A CIG-Ensino alerta da escasa oferta de citas para a revisión médica do persoal dos centros educativos

O sindicato demándalle á Consellaría que habilite unha axenda máis ampla con carácter inmediato.

Cando só quedan 8 días para que remate o prazo de solicitude desta revisión médica en Pontevedra xa non queda ningunha cita dispoñíbel e en Vigo só dous días para escoller, mentres que en Compostela, A Coruña e Ferrol 5 e en Ourense 8. Esta situación amosa a falta de interese da Consellaría porque o persoal dos centros educativos exerza este dereito.

O recoñecemento médico do persoal que traballa nos centros educativos, unha revisión de carácter anual, está consolidada desde hai dez anos logo dun longo percorrido polos tribunais de xustiza con demandas da CIG-Ensino ante a negativa da Xunta a facer esas revisións obrigatorias por lei ao conxunto do profesorado. Así, desde 2014 a Consellaría abre un prazo a comezos de curso para que o persoal que así o desexe poida solicitar esa revisión. 

Durante estes anos foron varias as queixas formuladas pola CIG-Ensino pola atención que a empresa contratada pola Xunta prestaba, desde a ausencia do noso idioma nos informes, o que foi corrixido logo da denuncia do sindicato, a problemas derivados dunha oferta insuficiente de revisións xinecolóxicas en determinados ámbitos xeográficos. 

Hoxe, cando levamos 12 días de prazo para solicitar cita e restan 8 para poder facelo (o prazo remata o 16 de outubro) a CIG-Ensino vén de comprobar como hai en todas as cidades galegas, a excepción de Lugo, un moi reducido número de días dispoñíbeis para citas e todas elas co curso moi avanzado. 

O caso máis grave é o da cidade de Pontevedra, onde xa non hai posibilidade nestes momentos de facer a revisión médica. Cidades como Vigo só tiñan a primeira hora da mañá de hoxe 2 días dispoñíbeis, A Coruña, Santiago e Ferrol 5, Ourense 8. A cidade de Lugo, pola contra, ten unha ampla axenda dispoñíbel. 

Se unimos estes datos dunha escasa oferta de citas con eivas denunciadas  en anos anteriores e co feito de que a cifra do último informe proporcionado pola Consellaría de datos desta revisión (curso 2022-23) indica que fixeron a revisión ao redor de 6000 docentes, parece obvio concluír que a Consellaría non ten un excesivo interese en que aumenten as solicitudes para non encarecer o que debe pagar por elas. 

Tendo en conta isto, a CIG-Ensino considera unha obriga da Consellaría ampliar corrixir esta situación e solicita que se faga o seguinte: 

  • xestionar coa empresa CUALTIS a ampliación de datas nas cidades e vilas con escasa axenda. 
  • ampliar o prazo de solicitude no tempo necesario para evitar que haxa profesorado que quede sen poder facela na cidade ou vila máis próxima ao seu domicilio ou posto de traballo. 
  • remitir un correo electrónico a todo o profesorado avisando dos cambios. 
  • garantir que o prazo aberto con carácter permanente para docentes de nova incorporación (do 1 ao 20 de cada mes posterior á toma de posesión para contratacións posteriores ao 29 de setembro) dispoña de datas suficientes, tamén para persoal substituto que só pode pedila cando leve traballando un mínimo de 65 días. 
  • que exista información destacada e permanente durante o prazo de solicitudes na páxina web da Consellaría, da que só se tivo coñecemento no día de apertura de prazo cando hai temas relacionados coa campaña de propaganda que ocupan un papel destacado, cando en moitos casos só levan a notas de prensa de comparecencias do conselleiro sen maior interese.

Volver