A CIG-Ensino anima o profesorado a abrirlle a fiestra a Rosalía

24 de febreiro. Día de Rosalía

Un ano máis o sindicato demanda que o 24 de febreiro sexa declarado como conmemoración escolar para recoñecer e difundir a Rosalía e con ela a nosa lingua e literatura.

O 2018 tampouco terá entre os días sinalados no calendario escolar galego o 24 de febreiro como do día de Rosalía, reivindicación que a CIG-Ensino vén reiterando desde hai anos. E isto será así porque a Consellaría de Cultura e Educación non entende que tal data deba figurar á altura doutras 14 que configuran as conmemoracións citadas expresamente no calendario escolar 2017/18.

Un goberno caracterizado pola súa política de acoso contra o noso idioma, reducindo as horas de docencia na ESO e no Bacharelato, prohibindo o ensino de materias científicas na nosa lingua ou promovendo que o alumnado de infantil chegue ás menores taxas de emprego do galego nos últimos tempos, amosa tamén a súa alerxia a unha muller que foi quen de saltar os marcos que lle impuña o momento histórico que lle tocou vivir e alumear un facho de dignificación da nosa lingua e a nosa cultura que aínda hoxe está aceso. 

Teremos que ser todas e todos nós, profesorado, alumnado, sociedade en xeral, quen novamente saltemos estes obstáculos e vivamos o 24 de febreiro co orgullo, a normalidade e a determinación de abrir unha fiestra a un idioma con futuro, vivo nas bocas das nenas e nenos, dos mozos e mozas que enchen as nosas aulas e que non se merecen o esquecemento oficial senón a celebración popular. 

Abramos a fiestra para ver a Rosalía. 

#AbrideAFiestra

Por iso desde a CIG-Ensino facemos un chamamento a conmemorar o Día de Rosalía en todos os centros escolares, apoiando a iniciativa da Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega (AELG) que propón celebrar a data agasallando un libro en galego e unha flor, e que achega propostas para pór en práctica co alumnado. Este ano a campaña xira en torno ao lema #AbrideAFiestra. Unha fiestra que abriremos a Rosalía e a nosa propia lingua.

Tal e como afirma o manifesto da AELG, redactado pola escritora María Reimóndez, está na nosa man abrir a fiestra. “Abrila para vermos a muller, a escritora, a irredutible. A voz que nos une ás rebeldes do mundo, que fascina coa súa luz por onde pasa, que nos ofrece a súa clarividencia para tecermos novas alianzas, a que sempre está do lado da xustiza, do noso lado, a que sempre está aínda por descubrir”.

#DíaDeRosalía

Desde a CIG-Ensino seguiremos a demandar sen descanso a inclusión do Día de Rosalía na relación de datas conmemorativas do calendario escolar, centrada neste caso no recoñecemento e difusión da autora que simboliza o Rexurdimento da nosa lingua e a nosa literatura. Seguiremos sinalando a quen promove o silencio e a ocultación, apoiaremos a vontade popular de conmemorar Rosalía e a quen abra as fiestras do noso futuro. Neste camiño sodes moitas e moitos os docentes que abrides fiestras a diario. Os nosos parabéns e o noso afecto. 

A hora lectora, con Rosalía

Son moitos os centros docentes, tanto de primaria como de secundaria, que contan no seu horario coa hora lectora. A semana na que conmemoramos o nacemento de Rosalía é unha ocasión magnífica para abrir nela esa fiestra que nos trae a afouteza, a valentía, a determinación de quen tanto fixo e de quen tanto nos legou. Por iso animamos tamén o profesorado a empregar textos de Rosalía nesa hora lectora e divulgar deste xeito a nosa autora.

Para alén disto existen tamén outras propostas dentro da campaña #AbrideAFiestra que desde o sindicato vos animamos a promover nos centros.

Accións colectivas de difusión da obra de Rosalía propostas pola AELG.

Educación Infantil e Primaria

Para estas etapas de ensino o lema da proposta #AbrideAFiestra pode desenvolverse a través de actividades que permitan a cada alumna ou alumno facerse cómplice da Rosalía de Castro da que se sinta máis próxima/o. Para isto, despois de facer un repaso da figura literaria da autora, e dalgunhas lecturas que dean conta da pluralidade significativa da súa obra, propoñemos para o venres 23 de febreiro que cada alumna/o elabore, nun soporte que poida ser pendurado nunha fiestra ou pegado na parte interior dos vidros das fiestras (tea, cartolina ou similar), algún elemento iconográfico de Rosalía de Castro e/ou transcriba os seus versos soltos ou poemas completos para lles dar luz desde as fiestras e tentar facelos visíbeis socialmente.

Esta iniciativa pretende ademais que o alumnado comparta esta celebración coa súa familia e veciñanza. Para isto faríanse fotos do alumnado, acompañado ou non das súas persoas maiores, portando entre ambos outro pequeno cartel cun verso rosaliano da escolla da alumna ou alumno e mostrándoo nesas fiestras que, coa axuda de Rosalía, abrimos a un mundo e un tempo novo.

A documentación gráfica xerada por estas actividades sería subida á rede polo centro de ensino e polas familias antes do 24 de febreiro, ou ese mesmo día, coa etiqueta #AbrideAFiestra. A AELG comprométese a colaborar na difusión da mesma a través da súa web e redes sociais.

Educación Secundaria e Bacharelato

Propoñemos para o venres 23 de febreiro a escenificación e gravación de mostras visibilizadoras da obra rosaliana que sigan o fío do lema #AbrideAFiestra, de xeito que o alumnado interaccione visualmente coa obra ou a figura de Rosalía e contribúa a espallala colectivamente, quebrando os muros herméticos e escuros que noutro tempo a silenciaron. Para estes efectos, suxerimos traballar sobre o texto do manifesto da AELG no Día de Rosalía de Castro.

Estas accións, en calquera formato que prosperen, serían subidas polo centro á rede antes do 24 de febreiro, coa etiqueta #AbrideAFiestra. Desde a web e as redes da AELG contribuiriamos a as expandir.

Desde a AELG, convidamos á comunidade educativa a que se implique de forma activa nesta festa que celebra o nome e a obra da poeta maior de Galicia, chave mestra da nosa literatura e da nosa conciencia como pobo.

Máis información e MANIFESTO na web da AELG

Volver