A CIG-Ensino avalía como un éxito as marchas contra a LOMCE convocadas pola Plataforma Galega en Defensa do Ensino Público
Demanda a derrogación da lei por centralista, españolizadora e antidemocrática
Louzao sinalou que se trata dunha mobilización máis das moitas convocadas xa pola Plataforma Galega en Defensa do Ensino Público para evidenciar as nocivas consecuencias da LOMCE e co obxectivo único de paralizala e provocar a súa retirada.
O secretario nacional de CIG-Ensino denunciou que estamos ante unha lei que nos devolve a unha situación preconstitucional e que aínda que pola mecánica parlamentaria acabe aprobándose, porque o PP “nunca está disposto a rectificar”, conta coa oposición da sociedade galega, que é coñecedora das súas nefastas consecuencias e co rexeitamento unánime da comunidade educativa. “De aprobarse nace sen vida e calquera goberno diferente ao actual, unha das primeiras cuestións que terá que abordar será a súa derrogación”.
Louzao denunciou ademais o papel tanto do goberno galego como do conselleiro de Educación, por acatar unha lei “españolizadora, que rezuma centralismo e que detrae competencias que neste momento se teñen en Galiza”. Así afirmou que o conselleiro se comporta como un “alumno avantaxado” porque xa está aplicando, por adiantado aspectos dunha Lei que aínda non está aprobada. Como exemplo puxo os concertos con centros que segregan alumnado por razón de xénero ou o decreto de plurilingüismo, que botou abaixo o TSXG, que acaba ademais de ditar un auto obrigando á administración a modificalo, aínda que “a consellaría segue empecinada en aplicalo”.
Respecto do seu carácter españolizador subliñou que pretende “golpear” calquera modelo educativo que supoña partir da realidade social e cultural das nacións que hoxe forman parte do Estado español. “Nega a posibilidade de conformar un sistema educativo propio para cada nación porque parte do rexeitamento absoluto do que debe ser o recoñecemento da plurinacionalidade do estado. Permítese mesmo o atrevemento de lexislar para que o alumnado non poida escolarizarse no idioma propio do seu país”.
A este respecto, sinalou que se os contidos da LOMCE xa eran nefastos para o ensino público e para Galiza, aínda se agravaron máis tras da aprobación dunha emenda presentada polo PP e UPyD pola que se fixa que a lingua vehicular de todo o sistema educativo do estado é o español “co que se pretende asinar a acta de defunción das linguas diferentes do español”, dixo.
Denunciou que se trata dunha Lei que “está ao servizo do ensino privado-concertado e dunha ideoloxía totalmente reaccionaria, pensada para potenciar a confesionalidade do sistema educativo”, na medida en que a relixión non só vai ser avaliábel senón que vai ter un valor de igual categoría que o resto das materias, explicou.
Subliñou que a súa aplicación suporá “liquidar” a xestión democrática dos centros, xa que os directores van ser elixidos a dedo e mesmo van asumir as prerrogativas dos consello escolares e os claustros de profesores.
“Rezuma neoliberalismo en todo o seu articulado xa que parte dunha concepción do ensino como unha mercadoría máis á que só uns poucos poden ter acceso e avanza na súa privatización”, asegurou e engadiu que cuestiona o propio dereito á educación e avanza na desigualdade de oportunidades, ao concibir a educación como un ben para uns poucos en detrimento da maioría social, no canto de facer do sistema educativo o piar para superar as desigualdades sociais. “Ningún sistema educativo público e democrático pode aceptar reproducir a división social, senón que debe aspirar a superala poñendo os medios e recursos necesarios para que se facilite unha maior cohesión social e a superación de clases”.
Louzao lembrou que ademais das marchas que tiveron lugar hoxe tamén están previstas as seguintes accións e mobilizacións:
- 16 de outubro: concentración en San Caetano
- Promover un manifesto da Cultura Galega contra a LOMCE
- Folga o día 24 con manifestacións ás 11:30 horas
- 13 de novembro: actos nas comarcas con música e textos contra a LOMCE.