A CIG-Ensino apoia a reclamación do profesorado de Infantil de adaptación do boletín trimestral de información ás familias
A aplicación PROENS fai que ao elaborar o “boletín de notas” as familias reciban ao redor de 50 criterios de avaliación por trimestre
Desde a mesa sectorial na que se tratou o novo currículo da Educación Infantil en Galiza, a CIG-Ensino adiantou que non se tiña en conta a singularidade desta etapa. A administración educativa negou a nosa denuncia, precedida de escritos e queixas de mestras especialistas, e mesmo chegou a indicar que o profesorado de Infantil non lera as indicacións colgadas na aplicación para a súa adaptación.
Desde a mesa sectorial na que se tratou o novo currículo da Educación Infantil en Galiza, a CIG-Ensino vén denunciando que non se tiña en conta a singularidade desta etapa á hora de elaborar as programacións didácticas e de estabelecer os criterios de avaliación. A administración educativa negou a nosa denuncia, precedida de escritos e de queixas de mestras especialistas, e mesmo chegou a indicar que o profesorado de Infantil non lera as indicacións colgadas na aplicación para a súa adaptación.
A CIG-Ensino si se tomou en serio a denuncia do profesorado afectado e realizou unha recollida de sinaturas solicitando a súa adaptación. Foi entón cando desde a Dirección Xeral de Ordenación e Innovación Educativa se nos deu unha reposta que, pasado o tempo, demóstrase irreal.
Novamente recibimos queixas do profesorado de Infantil que volve ter problemas coa aplicación de elaboración das programacións PROENS, agora coa elaboración do boletín trimestral de información ás familias, o coñecido como “boletín de notas”. Denuncian que ao plasmar os criterios de avaliación a información que se lle traslada ás familias é totalmente incomprensíbel, polo que solicitan que “con urxencia e premura sexa revisado o sistema para permitirnos unha selección daqueles indicadores que a nosa competencia docente considera indicados para as familias do noso alumnado”.
Os criterios de avaliación, extraídos do currículo de Educación Infantil, incluídos nestes boletíns, son como os seguintes:
- Interpretar as mensaxes transmitidas mediante representacións ou manifestacións artísticas, tamén en formato dixital, recoñecendo a intencionalidade do emisor e mostrando unha actitude curiosa e responsable.
- Identificar algunha das características textuais e paratextuais mediante a indagación acompañada en textos de uso social libres de todo tipo de prexuízos e estereotipos.
Ante esta solicitude a administración resposta trasladando a culpabilidade ao profesorado e a postura da Dirección Xeral de Ordenación e Innovación Educativa chega a ser “ridícula”, se non fose tal o disparate, cando di que o Xade reflicte a información que marcaron e decidiron as persoas docentes nas súas programacións didácticas. Polo tanto, no caso de que apareza unha listaxe de criterios de avaliación que consideran excesiva ou que non se axusta á información que as e os docentes desexan trasladar ás familias é consecuencia da programación deseñada e planificada no centro e polas súas docentes, cando a aplicación obriga ao profesorado a tratar todos os criterios de avaliación.
O que é unha evidencia é que a elaboración destes boletíns, tal e como está deseñada, é unha mostra máis da pésima xestión da burocracia que día a día ten que soportar o profesorado nos centros, unha situación que non require tan só do eufemismo de “simplificar tarefas” que figura como única medida proposta pola Consellaría no acordo “da vergoña”.