A CIG-Ensino aspira a revalidar a súa condición de sindicato maioritario nas eleccións do vindeiro 9 de maio na Universidade
Baixo o lema "Para gañarmos unha universidade con futuro. Por un PDI con dereitos e sen precariedade", o sindicato concorre ás eleccións nas tres universidades galegas.
Tras unha década na que as universidades galegas se viron lastradas polos recortes e a precariedade, a CIG-Ensino preséntase a estes comicios cunha candidatura conformada por 208 persoas do colectivo de Persoal Docente e Investigador (PDI), 76 nas Universidades da Coruña e en Santiago e 56 en Vigo co obxectivo de reverter canto antes os efectos negativos da crise e dos recortes nunha institución de vital importancia para o País. Así mesmo, o apoio sindical á CIG servirá para intentar frear os plans de creación dunha universidade privada que conta co aval da Xunta de Galiza
Cun programa baseado na defensa do factor humano como principal garantía da calidade do sistema universitario galego, a CIG-Ensino márcase como obxectivo seguir sendo a referencia sindical maioritaria o vindeiro 9 de maio nas eleccións que se celebran nas tres Universidades do País. A negociación dunhas retribucións xustas que permitan recuperar o 13% de poder adquisitivo perdido desde 2010, así como do pago completo das pagas extras nos conceptos dependentes do Estado (salario base e trienios) e do complemento específico nas pagas extras recurtado polo goberno Feijóo durante os anos 2013-2016 forman parte das reivindicacións en materia salarial que a CIG leva no seu programa electoral. Así mesmo, outro eixe fundamental ten que ver coa reposición de efectivos, lastrada polas taxas de reposición aprobadas polos gobernos de PSOE e PP en Madrid e que contaron co beneplácito dos sindicatos estatais (CCOO, UGT e CSIF). A imposibilidade de renovar e incorporar novo persoal docente e investigador nestes últimos anos levou a que o cadro de persoal das universidades galegas sexa dos máis envellecidos de todo o Estado e frustrou a carreira profesional de miles de persoas que ou ben abandonaron as súas aspiracións na Universidade ou ben emigraron fóra de Galiza para poder seguir desenvolvendo o seu traballo neste eido.
Outros aspectos que complementan o programa teñen que ver coa reclamación da extensión do dereito á xubilación anticipada as 60 anos de idade para todo o PDI, tamén para o que se incorporou á función pública despois de 2011, que se viu privado desta posibilidade tras a reforma das pensións pactada polo goberno de Zapatero con CCOO e UGT. A elaboración dun catálogo de enfermidades profesionais e outras cuestións básicas no terreo da saúde laboral, así como medidas efectivas para a conciliación laboral e familiar e para a promoción do noso idioma completan un programa que se pode consultar, de forma individualizada para cada Universidade, nesta ligazón.
Vitorias nos tribunais
A CIG-Ensino preséntase a estes comicios co aval de ter conseguido nos tribunais, dada a nula negociación existente no ámbito galego onde a Xunta ten bloqueada a Mesa Xeral de Universidades nos últimos catro anos, o dereito a cobrar os complementos docentes e de investigación para o persoal interino e os quinquenios para o persoal interino e temporal tras dúas sentenzas que así o confirmaron nas Universidades de Vigo e Santiago. A central seguirá loitando por ampliar os dereitos retributivos a todo o persoal e, como fixo xa en diversas ocasións, seguirá demandando a convocatoria da Mesa de negociación na que está representada a Xunta e as equipas reitoriais para que eviten que sigan producíndose diferenzas salariais no desempeño dun mesmo posto de traballo entre universidades.
Candidaturas
Cunha importante renovación, a CIG presenta a estas eleccións un total de 208 candidatos e candidatas que se distribúen por categorías de Persoal Laboral e PDI funcionario de forma que nas Universidades da Coruña e de Santiago a candidatura está formada en total por 76 persoas, mentres que na de Vigo por 56, cunha representación ampla e plural de todas as disciplinas e facultades, así como dos centros de investigación máis importantes adheridos ás tres institucións académicas. As candidaturas completas tamén se poden consultar no apartado dedicado ás eleccións sindicais na Universidade nesta páxina web.