A CIG-Ensino amósase crítica coa nova Lei de ensinanzas artísticas
O sindicato, recoñecendo algúns avances na tramitación da Lei, considéraos totalmente insuficientes
O texto da nova Lei de ensinanzas artísticas superiores que veu a luz verde no Congreso a pasada semana mellora algúns aspectos relacionados coas competencias das comunidades autónomas e cos requisitos de integración nos novos corpos docentes que a Lei crea. Con todo queda moi lonxe das demandas que a CIG-Ensino defendeu na única reunión da Mesa Docente estatal e que o sindicato trasladou, na fase de presentación de emendas na comisión de educación do Congreso.
Preocupación polo futuro das Escolas de Artes e Superiores de Deseño
Un dos temas máis controvertidos do texto aprobado no Congreso e que o Goberno se negou a pactar é a decisión de que as administracións educativas “promoverán a progresiva especialización destes centros” entre as ensinanzas superiores e as profesionais”, algo que dada a realidade dos catro centros galegos non ten ningún sentido. A CIG-Ensino propuxo que esta decisión quedase nas mans das comunidades autónomas, permitindo por tanto que se puidesen manter a simultaneidade dos estudos se non existe outra alternativa viábel. O sindicato, se o texto final non ten ningún cambio tras a tramitación no Senado, instará á Consellaría de Educación a manter ambas ensinanzas, profesionais e superiores, mentres non existan garantías absolutas de que non se vai ver afectada a oferta actual. Non estamos, desde a perspectiva da CIG-Ensino diante dunha cuestión sobre se é mellor ou peor que haxa separación en distintos centros ou simultaneidade, senón de manter unha oferta, tanto no total de ensinanzas como na súa distribución territorial.
A nova estrutura de corpos docentes, unha nova mostra de falta de compromiso e implicación co profesorado por parte do Ministerio
Os problemas causados coa tramitación da Lei de FP e os cambios de corpos docentes derivados dela non serviron para que o Ministerio rectificase na súa decisión de impoñer procesos de integración pechados e limitados.
Se be é certo que na tramitación parlamentaria melloraron algunhas cuestións, o certo é que se manteñen algunha decisións que a CIG-Ensino considera negativas (a negativa a manter un proceso de integración con carácter indefinido no corpo de mestres de taller), preocupantes (as novas atribucións para as direccións propoñeren a contratación de profesorado especialista ou visitante e designar directamente profesorado emérito), e de futuro incerto (a esixencia da titulación de doutoramento para o corpo de cátedras de ensinanzas artísticas superiores polo reducido número de docentes que poderán cumprir un requisito que non ten precedentes nos corpos docentes).
Por último, e no que se refire a prazos, todo queda pendente dun posterior desenvolvemento da Lei, sen fixar data de entrada en vigor dos seus efectos máis importantes. Tras o paso polo Senado, a Lei está previsto que se aprobe definitivamente antes de rematar o mes de maio.
Con detalle, esta é valoración que a CIG-Ensino fai dos cambios introducidos na nova lei, na que sen deixar de recoñecer pequenos cambios en positivo, o sindicato amosa a súa crítica tanto nas formas (ausencia de negociación real no ámbito sindical, cunha única reunión negociadora) como no fondo.
A posición da CIG-Ensino sobre os temas fundamentais desta nova lei.
- Hai cambios que melloran substancialmente o texto do proxecto de lei (ámbito competencial, condicións de integración nos novos corpos, equivalencia das ensinanzas superiores cos estudos universitarios e dos dereitos do seu estudantado….) mais hai cuestións que, tanto desde a realidade do profesorado galego como dos centros que imparten estudos superiores, fan que a lei manteña erros importantes.
- A ordenación do profesorado debería tender a unha estrutura simple e de progresión horizontal. Crear novos corpos non é a solución senón que, tal como se formula, pode ser unha nova fonte de problemas.
- A creación dun corpo de cátedras para impartir docencia nos estudos profesionais vai implicar unha mellora retributiva importante mais limitada a pouco profesorado, como acontece nos IES ou EOI(máximo dun 30%). O lóxico sería unha carreira profesional que permitira chegar ao máximo nivel a todo o profesorado ao longo da súa vida laboral.
- A esixencia dunha titulación de doutoramento a quen xa forma parte do corpo de cátedras non ten sentido, máxime cando se recoñecen os mesmos dereitos a quen non se integre.
- De cara o futuro, o requisito de doutoramento pode reducir dun xeito importante a posibilidade de acceso ao corpo de cátedras por oposición desde o corpo de profesorado.
- Tendo en conta que existirán as mesmas especialidades no corpo de cátedras e no de profesorado seguramente as listaxes actuais de persoal interino de cátedras nos CMUS superiores (únicas listaxes de interinidades neste corpo) pasarán ao corpo de profesorado (único polo que se pode ingresar).
- A integración nos novos corpos, para a CIG-Ensino, debería ser automática e sen novas exixencias, sen deixar ninguén atrá
- Aínda que se atendeu parcialmente a nosa demanda de facilitar a integración no corpo de profesorado de ensinanzas artísticas superiores (a proposta inicial era que se tivese traballado nos últimos cinco anos e agora fíxase cinco curso, con independencia de cando fosen) aínda queda lonxe da nosa proposta de non superar os dous anos de exixencia.
- Opuxémonos a limitación temporal para que as mestras e mestres de taller poidan acadar a titulación de Grao para se integraren no corpo de profesorado de estudos artísticos profesionais ou que non se regulase o dereito ao cobro dun complemento de equiparación: repítese os erro cometido co profesorado do corpo de PTFP: a CIG-Ensino defendeu un prazo indefinido e o dereito a licenzas por estudo para poder obter a titulación requirida.
- O acceso a calquera posto de traballo no sector público debe fundamentarse en convocatorias nas que prime a publicidade, o mérito e a capacidade, baixo o control sindical e a negociación nas mesas respectivas, e o papel que se lle dá ás direccións dos centros para propoñer nomeamentos de profesorado especialista ou visitante pode romper con eses principios.
- Amosámonos contrarios á figura de profesorado visitante: é unha porta aberta á traer profesorado durante un ou dous cursos, cun contrato laboral, reducindo a carga lectiva de profesorado do centro, o que podería implicar a perda de postos de traballo.
- Non estamos de acordo coa figura de profesorado emérito para docentes xubilados polo mesmo motivo da súa repercusión na perda de postos de traballo e porque consideramos que a posibilidade de prolongar a vida laboral até os 70 anos xa é excesivo.
- Na elección da dirección dos centros debería regularse a presenza mínima que terá o profesorado na comisión de selección, que debe ser maioritaria. No texto só se garante a maioría da comunidade educativa.
- Consideramos un erro a pretensión de que se promova que os centros que imparten simultaneamente ensinanzas artísticas superiores e profesionais (en Galiza todas as EASD) tendan a especializarse nunhas ou outras ensinanzas. Deben garantirse tanto a impartición de títulos de Grao como ciclos formativos.Só no caso de que existise unha alternativa clara e con futuro para as titulacións profesionais podería ter sentido esa especialización.
- O calendario de aplicación de todos os cambios queda sen concreción. Será o Goberno estatal, unha vez consultadas as comunidades autónomas, o que aprobe un Real Decreto co regulamento de integración nos novos corpos, sen fixar datas concretas para que sexa efectiva.
Como afectan os cambios nos corpos docentes? |
|
Corpos actuais |
Novos corpos: integración ou situación a extinguir |
- Corpo de cátedras de música e artes escénicas - Corpo de cátedras de artes plásticas e deseño |
Exixencia de titulación de doutoramento para o novo corpo de cátedras de ensinanzas artísticas superiores. Prazo de 10 anos desde a entrada en vigor da lei (até o curso 2033/34) para obter a titulación e poder integrarse a quen xa forma parte dos actuais corpos de cátedras. Quen non teña esa titulación quedará para extinguir no corpo de cátedras actual, con plena equiparación co novo corpo. Todo o que teña que ver cos novos corpos deberá regularse nun Real Decreto a nivel de Estado e coa conseguinte normativa posterior a nivel galego. Para acceder a cátedras será requisito formar parte do corpo de profesorado de ensinanzas artísticas superiores polo que a única vía será a promoción interna. |
- Corpo de profesorado de música e artes escénicas que impartiran ou estean a impartir docencia en ensinanzas artísticas superiores |
Poderá integrarse no novo corpo de profesorado de ensinanzas artísticas superiores quenacredite unha experiencia docente nesas ensinanzas de 5 cursos con anterioridade á entrada en vigor da lei. Quen teña destino definitivo ou provisional nun destes centros disporá dun prazo de 4 cursos máis para acreditar esa experiencia e poder integrase no novo corpo. Unha vez que estea regulado esixirase o Mestrado de especialización en investigación e didácticaen ensinanzas artísticas para novos ingresos neste corpo. Quen non se integre quedará para extinguir no corpo de procedencia. |
- Corpos de profesorado actuais que imparten docencia en ensinanzas profesionais |
Poderá solicitar a integración no novo corpo equivalente sen ningún outro requisito. |
- Corpo de mestras e mestres de taller de artes plástica e deseño |
Só permiten que se integre no corpo de Profesorado de ensinanzas artísticas profesionais a quen teña titulación de Grao ou equivalente a efectos de docencia. Dáse un prazo de cinco cursos para que, desde a entrada en vigor do regulamento posterior á lei, se convoquen estes procesos de integración (até 2029) Non se declara para extinguir o corpo actual que mantén as actuais atribucións docentes. |