
A CIG-Ensino anima ao profesorado a conmemorar nos centros o Día Internacional contra a LGBTIfobia
O 17 de maio conmemórase internacionalmente o día contra a LGBTIfobia
Desde a CIG-Ensino queremos reivindicar o papel que os centros teñen na construción dunha sociedade pacífica no presente e para o futuro. O alumnado e o profesorado teñen dereito a que escolas e institutos sexan lugares seguros.
O conxunto da comunidade educativa debera de combater as mensaxes que fomentan o odio e todos os tipos de violencia aos que o colectivo LGBTIQ+ puidera estar exposto. A Consellería de Educación é a máxima responsable de garantir esta seguridade e segundo o resultado da enquisa realizada pola CIG-Ensino arredor da igualdade no eido educativo, a despreocupación e ausencia de seguimento e apoio da administración educativa nos centros sobre esta cuestión é manifesta.
Na Mesa Sectorial do pasado 6 de maio para negociación do calendario escolar 2025/26 a CIG-Ensino seguiu, un ano máis, exixindo que as conmemoracións vinculadas coa visibilidade e integración da diversidade afectivo-sexual conten cunha data ou semana concreta, xa que de non facelo é unha maneira de invisibilizalas dentro do calendario escolar.
A instrución do 6 de setembro de 2019 ten por obxecto regular a elaboración do plan de igualdade dos centros docentes sostidos con fondos públicos que imparten as etapas de educación infantil, primaria, secundaria ou formación profesional (os centros integrados de formación profesional réxense por unha norma especı́fica)
Como plan de centro, a súa elaboración, indica o documento, é responsabilidade do equipo directivo e para realizar esta tarefa poden contar coa colaboración do Departamento de Orientación e do persoal con formación en igualdade. A instrución tamén recorda que é obrigado por lei nomear unha persoa responsable en materia de igualdade no Consello Escolar e que esta debera de participar no impulso do plan de igualdade.
Desde o sindicato denunciamos en moitas ocasións que non estea establecido que a persoa coordinadora da área de Igualdade dispoña de liberación horaria, nin de compensación económica, nin de puntuación a efectos de CXT e que siga dependendo da voluntariedade do profesorado asumir esta responsabilidade.
Dentro dos obxectivos coeducativos que se deberan abordar no plan están a promoción do respecto pola diversidade afectivo-sexual e a prevención, detección e intervención en casos de LGBTIfobia.
A norma á que facemos referencia relaciona medidas concretas de actuación entre outras, as seguintes:
- Concretar actividades arredor das datas coeducativas do calendario escolar (25 de novembro, 8 de marzo, celebracións LGBTI etc.).
- Concretar o desenvolvemento curricular da educación afectivo-sexual integral para todo o alumnado do centro.
- Realizar actividades de sensibilización na aula e coas familias.
- Promover a prevención ante a discriminación por razón de sexo, xénero ou orientación sexual dende o ámbito da orientación educativa e vocacional.
- Promover o respecto cara á diversidade sexual e de xénero.
O plan de igualdade para o alumnado, debe de incluírse como anexo da Programación xeral anual. É a inspección educativa a encargada de supervisala para verifcar a súa adecuación ao establecido, formular as suxestións e indicar as correccións que procedan, mais na CIG-Ensino temos constancia de que este traballo non se está a facer por parte das inspeccións.
A CIG-Ensino publica cada ano no mes de xuño materiais didácticos arredor do día do orgullo LGBTIQ+, cuxa data conmemorativa, 28 de xuño, queda fóra do período lectivo para que o profesorado comparta co alumnado nas aulas e contribuír na visibilización do colectivo e na defensa dos seus dereitos. Nesta ocasión para a conmemoración do día internacional contra a LGBTIfobia recomendamos ao profesorado unha revisión aos vídeos da entrevista que se realizou a Miguel Vieito, avogado da asociación de familias de menores Trans* ARELAS no ano 2023. Nestes cortes expón datos sobre as violencias que padece o colectivo Trans* e explica dun xeito sinxelo e moi claro cal é a realidade deste colectivo nos nosos centros de ensino.
Miguel Vieito diríxese fundamentalmente ao alumnado desde o seu coñecemento do marco xurídico e desde a súa experiencia intentando achegar a realidade do colectivo Trans*, especialmente da mocidade, ás aulas.
Vídeos destacados da entrevista:
https://www.youtube.com/watch?v=4xi-P52xps8
https://www.youtube.com/watch?v=-UBcHr_YR2Q
https://www.youtube.com/watch?v=mSP6DPGLGyc
Entrevista completa:
https://www.cig-ensino.gal/nova/o-dia-do-orgullo-tamen-nas-aulas.html