesmo o profesorado.

Contra a discriminación e segregación salarial do profesorado. Defender que o mesmo traballo debe dar lugar ao mesmo salario é un principio fundamental que a Consellaría rompe coa negativa a que todo o profesorado de FP poida percibir as melloras salariais de se integrar no subgrupo A1 e que pretende aplicar coa mesma discriminación cos mestres de taller. Unha medida, a de que todo o profesorado sexa do subgrupo A1 que a Consellaría non se compromete a defender diante do Ministerio. Se a isto engadimos que as únicas melloras salariais específicas para o profesorado galego chegan este curso por primeira vez pola vía dun acordo que segrega e divide o profesorado temos xa a evidencia da aposta da Xunta (con algún respaldo sindical) do “divide e vencerás”. Mentres tanto, mantense a decisión de golpear o profesorado máis precario coa negativa a recuperar o pago do verán ao persoal substituto que traballa cinco meses e medio ao longo do curso.

Sen medidas para compensar o traballo de coordinación e xestión nos centros. Sen iniciativas, con cero medidas logo de varios anos nos que a CIG-Ensino puxo enriba da mesa a necesidade de recoñecer (con redución horaria e pago de complemento) o traballo que se fai en varias coordinacións didácticas. Así estamos ao tempo que se prefire pagar un “aguinaldo” ás dirección no canto de regularizar e homoxeneizar as reducións horarias das equipas de direccións, con enormes diferenzas en función dos centros nos que estean.

Nin redución da temporalidade, nin ofertas amplas de emprego nin estabilidade laboral. A negativa a incorporar 1080 prazas a maiores nas oposicións deste ano provoca que as cifras de temporalidade se manteñan nas mesmas porcentaxes previas aos procesos especiais de estabilización de 2023. Isto, xunto co bloqueo político-sindical a incorporar unha cláusula de estabilidade para o persoal interino de longa duración que poida servir como elemento disuasorio para os cargos políticos que permitiron que se manteñan prazas estruturais que desde hai anos están ocupadas temporalmente, marca os incumprimentos coas obrigas de cumprir coa normativa europea.

Volver