A CIG-Ensino chama o profesorado a responder fronte o machismo e a intolerancia

O sindicato alerta da campaña dun grupo ultracatólico, homófobo e reaccionario nos centros educativos e anima ao boicot á censura previa que fomentan

A ultradereita española, rancia, homófoba e machista está de volta nos centros escolares. Entra por medio de cartas dirixidas ás equipas directivas e de folletos dunha nova campaña centrada na negación da liberade de elección sexual mais tamén da liberdade de cátedra.

Hazte Oír, unha asociación radicada en Madrid, un lobby ultracatólico cun enorme financiamento económico e con fortes ligazóns ideolóxicas coa dereita extrema española difunde neste principio de curso un material enviado por correo postal a todos os centros educativos do Estado no que novamente amosa uns posicionamentos ideolóxicos impropios dunha sociedade democrática e que non poden ter cabida nos nosos centros, ao atentar directamente cos principios máis elementais do respecto á identidade sexual ou á igualdade entre homes e mulleres.

 A obcecación propia do fanatismo co que se conduce este grupo reaccionario lévaos a pretender establecer a censura previa nos centros educativos. Así, nunha carta dirixida ás direccións dos centros chegan ao atrevemento de afirmar que existe un mandato legal para que se respecte a censura do pais e nais sobre os contidos curriculares. No escrito afirman que como pais terían dereito a avaliar previamente as actividades curriculares relacionadas con contidos como a educación afectivo sexual, a identidade e expresión de xénero, a diversidade sexual e afectiva e os diferentes modelos de familia. Un disparate que amosa unha clara intención de control ideolóxico sobre o profesorado absolutamente impresentábel e que rexeitamos profundamente.

Nin as familias teñen que autorizar expresamente que os seus fillos e fillas sexan formados en determinados contidos que forman parte do currículo nin o profesorado ten que soportar que fanáticos machistas e homófobos nos pretendan dar leccións do que podemos impartir nas nosas aulas nin as actividades pedagóxicas que podemos organizar. Somos docentes e como tales debemos defender a xa escasa liberdade de cátedra que temos: abafados por currículos inabarcábeis mais coa capacidade total para facer valer a nosa profesionalidade como educadoras e educadores.

Partindo do rexeitamento total a unha incitación á desigualdade e ao odio a quen pensa diferente, dúas son as respostas que unha campaña destas características merecen: enviar esa propaganda aos contedores de reciclaxe de papel dos nosos centros educativos e reforzar a nosa aposta por un ensino coeducativo e inclusivo no que precisamente a educación afectivo sexual e o respecto á diversidade sexual son máis necesarias que nunca.

 

Volver