A CIG-Ensino alerta da necesidade de reforzar o profesorado e o sistema educativo en xeral para afrontar os efectos do confinamento no noso alumnado
Valoración das decisións adoptadas na Conferencia Sectorial do MEFP coas CC.AA.
O sindicato amosa a súa conformidade con varias das medidas anunciadas, como é o caso da promoción e titulación con carácter xeral e co reforzo da avaliación continua mais resalta dúbidas sobre como se desenvolverá en Galiza a normativa á vista da unilateralidade habitual da Xunta
Hai veces en que unha situación excepcional pode colocar no centro do debate educativo o que, de por si, debería ser o habitual. Isto vén de ocorrer tras a comparecencia da ministra Celaá e o comunicado da Consellaría de Educación. Fálase da avaliación continua ou da repetición de curso con carácter excepcional cando esta xa debería ser a regra e non a excepción. Mais o certo é que o Estado español é o que ten un maior índice de alumnado repetidor de toda a UE. Reverter esta situación e converter a promoción en norma xeral debe ser un principio reitor, mais como tal non serve de nada se non se acompaña de medidas correctoras e de reforzo educativo. De pouco servirá que o alumnado promocione se despois non temos ferramentas para acompañalo dun xeito especial durante os cursos seguintes.
Neste sentido, a CIG-Ensino amosa a súa preocupación por como imos afrontar desde os centros educativos o curso 2020/21 e seguintes. A necesaria recomposición curricular, a adaptación de tempos e criterios de avaliación, os necesarios apoios educativos que teremos que afrontar, serán de tal relevancia que se non contamos cun reforzo dos claustros para posibilitar desdobres e unha atención especial a todo o alumando, especificamente a quen puidera ter quedado descolgado durante o confinamento e a todo o alumnado con NEAE, non poderá dar resultados positivos. Precisamos planificar nos centros un período de adaptación para o alumnado máis vulnerábel e castigado pola situación excepcional e artellar a maneira de atenuar as consecuencias da carga negativa que o confinamento ten nas alumnas e alumnos e que inevitabelmente traerán nas súas mochilas.
De acordo coa promoción xeral e co papel central do profesorado.
A CIG-Ensino mostra o seu acordo con varias das medidas apuntadas tras a Conferencia Sectorial e que xa foron propostas polo sindicato, mais agarda a que se concreten na norma que terá que aprobar a Consellaría de Educación:
- A promoción e titulación, con carácter xeral, do alumnado.
- O papel dos equipos docentes na toma final da decisión, en función da propia realidade do alumnado mais sen que os efectos do coronavirus poidan terse en conta. Debe ser o profesorado quen finalmente decida en casos excepcionais sobre a promoción do alumnado.
- Unha 3ª avaliación de reforzo e recuperación de competencias e contidos xa traballados nos trimestres anteriores, no sentido de que debemos seguir acompañando e formando o noso alumnado, mais co curso pechado a efectos académicos co inicio do confinamento. Todo o que sexa saírse deste principio entendemos que sería un erro pola existencia dun importante número de alumnos e alumnas que non están a seguir a teledocencia.
Os parches temporais e organizativos como a actividade no mes de xullo ou o contratos-programa non son a solución.
Sobre outros aspectos apuntados na reunión e á espera de ver como actúa a Consellaría de Educación, a CIG-Ensino avalía criticamente a referencia a programas de reforzo como o coñecido PROA ou outros desenvolvidos pola Consellaría de Educación como o actual ARCO e chama a investir os fondos destinados a profesorado a ampliar cadros de persoal fixo para reducir ratios e mellorar a atención ao noso alumando e non a buscar parches temporais que nin sequera teñen un carácter universal, como xa veu denunciando o sindicato. Nos próximos cursos vai ser fundamental a ampliación de cadros docentes e non debe ser pola vía dos contrato-programa.
Ao respecto da proposta de abrir os centros educativos durante o mes de xullo, algo que será tamén competencia da Xunta de Galiza, amosámonos contrarios a que este mes poida ser utilizado para reforzar contidos curriculares. O curso escolar, desde todas as perspectivas, ten que pecharse no mes de xuño. Non consideramos unha boa proposta deixar de estar en confinamento para que o alumnado enlace un curso con outro. O tempo que medie entre o fin das medidas de restrición da mobilidade e o retorno ao vindeiro curso escolar debe centrarse, por parte das diferentes administracións, en prestar unha atención especial á situación emocional das nenas e nenos.
Se a proposta se enfoca neste sentido, e cun carácter abertamente socializador e máis lúdico que formativo, a Consellaría non pode favorecer unha segunda discriminación, pensando por exemplo en alumnado que non se pode desprazar ao centro educativo. O que necesita o alumnado que vive confinado é unha estratexia de actuación conxunta de todas as administracións, desde a Xunta aos concellos, para que, se as condicións sanitarias así o permiten, se poidan levar adiante programas que favorezan o retorno ás actividades colectivas e de socialización, non actividades lectivas de recuperación e reforzo, que sen dúbida terán que estar presentes na reorganización do curso escolar 2020/21.
Á espera dunha Consellaría que prefería que Madrid gobernase no seu lugar.
Terá que ser finalmente a Consellaría de Educación quen, por fin, faga o seu traballo e introduza as modificacións legais oportunas para dar cobertura aos cambios transitorios que precisan os centros galegos neste final de curso e no propio curso 2020/21. Algo que por outro lado xa podería ter avanzado o noso goberno se realmente tivese a máis mínima capacidade de iniciativa.
Entendemos, en todo caso, que o Ministerio de Educación puido ter avanzado a súa proposta se a súa intención era, como finalmente se vén de constatar, fixar un marco legal mínimo, como entendemos que lle corresponde, para que sexan os gobernos autonómicos quen exerzan as súas competencias e os equipos docentes quen as apliquen. Ao respectoNon nos cansaremos de instar á Consellaría a que mude o seu illamento e a que comparta, entre outros colectivos, coas organizacións sindicais, as reflexións e medidas necesarias para este tempo excepcional.
Unha das primeiras medidas que debe tomar con carácter de urxencia a Consellaría e xa tarda en facer, é elaborar un estudo que permita recoñecer as carencias deste momento de teledocencia, tanto do alumnado desconectado como do profesorado con problemas para manter unha actividade normal, co sobreesforzo que afronta e coa nula participación, de momento, da administración. É preciso un reforzo da función titorial e da orientación educativa para poder deseñar actuacións específicas que recuperen o noso alumnado e nos preparen para a reincorporación á actividade educativa e nese papel, chama poderosamente a atención o abandono da administración galega.
Finalmente, amosamos a nosa preocupación pola batalla partidaria na que está instalada a dereita, presente tamén no campo educativo e que levou simultaneamente a que a conselleira de Educación incidise na importancia do regreso ás aulas e á portavoz educativa do PP no Congreso a pedir expresamente que Educación presionase a Sanidade para que o alumnado poida voltar ás aulas. Reclamamos que deixen a permanente campaña electoral e que actúen con seriedade. Todo o mundo desexa a volta á normalidade mais ninguén pode xogar coa saúde, nin das crianzas nin das súas familias nin do profesorado. Abandonen o uso partidario e o xogo tóxico que se dá mesmo para as oposicións que aínda a día de hoxe non se aprazaron como para o retorno aos centros.