A CIG-Ensino anima a toda a comunidade educativa a participar activamente na manifestación e foliada do día 17

O sindicato insta ao profesorado a preparar estes días as pezas musicais que se van tocar e bailar durante o acto final da manifestación e a encarar esta data con espírito lúdico e reivindicativo.

Nun ano no que se conxuga a situación de emerxencia lingüística que vive a nosa lingua e a homenaxe ás cantareiras e ao cancioneiro popular galego no Día das Letras, a tradicional manifestación que se celebra o 17 de maio necesariamente ten que conxugar o aspecto reivindicativo e o lúdico-popular. Así, está previsto que un grupo de pandereteiras toque ao remate do acto a muiñeira de Grixoa e a xota de Soutelo. De aí que a CIG-Ensino faga unha chamada aos centros de ensino a participar activamente preparando co alumnado estas e outras pezas da nosa música tradicional para facer desta data unha gran foliada pola lingua.

O compromiso sobre o futuro do galego está cada vez máis nas mans da sociedade galega, de todas e cada unha das persoas que viven en Galiza, fronte ao desleixo e abandono da Xunta que segue lexislando na súa contra por moito que de cara á galería intente amosar que fai algo para frear o devalo de falantes, especialmente entre a poboación máis nova.

A CIG-Ensino, como sindicato maioritario en todo o ensino público, fai un chamamento especial a que toda a comunidade eductiva, profesorado, alumnado e familias se involucren e participen activamente na manifestación do día 17 de maio que este ano, como non podía ser doutro xeito, terá un carácter lúdico-reivindicativo ao incorporar unha foliada final en liña coa homenaxe polo Día das Letras ás cantareiras galegas. Así, está previsto que un grupo de pandereteiras amenicen o acto final que terá lugar na Praza da Obradoiro, no que tocarán a muiñeira de Grixoa e a xota de Soutelo. O sindicato ve nesta foliada unha estupenda oportunidade para que profesorado e alumnado preparen estas pezas, leven instrumentos e toquen e bailen a nosa música tradicional co obxectivo de que ese día sexa lembrado como a gran foliada pola lingua.

Ao igual que non puideron calar durante séculos a transmisión oral da nosa música tradicional, o obxectivo do acto do 17 de maio é precisamente facer oír o clamor da sociedade galega que esixe poder vivir en galego en todos os ámbitos e que quere manifestar o seu amor pola lingua a través dunha festa popular, como se fixo ao longo dos séculos que nos precederon. 

Neste sentido, a CIG-Ensino anima tamén ao profesorado que participa nesta edición do Correlingua ou que o fixera nas pasadas a que cedan os materiais (pancartas, cartaces, estandartes...) elaborados nos centros para que familias e alumnado os traia á marcha e así se estenda o espírito tamén lúdico-reivindicativo dunha actividade a outra. 

Manifestación ás 12 con final na Praza do Obradoiro 

A manifestación convocada pola plataforma Queremos Galego, que aglutina a máis de 500 asociacións e entidades de todo o país, saírá, coma sempre, ás 12 horas da Alameda, percorrerá o casco histórico de Compostela e rematará na Praza do Obradoiro. 

Para unha mellor organización do espazo, se finalmente se decide acudir un grupo numeroso de persoas ou agrupacións musicais solicítase que se inscriban, mais se a participación é en grupos máis reducidos non é preciso. A información coas ligazóns para anotarse na foliada, así como para participar no proceso social “Lingua Viva” pode atoparse na páxina web de Queremos Galego.

Servizo de buses e difusión

Para facilitar a asistencia, a plataforma pon a disposición servizo de autobuses desde oito zonas de Galiza nos que se poden anotar as persoas interesadas. A ligazón está neste apartado da súa web. 

Así mesmo, a CIG-Ensino tamén amina á comunidade educativa a partillar a información da manifestación e foliada pola lingua compartindo nas redes sociais o material editado para darlle visibilidade e que se pode atopar aquí.

Volver