A CIG-Ensino chama a participar nas mobilizacións de Queremos Galego en distintas vilas e cidades galegas o 17 de maio

O sindicato, que forma parte desta plataforma, xunto con outras 500 entidades, considera que a situación de emerxencia lingüística é cada vez máis grave e que cómpren cambios urxentes no ensino.

Na rolda de prensa de presentación das mobilizacións previstas fíxose principal fincapé nos últimos datos sobre o efecto desgaleguizador do ensino ao respecto da perda de falantes das crianzas desde que entran no sistema educativo; a escasa presenza do galego como lingua vehicular no ensino nos centros das cidades e das vilas, sobre todo nas etapas de infantil, primaria e Formación Profesional; a desproporción entre os materiais de Edixgal que garante que o 40,62% das horas lectivas se impartan en castelán fronte ao 22,65% en galego e o 12,5% noutras linguas, e o feito de que o 24% do alumnado que remata a educación obrigatoria manifesta que non é capaz de falar galego. 

Representantes da xestora da plataforma cidadá Queremos Galego, entre os que se atopa o secretario nacional da CIG-Ensino, Suso Bermello, presentaron esta mañá en rolda de prensa o lema que presidirá as manifestacións que se celebrarán o 17 de maio nas principais vilas e cidades de Galiza: En galego, aquí e agora. A escolla deste lema está relacionada coa proximidade das eleccións municipais para reclamar o papel normalizador que deben ter os concellos fronte ao desleixo do resto de poderes públicos ante a situación de emerxencia lingüística na que nos atopamos e que poñen de manifesto todos os informes de organismos e entidades interesadas no ámbito sociolingüístico.

As máis de 500 entidades que integran a plataforma levan 40 anos reclamando a oficialidade real da nosa lingua, "que non é máis -en palabras do presidente da Mesa pola Normalización Lingüística- que poder recibir atención en galego sen obstáculos, poder ver audiovisual en galego en igualdade de condicións, ter o ensino en galego, xustiza en galego ou desenvolver calquera acto da vida cotiá".

Datos demoledores no ensino
Non por repetidos os datos no sistema educativo galego, como denunciou a CIG-Ensino en reiteradas ocasións, non deixan de ser arrepiantes. O profesorado galego denuncia que, ademais de todo o que concerne á falta de competencia lingüística do alumnado e ao carácter desgaleguizador que ten o ensino, as imposicións do Decreto do Plurilingüismo aprobado en 2010 limitan considerablemente o seu ámbito de actuación. Ademais de manterse a prohibición de impartir as materias científicas en galego, un recente informe presentado pola Mesa de Normalización Lingüística demostra que nos centros que teñen Edixgal, que agora mesmo son xa o 59% do total, a ausencia do galego nos libros de texto e materiais dixitais increméntase noutras materias. En concreto só dúas das materias das áreas que deben ser impartidas en galego (Ciencias naturais e Ciencias sociais) contan con todos os materiais no noso idioma. No resto, ou a maior parte da oferta está só español (Música e Plástica en 3º e 4º da ESO) ou a oferta en galego é minoritaria (1 en galego fronte a 4 en español en Educación física ou Plástica de 1º da ESO ou Educación física e Música de 2º). En cursos como 4º da ESO, ao estaren só en español os libros de troncais como Latín, Economía, Plástica ou Música, aumenta a posibilidade de só empregar o galego en 9 das 32 horas semanais.

A abundancia e diversidade de materiais didácticos e libros de texto en español fronte á inexistencia ou escaseza dos mesmos materiais e libros en galego, permite concluír que EDIXGAL introduce un novo veto ao galego: nas optativas de 3º da ESO non hai posibilidade de contar cos materiais dixitais en Educación Plástica e audiovisual, Música ou Cultura clásica. Para 4º da ESO a limitación de uso do galego afecta a Educación plástica e audiovisual, Música, Economía, Latín, Cultura Clásica e Filosofía. A única alternativa que se lle dá ao profesorado para favorecer a competencia lingüística do alumnado empregando materiais en galego, é elaboralos directamente e subilos a EDIXGAL, sen a intermediación dos facilitados pola Consellaría de Educación.

Mobilizacións por todo o país

A plataforma de defensa da nosa lingua Queremos Galego sairá ás rúas das 7 cidades galegas e dalgunhas vilas de Galiza o 17 de maio ás 12h, para reivindicar a vida en galego, aquí e agora. A CIG-Ensino chama a toda a comunidade educativa, profesorado, alumnado e familias a sumarse a estas concentracións para esixir a plena normalización do noso idioma e evitar así o seu exterminio.

 

Toda a información sobre as concentracións estará dispoñíbel na páxina web da plataforma: queremosgalego.gal

Volver