A CIG-Ensino chama a eliminar dos centros educativos os nomes vinculados co franquismo

O sindicato ve como positiva a reacción do Ministerio de Defensa coa retirada do nome de Salvador Moreno no centro de Pontevedra logo da reclamación do sindicato e outras entidades

Insta ás demais administracións a dar un paso decidido na retirada de toda distinción a persoas distinguidas polo seu pasado fascista.

Dous meses despois de que desde o sindicato se reclamase a eliminación do nome do fascista Salvador Moreno do colexio vinculado ao Ministerio de Defensa na cidade de Pontevedra, o Ministerio vén de publicar no seu boletín oficial o cambio de denominación con efectos de finais deste curso escolar. O nome fixado por Defensa é Juan Sebastián Elcano. A demanda da CIG uníase á doutras entidades que tamén se tiñan pronunciado a prol da retirada da distinción a este fascista vinculado moi directamente co golpe militar de 1936 e da represión posterior.

Desde a CIG-Ensino demandamos que se dean pasos adiante nas demais demandas que trasladamos o pasado 5 de marzo ao Ministerio de  Defensa e outras administracións: a modificación dos principios que figuran na web do colexio, impropias dun centro público (“El proyecto educativo del colegio se inspira en una concepción cristiana del hombre y de la vida”) ou a colocación da bandeira galega no edificio, ausente a día de hoxe.

Transferencia, XA!

Desde a CIG-Ensino consideramos, con todo, que o paso principal que se debe dar é a transferencia deste centro á Xunta de Galiza, seguindo o camiño do traspaso dos centros vinculados ao ISM no ano 2007 ou outros centros vinculados tamén ao Ministerio de Defensa na comarca de Ferrolterra como o CEIP Isaac Peral, o IES Saturnino Montojo ou o CEIP Virxe do Mar. Non ten ningún sentido que administracións que non son educativas xestionen centros docentes.

Campaña pola retirada dos nomes franquistas dos centros educativos de Galiza.

A CIG-Ensino porá en marcha nos próximos días unha campaña para instar ás diferentes administracións públicas a eliminar dos nomes dos centros escolares as referencias a persoas cun pasado fascista e que se significaron claramente coa represión da ditadura e o apoio ao réxime franquista. Neste sentido, o sindicato vai dirixirse á Xunta de Galiza, á Deputación da Coruña, ao Ministerio de Educación e a diferentes Concellos con colexios con nomes franquistas ou con distincións honoríficas para que se cumpra estritamente a lei e as diferentes resolucións relacionadas coa Lei de Memoria Histórica de 2007, que no seu artigo 15 afirma que:

“As Administracións públicas, no exercicio das súas competencias, tomarán as medidas oportunas para a retirada de escudos, insignias, placas e outros obxectos ou mencións conmemorativas de exaltación, persoal ou colectiva, da sublevación militar, da Guerra Civil e da represión da Ditadura”.

O sindicato tamén se vai dirixir ao grupos parlamentares no Parlamento Galego para que se faga unha revisión do grao de cumprimento da Proposición non de Lei aprobada no 26 de marzo de 2008 no que se instaba á Xunta a “eliminar de todos os edificios públicos dependentes da súa administración toda a simboloxía fascista e a promover a supresión dos nomes destes edificios que fan referencia a persoeiros representantes ou partidarios da Ditadura franquista”.

Unha posición que mantivo o propio Parlamento en 2016 cando se aprobou por unanimidade unha declaración institucional de condena do golpe de Estado perpetrado por Franco o 18 de xullo de 1936, o réxime ditatorial consecuencia dese golpe de estado e os crimes e represións exercidas sobre as persoas vencidas, indicando tamén que se deberían eliminar os símbolos, as denominacións e as referencias franquistas de rúas e edificios públicos”.

A CIG-Ensino considera que en pleno ano 2021 se está a vulnerar tanto a Lei como as resolucións do Parlamento Galego e demanda tanto do máximo órgano de representación do pobo galego como das administracións afectadas unha actuación inmediata para borrar do recoñecemento institucional todo rastro de compracencia ou enxalzamento de quen foron parte da represión franquista, da colaboración en primeira liña coa ditadura, ben desde a estrutura política do réxime ou no enriquecemento desde institucións civís e privadas.

 

Volver