A CIG-Ensino celebra o seu VI Congreso o sábado 26 de outubro baixo o lema ‘Por unha Galiza con futuro. Ensino Público Galego’

O traballo para o vindeiro período centrarase na recuperación das condicións laborais e salariais, defender o ensino público, derrogar a LOMCE e o Decreto de Plurilingüismo

A CIG-Ensino presentou este luns, en rolda de prensa, a convocatoria do seu VI Congreso, que terá lugar o vindeiro día 26 de outubro, a partir das 10:30 horas, na Facultade de Ciencias Políticas da Universidade de Santiago baixo o lema “Por unha Galiza con futuro. Ensino Público Galego”. No decurso da xornada as/os 200 delegadas/os e membros do Consello Federal analizarán o traballo desenvolvido neste período e fixarán os obxectivos para os próximos 4 anos. Renovaranse ademais os órganos de dirección e elixirase secretario/a nacional.


O secretario nacional da CIG-Ensino, Anxo Louzao,  explicou que co lema do Congreso preténdese evidenciar que “o ensino público e galego é un alicerce imprescindible para o futuro de Galiza como pobo” e deu conta dos aspectos máis salientábeis do Informe da Executiva, no que se fai unha valoración positiva do intenso traballo e as innumerábeis mobilizacións protagonizadas pola CIG-Ensino por mor das “continuas políticas antisociais, antidemocráticas e regresivas contra o profesorado e os servizos públicos”.

Políticas que cualificou como “demoledoras” dos dereitos laborais, por mor da aplicación das contra reformas laborais, a desaparición da oferta de emprego público, a eliminación de postos de traballo e rebaixas salariais, mais tamén polos constantes ataques aos órganos de decisión e de participación e polo intento de desmantelamento do ensino público. Un desmantelamento que ilustrou lembrando que se “suprimiron centos de unidades no ensino público, mentres se acrecentaron no privado concertado, reducíronse os orzamentos de educación máis dun 33%, eliminouse a gratuidade do comedor escolar, incrementouse o seu prezo e eliminouse o programa de preescolar na casa, que estaba inserido na nosa realidade social e cultural e feito en galego”.

Louzao salientou a capacidade da CIG-Ensino para dar resposta a estas agresións con todo tipo de mobilizacións e accións, como o referendo no que participou máis do 80% do profesorado, que nun 95% manifestou o seu rexeitamento aos recortes e ao incremento do horario lectivo; a denuncia da posición “totalmente reaccionaria do PP de continuar cos concertos educativos cos centros que segregan por razón de xénero”; a denuncia da Lei de Convivencia, “pensada para introducir a posibilidade de que os pais decidiran cal é a lingua vehicular no ensino” e o combate contra os recortes permanentes na universidade, que “supoñen precarización dos postos de traballo, suba das taxas e impedimento de acceso á universidade dunha parte importante da sociedade”, denunciou.

Non esqueceu as mobilizacións en defensa de Preescolar na Casa ou as que se levaron a cabo nas galescolas, co obxectivo de conseguir o V Convenio de Persoal Laboral da Xunta de Galiza. Nin a participación e mesmo a promoción de diferentes plataformas para “favorecer a unión das máximas forzas posíbeis”, nomeadamente a Plataforma Galega en Defensa do Ensino Público, a Plataforma Galega en Defensa dos Servizos Públicos e a plataforma Queremos Galego en defensa do noso idioma, entre outras. “Foron dous anos de combate permanente contra a LOMCE con sinaturas, peches, concentracións, folgas, actos lúdicos e demais, polas graves consecuencias que ten para o ensino público e o ensino en galego e un período no que combatemos a galegofobia con múltiples mobilizacións que foron das máis multitudinarias que se levaron a cabo en Galiza en prol da normalizacións lingüística pero sobre todo contra a política lingüicida do PP”, afirmou o secretario nacional da CIG-Ensino.

Louzao lembrou que a CIG-Ensino tamén tivo que recorrer á xudicialización das reivindicacións laborais, ante a ausencia de diálogo da consellaría e por mor dunha actitude que alcumou de “autoritaria”. Neste sentido, lembrou as diferentes sentenzas que recoñecen o dereito a sexenios e trienios do profesorado interino; o dereito do profesorado a ter recoñecemento médico; o dereito a formar parte dos Consellos Sociais tanto dos centros de Formación Profesional como da Universidade, que se lle negaba pero, sobre todo, a sentenza contra o Decreto de Plurilingüismo que “deixa en tea de xuízo, que bota abaixo os piares máis fundamentais deste decreto que ten como obxectivo erradicar o idioma do noso país”.

Este traballo foi recoñecido nas eleccións sindicais, nas que a a CIG-Ensino obtivo unha representación do 43% no ensino público non universitario e uns resultados que tamén a converten en maioritaria no sistema universitario galego e nos diferentes sectores do ensino privado, agás no privado-concertado.

Perspectivas de traballo

A CIG-Ensino márcase como obxectivo prioritario para os vindeiros catro anos restituír todos os dereitos retributivos, laborais e profesionais que lle foron arrebatados ao profesorado: reducir a carga horaria, recuperar as pagas extra completas, recuperar o poder adquisitivo perdido, cando menos as retribucións que tiña antes de 2010 incrementadas cos IPC destes anos e conseguir ofertade emprego público para satisfacer as necesidades dos centros.

Así o explicou Anxo Louzao quen, xunto a isto, subliñou que o traballo tamén se centrará  na defensa do ensino público galego, para o que reclamará o investimento do 7% do PIB, logo de que os orzamentos se teñan reducido xa nun 33% respecto do que se investía no ano 2009; na restitución da gratuidade dos libros de texto, do comedor escolar, levar a cabo un plan de formación do profesorado, conseguir un acordo de estabilidade do mesmo e negociar un Estatuto Galego do Profesorado.

Obviamente a CIG-Ensino continuará a se mobilizar pola derrogación do Decreto de Plurilingüismo e en defensa dun Plano de Normalización que parta do xa consensuado, que posibilite que o galego sexa a lingua vehicular no ensino e que se galeguicen os currículos.

Folga para paralizar a LOMCE

Para a CIG-Ensino é prioritario paralizar a LOMCE, por iso Louzao non quixo rematar sen lembrar a folga convocada para o próximo xoves, día 24 de outubro,á que está convocada toda a comunidade escolar contra unha lei “españolizadora, antigalega, privatizadora, elitista, selectiva e antidemocrática”.

Unha xornada na que a Plataforma Galega en Defensa do Ensino Público convoca manifestacións ás 11:30 nas sete cidades galegas e en vilas como Ribeira, O Barco, Cee, Carballo, Vilagarcía, Burela.

Volver