A CIG-Ensino chama a traballar para que a Folga de Mulleres do 8 de marzo sexa unha xornada reivindicativa e de loita

O sindicato CIG vén de rexistrar a folga de 24 horas nun momento no que se coñeceu que dos 21.000 empregos perdidos en Galiza o ano pasado preto de 16.000 estaban ocupados por mulleres

A pandemia e a crise económica xerada bateron de novo na situación xa de por si discriminatoria e precaria que viven as mulleres galegas polo que este ano a CIG chama a participar masivamente no paro de 24 horas e nas mobilizacións que se prevén para ese día. 

A CIG formalizou este mércores no rexistro telemático da Consellaría de Emprego e Igualdade a convocatoria da Folga de Mulleres do 8 de Marzo, Día Internacional das Mulleres Traballadoras, no marco dunha xornada internacional de paros e mobilizacións para reivindicar a igualdade de oportunidades entre mulleres e homes nas condicións de traballo e na esfera social e o dereito a vivir sen violencia. A folga de 24 horas afectará a todas as actividades e a todos os centros de traballo de Galiza, tanto no sector público como privado.

A secretaria confederal de Mulleres da CIG, Margarida Corral, explicou que a decisión de convocar folga, adoptada no VII Encontro Nacional de Mulleres da CIG do pasado 3 de decembro, responde ao debate iniciado en anos anteriores ante a necesidade “de rachar coa hipocrisía e a banalización na que se estaba a converter a commeoración de datas senlleiras vinculadas cos dereitos das mulleres, recuperando o carácter reivindicativo e de clase que ten o 8 de Marzo”.

A este respecto, entende que “encaramos un novo 8 de marzo nun ano marcado pola pandemia e as restricións adoptadas polos Gobernos para intentar afrontar a crise sanitaria e socioeconómica derivada da Covid-19. Unha crise sanitaria, económica e social na que non se realizaron mudanzas salientábeis nin a nivel legal nin a nivel real, senón todo o contrario, as agresións foron máis fondas ca nunca".

As razóns da convocatoria nun contexto de pandemia

Sobre a pertinencia de convocar folga de mulleres, Corral manifestou que "fronte a quen poida pensar que non é o momento de convocar unha folga nunha Galiza con peches perimetrais, con limitacións de mobilidade e mesmo toques de recoller, desde o feminismo de clase consideramos que urxe manifestarnos e combater nas rúas os ataques aos nosos dereitos, porque se algo evidenciou a pandemia é que as mulleres seguimos condenadas polo sistema a sufrirmos as máximas consecuencias da crise". Asevera que as mulleres "iremos á folga porque os nosos dereitos non se confinan, porque estamos fartas da hipocrisía de quen se pon fitas de solidariedade, de quen tira ao lixo os dereitos das traballadoras esenciais e obriga ás mulleres a asumir de balde o coidado das persoas dependentes que o estado debera blindar". Neste sentido, esta mesma semana coñeceuse que dos 21.000 empregos perdidos o ano pasado, 15.900 estaban ocupados por mulleres. Ademais a fenda salarial de xénero acadou en Galiza o 20.5% no ano 2019, co agravante de que os denominados decretos de igualdade permiten e perpetúan esta diferenza no 25%.

Por iso, considera que este 8 de Marzo as mulleres galegas sairán ás rúas "para amosar que están cansas da precariedade, dos abusos, de que o capital sexa quen xestione a crise, e de que se poñan as nosas vidas en risco. Porque ten que haber cambios reais xa. Porque non queda outro camiño que a loita que incomoda. Porque aínda que non sexa doado, non temos outra opción que o combate despois de cargarmos durante a pandemia con todo o peso do traballo dos coidados, tanto fóra como dentro dos fogares, tanto no traballo precarizado como no non remunerado".

Un claro exemplo disto último foi o ensino, un sector claramente feminizado, no que as súas traballadoras tiveron que empezar desde cero sen ningún tipo de apoio e cos seus propios medios o ensino telemático durante o confinamento, á vez que asumían a maior parte dos coidados de crianzas e persoas a cargo nos fogares. Así pois, a falacia do teletraballo como a solución para seguir producindo para o capital e o sistema e como alternativa para facilitar a conciliación afectoulle de fronte ás traballadoras do ensino durante o último ano.

A CIG convocará mobilizacións por todo o país

Ao igual que vén facendo cada Día Internacional das Mulleres Traballadoras, a CIG convocará actos e mobilizacións en varios puntos das sete cidades galegas, facendo extensivas as protestas ao maior número de vilas posíbel para facilitar a participación das mulleres que non poidan desprazarse nesta xornada de loita. Naqueles lugares onde non sexa posíbel convocar, a central sindical chama as mulleres que secunden a folga a mobilizarse diante dos concellos onde residan con cartaces e simboloxía alusiva á xornada de loita.

E no caso das mulleres que non poidan secundar a folga por formar parte dos servizos mínimos (que se prevé que coa escusa da pandemia sexan maiores ca nunca), a CIG anímaas a que leven os colantes de “Eu apoio a folga das mulleres” e así o compartan nas súas redes sociais.

Así mesmo, a central nacionalista tamén fai un chamado a participar activamente nas mobilizacións que durante o 8 de Marzo sexan convocadas por parte do movemento feminista galego nas distintas localidades.

"Sabemos que son tempos difíciles para a mobilización, "descoñecemos cal vai ser o alcance da pandemia aló polo 8 de marzo, nin as posíbeis restricións de mobilidade que para daquela poidan adoptarse, mais adaptarémonos a esta novidosa situación, garantindo o dereito á mobilización coa adopción das medidas oportunas de protección para todas", concluíu.

Volver