A CIG-Ensino centrará as súas reclamacións de cara ao 8M na defensa dos servizos públicos, de salarios e pensións dignas e de medidas reais de igualdade nos centros

Así o trasladaron onte as delegadas da Federación que participaron no XI Encontro de Mulleres no que se acordou reforzar o carácter combativo do 8 de marzo

Entre as principais liñas de actuación está conseguir que a Consellaría de Educación faga cumprir o Plan de igualdade que deben ter todos os centros para o alumnado e estabeleza a obriga de contar con outro específico para o profesorado e recoñeza dunha vez por todas a figura de Coordinación de Igualdade ou de Coeducación nos centros de ensino.

Arredor de 160 delegadas da CIG participaron  no XI Encontro Nacional de Mulleres en Lugo para fixar a campaña e as mobilizacións de cara ao próximo 8 de Marzo, Día Internacional da Muller Traballadora, con especial atención este ano cara á defensa do sistema público de pensións ante a nova reforma que prepara o Goberno, a defensa dos servizos públicos e medidas de igualdade reais nos centros de traballo. 

Neste sentido as delegadas de Ensino fixeron fincapé na necesidade de manter a tensión combativa dunha xornada que debe servir para poñer os problemas aos que se enfrontan as mulleres no foco da atención pública pero sobre todo para marcar as liñas de traballo a seguir durante todo o ano. No encontro debateuse, entre outras cuestións, sobre os problemas da carestía da vida e como seguen a ser as mulleres as que maioritariamente solicitan reducións de xornada ou excedencias para encargarse dos coidados, o que as penaliza tanto a nivel salarial como de cara á súa futura xubilación ou posíbeis prestacións por incapacidade. Así, alertaron de que a reforma que pretende aprobar o goberno central sobre as pensións -na que se ampliaría o período de cálculo para as contías até os 30 anos- terá un efecto moi negativo en todas as mulleres, sobre todo nas máis precarizadas, como é o caso das que se dedican ao ensino privado, pero tamén no ensino público, dado que todas as docentes que aprobaron as oposicións despois de 2011 e as interinas e substitutas cotizan polo réxime xeral da Seguridade Social (un colectivo cada vez máis numeroso toda vez que o réxime de clases pasivas quedou a extinguir) e xa se verían directamente afectadas por esta reforma, así como pola anterior que elevaba a idade de xubilación con carácter xeral até os 67 anos.

Defensa dos servizos públicos

Outro dos eixos de acción e de combate que as mulleres de Ensino marcan como ruta a seguir nos próximos meses é a defensa do ensino, da sanidade e dos servizos sociais desde o ámbito do público. En particular denunciaron a continua privatización e recortes de persoal que leva realizando o goberno do PP durante a última década coa escusa das crises económicas e lembraron que durante o mesmo período as partidas para o ensino concertado non paran de incrementarse e tamén o número de docentes que traballan nel

Plans de igualdade para alumnado e profesorado

Como se corroborou recentemente nunha enquisa na que participaron máis de 1.000 docentes promovida antes do 25N pola CIG-Ensino só o 54% do profesorado ten coñecemento de que exista un Plan de igualdade para o alumnado no seu centro, unha medida que é de obrigado cumprimento, mentres que o 29% asegura descoñecelo e un 17 % asegura que non existe”. As delegadas de ensino achegaron estes e outros datos procedentes desta enquisa durante o Encontro para poñer de manifesto como a Xunta de Galiza, e en concreto a Consellaría de Educación, abdica totalmente das súas responsabilidades en materia de igualdade limitándose a indicar que debe existir este documento en cada centro pero sen supervisar nin o seu contido nin a súa aplicación real por parte da inspección educativa.

Así mesmo, en dito inquérito “o 77% das persoas participantes consideraban moi útil a existencia dun plan de igualdade para o profesorado no que deberían recollerse medidas de prevención do acoso e outras que faciliten o exercicio corresponsábel dos dereitos da vida persoal, familiar e laboral” para evitar precisamente que sigan sendo as mulleres as que renuncien moi maioritariamente ao traballo para levar a cabo tarefas de coidados de persoas a cargo. 

No ámbito do ensino privado animouse ás delegadas a que se mantivera a mesma actitude combativa á hora de negociar un plan de igualdade que un convenio colectivo porque se este non recolle ningunha mellora efectiva para as mulleres traballadoras non debe ser asinado e mesmo se deben emprender accións contundentes contra a patronal, para as que se contará co apoio da Confederación.

Recoñecemento á figura de coordinación de Igualdade e Coeducación nos centros

Outro dos puntos nos que se basea a acción sindical da CIG-Ensino é na reclamación, nas sucesivas Mesas de negociación coa administración, de que se recoñeza de facto a figura de coordinador ou coordinadora de Igualdade nos centros educativos e non se deixe de novo nas mans do voluntarismo do profesorado que asume estas funcións nos centros nos que existe. Desde o sindicato demándase expresamente que esta figura conte con redución horaria, complemento económico e outro tipo de recoñecemento, como puntuación de cara ao Concurso de Traslados, como outras coordinacións. Do contrario, a Consellaría estará lanzando a mensaxe de que a súa preocupación pola igualdade e a coeducación nos centros de ensino, que se amosa como unha das problemáticas máis graves da nosa sociedade actual, é só de cara á galería.

CIG Informa sobre reivindicacións da CIG-Ensino de cara ao 8 de marzo

Documento


Volver