A CIG-Ensino chama a concentrarse, hoxe venres, nos centros educativos afectados polos recortes na FP

O sindicato considera insuficiente a rectificación comunicada pola Consellaría e anima o profesorado a manter e estender as protestas na defensa dunha formación profesional presencial e de calidade

Nunha década incrementáronse ostensibelmente os fondos destinados aos concertos e ao ensino privado nestas ensinanzas chegando a un orzamento superior aos 26,5 millóns de euros este curso. En concreto, o alumnado matriculado no réxime presencial en centros privados creceu entre o curso 2012/13 e o 2020/21 un 8,4% para ciclos de grao medio e un 44,2% para ciclos de grao superior, mentres que nos centros públicos diminuíu un 2,3% no primeiro caso e apenas aumentou un 13,6% no segundo.

Non aos recortes e ao autoritarismo na formación profesional

Logo de ter solicitado a dimisión da directora xeral de FP, como máxima responsábel da desfeita que implica a transformación dun número moi elevado de oferta modular e de ciclos ordinarios na modalidade a distancia, é dicir, online, e dunha reacción contundente do profesorado nos centros afectados, a Consellaría tería informado, a través dos medios de comunicación e das inspeccións educativas, dunha rectificación moi parcial e absolutamente insuficiente, limitada a garantir a continuidade da oferta presencial ao alumnado ao que aínda lle reste un curso para rematar os estudos.

A respecto disto a CIG-Ensino considera o seguinte:

  • Non existe confirmación oficial de que esta medida se vaia garantir en todos os centros porque a directora xeral non mantén ningún tipo de interlocución coa representación do profesorado desde que chegou ao cargo e porque toma decisións dun xeito autoritario e sen contar cos centros.
  • A medida é un engano para procurar frear as protestas de profesorado e alumnado, xa que implica pan para hoxe e fame para mañá: tan só pretendería demorar un curso a eliminación brutal dunha parte importante da ciclos en oferta modular e pero tamén da modalidade ordinaria, é dicir, ambos os dous réximes de carácter presencial.
  • A intención da Xunta quedou clara na redacción do Anteproxecto de Lei de Ensinanzas de Persoas Adultas, que agora se comproba que tamén afecta á FP como desde o principio sospeitou a CIG-Ensino e que en ningún momento foi desmentido pola directora xeral: o PP aposta por reducir e nalgúns centros incluso por eliminar toda a oferta presencial e substituíla por formación a distancia.
  • O sindicato anima ao profesorado e ao alumnado a manter as protestas da mañá do venres 16 e a incrementalas se non se produce unha rectificación total da Consellaría, garantindo unha FP centrada na presencialidade, na calidade e na amplitude da oferta nas modalidades ordinaria e modular que son as que garanten unha mellor atención educativa e de adquisición de competencias profesionais.
  • A Consellaría ten que rectificar o rumbo deste curso académico, escoitar e buscar o consenso cos centros e garantir o mantemento dos postos de traballo docentes. Ten que dar conta ademais do uso dos fondos do Mecanismo de Recuperación e Resiliencia destinados a mellorar a oferta e a calidade da Formación Profesional. Agardamos, así mesmo, que cando se coñeza a oferta formativa definitiva para o vindeiro curso se detallen por separado as prazas que se van conceder a centros privados e concertados, toda vez que o alumnado matriculado no réxime presencial en centros privados creceu entre o curso 2012-2013 e o 2020-2021 un 8,36 por cento para ciclos de grao medio e un 44,18 por cento para ciclos de grao superior, mentres que nos centros públicos diminuíu un 2,31 por cento no primeiro caso e apenas aumentou un 13,61 por cento no segundo. Idéntica evolución se produciu no número de centros educativos, que aumentan 24,5% e 30,5% por cento no caso dos privados que ofertan ciclos medios e superiores, respectivamente, e tan só o 19,3 e o 12,6% os públicos que ofertan eses mesmos ciclos. Neste sentido, cómpre ter en conta que de non existir ese transvasamento de fondos públicos ao sector privado, que no orzamento deste 2023 atinxiu 26.583.616 euros, estas evolucións de alumnado, como de número de centros serían moi diferentes. Acabouse o escurantismo e a propaganda. As contas claras e os fondos que lle corresponden á FP teñen que destinarse a reforzar a oferta pública, presencial e de calidade.
  • A CIG-Ensino considera que a directora xeral de FP non pode seguir un día máis no seu posto xa que evidenciou un autoritarismo e unha deriva na interlocución cos centros, o profesorado e a súa representación legal, que somos os sindicatos, impropio dun alto cargo da administración educativa. Que non dimita ou non sexa cesada polo conselleiro só se pode entender como un apoio expreso de Rodríguez e Rueda á estratexia de recortes e privatización cada vez maior da FP, asumindo por tanto a súa responsabilidade nesta desfeita programada da FP presencial.

Baixo o lema NON AOS RECORTES E AO AUTORITARISMO NA FP, o sindicato insta a todos os centros que se ven afectados polo cambio da oferta modular e mesmo ordinaria á de distancia e pola expansión da dual, así como á privatización cada vez maior destas ensinanzas, a mobilizarse e amosar o seu rexeitamento a unha estratexia que levará a recortes importantes de profesorado.

A CIG-Ensino solicita a dimisión da directora xeral de FP

Volver