A CIG-Ensino apoia as reivindicacións da comunidade educativa do CEIP Pena de Francia (Mos)
A ANPA chama a concentrarse o 4 de novembro, ás 9.00 horas, diante da porta principal do colexio, en Mos
En concreto, a comunidade educativa reclama unha persoa especialista en Pedagoxía Terapéutica, unha mestra de Educación Infantil e unha persoa auxiliar coidadora, ademais de reforzar a orientación educativa, para poder dar resposta axeitada a todas as necesidades educativas que hai no centro.
A ANPA do CEIP Plurilingüe Pena de Francia, en Mos, convoca unha concentración o vindeiro 4 de novembro, ás 9.00 horas, para manifestar o seu rexeitamento aos recortes en educación e reclamar os medios necesarios para garantir unha atención educativa axeitada ao alumnado. A CIG-Ensino apoia, como noutros casos recentes na comarca –a EEI Vila Laura e o IES de Teis de Vigo- estas accións de protesta e insta á Consellaría de Educación a deixar de ignorar as demandas dos centros educativos e dotalos do persoal que precisan.
Baixo o lema «Se non temos medios, non entramos ó cole!», as familias queren alzar a voz e facer visíbel a súa preocupación pola falta de recursos educativos. Concretamente, indican que se precisaría dunha especialista en Pedagoxía Terapeutica, dunha profesora de Educación Infantil e dunha persoa auxiliar coidadora, ademais de reforzar a orientación educativa.
A convocatoria pretende trasladar publicamente a necesidade de contar cos medios humanos e materiais necesarios para atender as necesidades do alumnado e garantir unhas condicións educativas axeitadas.
A ANPA do Pena de Francia convida tamén aos medios de comunicación a acudir á convocatoria para cubrir a protesta e contribuír á difusión das reivindicacións de toda a comunidade educativa.
Novas relacionadas

