A CIG Ensino alenta ao profesorado a conmemorar o Día de Rosalía

Un ano máis a Consellaría de Educación non quixo darlle oficialidade ao 24 de febreiro como o Día de Rosalía

Unha vez máis, a Consellaría de Educación silencia o Día de Rosalía polo que a CIG Ensino anima ao profesorado a sumarse ás iniciativas da Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega (AELG) e ás doutras entidades que si dan voz á poeta.

Baixo o lema #TeusDocesCantares, a campaña da AELG, que propón á cidadanía desde 2010 que agasalle cun libro en galego e cunha flor ás amizades e persoas queridas, pretende commemorar o nacemento da escritora galega máis universal.

Tal e como afirma a o manifesto da AELG, redactado pola escritora Anna R. Figueiredo, ser Rosalía é un acto de rebeldía, é unha acción política. Cada mirar nos ollos fire coma cen saetas. Non precisamos máis, só mirar. Quen mira a obra de Rosalía entende a muller de vangarda que hai detrás dela, a insubmisa, a creadora do pensamento, a inconformista, a muller valente que elixe a palabra para loitar contra a inxustiza e para crear un país sublime. Ser Rosalía é ollar cara a unha nova normalidade na que só podemos avanzar.

Este ano, a AELG promove unha serie de actividades en distintas localidades e nas que se aplicarán os protocolos sanitarios vixentes en cada momento e será preciso cumprir coa distancia de seguridade e o uso de máscaras.

No tocante ao ensino, a proposta realízase en base a un escenario de actuación cos centros de ensino bastante pouco habitual debido á problemática da COVID-19 e consiste en:

INFANTIL E PRIMARIA

THE LELLI KELLIES- A clase é un galiñeiro...

A que algunha vez o tedes pensando? A que algunha vez o alumnado ten escoitado esa expresión vindo de nós? "Esta clase parece un ghaliñeiro!" Pois que sexa. Que sexa un ghaliñeiro que lembre un dos poemas de Rosalía. The Lelli Kellies ofrécenos unha pequena versión para empregar na aula e reproducir a letra e coreografía, nos lugares de traballo e grupos burbulla correspondentes, desta proposta divertida que nos permite descargar adrenalina e botar unha gran risotada. Cacarexar as frustracións!

Escoitade a proposta e tratade de levala a cabo na aula coa rapazada. Primeiro podedes xogar a adiviñar o que di a letra e sobre que trata. Engadimos unha pequena ficha de traballo para que se poida concretar na aula e que a nosa rapazada teña o seu verdadeiro pasaporte Rosaliano do día 24. Rosalía desconfinada!

Podedes descargala aquí.

 Actividades de aula:

1.- Proxectamos o vídeo:

2.- Reto 1: Intenta cacarexar ao tempo que o fan os protagonistas do vídeo

3.- Cres que os protagonistas do vídeo son galos ou galiñas? Por que? (Escribe o porqué en 7-10 palabras, e só podes usar un adxectivo).

4.- Completa a letra:

Isca d'______

_________ maldita,

Isca d'_____

Nó me mate-la ______.

 

Isca d'_______

Galiña _______

Isca _______

Pra ______ tua dona.

Cantares gallegos. Rosalía de Castro. 1863.

Vente, rapasa

5.- Poderías cantar a canción sen escoitala de fondo? Intentádeo (Lembrade mover os brazos como se tivésedes ás) para poder canalizar toda a forza creadora das/dos poetas.

6.- Debúxate como se foses un galo/galiña/paxaro do teu gusto.

7.- Hora de dalo todo! Gravamos en vídeo o noso baile e canción Rosaliana imitando aos Lelli Kellies!

8.- Extra: Botade unha ollada aos seguintes vídeos de outras persoas que cantaron a Rosalía. Podedes, mentres escoitades, bailar un pouquiño no sitio...

9.- Cal vos gustou máis? Poderiades inventar na casa un baile para esa canción e compartilo coa clase a través da aula virtual coa axuda da vosa familia?

10.- Gravación da proposta de coreografía da aula para:

               a) Compartir en redes cos cancelos #rdc_2021 #TeusDocesCantares

               b) Enviar ao mail da AELG: oficina@aelg.org e á comunidade educativa relacionada coa aula (familia, claustro docente...)

 PROPOSTA PARA OS MAIORES DE PRIMARIA-ESO-BACH-FP 

SEBASTIAN BLACK e ITS SOUL- Non me asombres, negra sombra.

A proposta de Sebastian Black e Its Soul está máis relacionada co alumando que entra nas etapas de estudo das/dos maiores.

Podedes descargala aquí.

Actividades de aula:

1.- Escoita activa do audio da canción.

               a) Identificación dos elementos. Ritmo, somos quen de identificar que ritmo ten? Poderíamos marcalo coas mans, ou cun lapis?

               b) Letra: entendemos ben a letra? Poderíamos copiala nun papel de borrador tras escoitala un par de veces? (Realizamos a escoita e, en gran grupo, corriximos a proposta).

               c) Elemento sentimental/visual: Pensemos, por unha banda, con que pode estar relacionada esta letra. Que nos fai sentir a nós? Tristeza, amor, nostalxia, proximidade, desexo de saír, desexo de soidade, desexo de atoparnos con alguén, medo, suspicacia, angustia, tranquilidade...

               d) Tendo en conta o que nos fai sentir a canción buscamos no noso arquivo de imaxes do móbil (ou nun arquivo de imaxes que poida ter x docente) unha imaxe que reflicta ese sentimento, podemos escoller incluso a imaxe dunha persoa, ou se é algo moi ligado a nós e non queremos manifestalo en alto podemos escoller un "selfie" e explicar que, de momento, non estamos cómodxs compartindo ese sentimento coa clase.

               e) Elemento sentimental/visual: Credes que a intención de Rosalía era crear ese sentimento en particular ou ela podería ter outro calquera pero a vós escoitar a canción non vos comunica o mesmo que o que ela tentaba comunicar ao principio?

2.- Agora proxectamos o vídeo proposto por Varadero para a coreografía.

               a) Poderíamos reproducila?

               b) Poderíamos mellorala?

3.- Gravación da proposta de coreografía da aula para:

               a) Compartir en redes cos cancelos #rdc_2021 #TeusDocesCantares

               b) Enviar ao mail da AELG: oficina@aelg.org e á comunidade educativa relacionada coa aula (familia, claustro docente...)

4.- Poderíamos reproducir esta experiencia de crear unha canción e unha proposta de baile, para realizar desde os nosos postos na aula, escollendo algún outro poema Rosaliano? (envíanse propostas pero, obviamente, dáse liberdade x docente para empregar outros materiais da riquísima obra de Rosalía de Castro)

A AELG comprométese a colaborar na difusión da mesma a través da súa web e redes sociais, para o que agradecemos que se envíe noticia das actividades ao correo oficina@aelg.org. A este mesmo correo podedes comunicarnos a vosa intención de participar nesta iniciativa ou noutras coas que o voso centro celebre o Día de Rosalía 2021, para a irmos facendo constar na nosa web.

Extra:

Como inspiración, podemos recorrer a estas propostas que grandes intérpretes galegos teñen realizado arredor da obra Rosaliana (podedes buscar os textos e localizalos na obra de Rosalía, e pensar se algunha vez vos tedes sentido deste xeito):

Narf:

https://www.youtube.com/watch?v=M8RbDgDb7kQ

https://www.youtube.com/watch?v=AHg1C6YSx5s

Entrevista co autor sobre o seu achegamento a Rosalía: https://www.youtube.com/watch?v=0MJy-zAAAX0

Son Trío:

https://www.youtube.com/watch?v=POOo4llGkLI

https://www.youtube.com/watch?v=w0wg-f6tMB0&feature=youtu.be

De vacas (Rexurdimento):

https://www.youtube.com/watch?v=qkJBWfiYPTI

Uxía (Rosalía pequeniña):

https://www.youtube.com/watch?v=9HegAZwF4fQ

Uxía (Alborada):

https://www.youtube.com/watch?v=oBD8lk7f64E


Podes ver as actividades da AELG e doutras entidades nesta ligazón.

Volver