A CIG Ensino aféalle á Consellaría a nula interlocución durante este curso ao respecto da oferta formativa de FP, os cambios normativos nestas ensinanzas e a creación de novos CIFPs

Nun escrito remitido ao conselleiro e á directora xeral de FP o sindicato solicita unha Mesa Sectorial urxente para tratar todos os asuntos que lle afectan ao profesorado de FP nun ano de grandes cambios nestas ensinanzas.

A 12 de xuño é inaudito que aínda non pasara pola Mesa Sectorial docente a oferta actualizada de FP que se implantará o vindeiro 1 de setembro e que se pretenda aprobar, como outras medidas ao longo deste curso, sen o contraste previo coas organizacións representativas do profesorado e sen ter en conta as propias demandas dos centros. A CIG-Ensino acusa directamente á Consellaría de Educación de levar un ano facendo propaganda política coa FP en Galiza e ignorando na toma de decisións o seu persoal docente.

No escrito que lle foi remitido ao conselleiro de Educación e á directora xeral de FP, o secretario nacional da CIG-Ensino, Suso Bermello aféalle que “durante o curso 2022/23 que está a piques de rematar, e cos importantes cambios que tanto a administración galega como a estatal están continuamente destacando nos medios de comunicación para a Formación Profesional, resulta inaudito que non se producira nin unha soa interlocución directa entre as organizacións que representan o profesorado e a máxima responsábel de dirixir estas ensinanzas en Galiza”. E cita como principal exemplo deste desprezo que a “a día 12 de xuño de 2023 non se coñeza a proposta da oferta educativa de FP para o vindeiro curso (o ano pasado a Orde pola que se actualizaba esta oferta tiña data do 7 de xuño)”. 

A semana pasada foi moito o profesorado que se dirixiu á CIG-Ensino para preguntar polo tan anunciado incremento de ciclos ou cursos de especialización que se van impartir a partir do 1 de setembro, amosando a súa preocupación polo escaso tempo para preparar os contidos dos novos módulos a impartir. O que de momento se sabe é que a principal directriz da administración é que practicamente todo o que se implante novo sexa na modalidade dual intensiva, e o que a DX de FP foi filtrando á prensa sobre a implantación de novos ciclos. Unhas informacións que nas que se constata que esta oferta non só non foi contrastada co profesorado e cos centros educativos senón que mesmo se desatenden peticións expresas do tecido empresarial, como no caso dos novos estudos da familia de Hostalaría e Turismo en Ribeira, de Imaxe Persoal en Santiago ou da familia Marítimo-Pesqueira en Boiro.

Mesa sectorial urxente para tratar todos os temas relativos á FP 

O secretario nacional da CIG-Ensino solícitalle á administración unha Mesa Sectorial para tratar estes e outros asuntos que están relacionados coa xestión e ordenación da FP nunha Mesa Sectorial urxente na que se dea conta do custo económico e dos resultados do coñecido, de novo case en exclusiva polos medios de comunicación, Plan Conecta FP. Un plan do que se deben dar explicacións detalladas dos criterios seguidos para a aprobación das 9.500 prazas destas ensinanzas nos dous próximos cursos que anunciou o presidente Rueda, financiadas co Mecanismo de Recuperación e Resiliencia. “Desde a CIG-Ensino permaneceremos vixilantes”, tal e como se advirte no escrito, “para que non se aproveiten estes fondos para incrementar os concertos educativos nunhas ensinanzas nas que estes non deberan existir nin para autorizar maior oferta privada cando exista nunha determinada localidade demanda dos centros públicos para impartir novos ciclos e cursos de especialización”.

A premeditada conversión en Centros Integrados de FP de tres IES 

Para maior sorpresa, o pasado xoves día 8 tívose coñecemento de que a Consellaría ten previsto crear o vindeiro curso tres novos CIFPs. A comunicación ao seu profesorado en claustros extraordinarios en cada un dos IES que van ser reconvertidos (o Audiovisual de Vigo, o Montecelo de Pontevedra e o Vilamarín, en Ourense) foi case simultánea ao seu anuncio no Consello da Xunta. Para a CIG-Esnino esta decisión é totalmente censurábel no fondo pero sobre todo nas formas, ao tomarse, de novo, de costas ás organizacións sindicais e ao profesorado afectado e sen pasar a Orde que regulará esta conversión con tempo suficiente para facer as achegas pertinentes. 

A CIG-Ensino aproveita este escrito para lembrarlle á Dirección Xeral de FP que non pode seguir eludindo máis tempo o malestar que hai entre o profesorado que traballa nos CIFP galegos, tanto pola discriminación horaria e de carga de traballo con respecto aos IES, como polo abusivo e inútil sistema de calidade e de auditorías externas a través de empresas privadas que suplen os labores que debe realizar exclusivamente a inspección educativa, como polo propio funcionamento de carácter empresarial e antidemocrático destes centros (elección a dedo da persoa que ocupa a dirección, sen sometemento á vontade do claustro nin a unha limitación temporal no cargo, designación directa dos postos con redución horaria e de responsabilidade por parte da dirección...) 

A CIG-Ensino presentou en numerosas ocasións propostas para reconducir o funcionamento dos CIFP igualando as condicións dos seus traballadores e traballadoras á quen exerce nun IES e a Consellaría debe abrir unha negociación para tratar todo o que ten que ver cos dereitos deste profesorado, que esixe ser escoitado, como así o demostra o acordo de claustro asinado no CIFP Manuel Antonio no que se esixen melloras laborais nestes centros.

A extensión do “plurilingüismo” na FP, sen recursos nin medios 

Outra das cuestións que está a causar malestar nos centros que imparten FP é a nova normativa para a conversión en plurilingües de todos os ciclos e cursos de especialización de nova implantación ou que renoven convenio coas empresas da modalidade dual a partir do vindeiro curso. Aínda que na Resolución ditaminada con data 19 de maio, no seu artigo 9, se establece que para levar a cabo estas novas atribucións docentes a Consellaría levará a cabo accións formativas específicas e facilitará recursos didácticos, nestes momentos todas as actuacións da administración foron na liña contraria: 

  • eliminouse a posibilidade de realizar estadías formativas en empresas no estranxeiro e, en concreto, as da modalidade lingüística que este curso poderían ter moita máis demanda dadas as novas esixencias para o profesorado de FP
  • non se incrementaron as modalidades de licenzas de formación específicas para a elaboración de material didáctico en idiomas estranxeiros para o profesorado de FP ou especialista nestas linguas
  • non se incluíu un apartado específico para este persoal docente na convocatoria do PIALE. 

“Así pois, nestes intres, o único que existe a disposición do profesorado son dous cursos de inglés básico no banco de recursos que se cita en dita resolución e que  tememos que sexa o único material dispoñíbel co que teña que comezar o vindeiro curso o profesorado que imparta estes novos módulos,” sinala o secretario nacional da CIG-Ensino, quen amosa a súa preocupación para que esta medida sexa unha nova fórmula para reducir aínda máis a presenza do galego nestas ensinanzas dado que nestes intres nin sequera o 50% da súa carga curricular se imparte na nosa lingua, como establece a recomendación do propio Decreto de Plurilingüismo. 

Anteproxecto de Lei para a aprendizaxe ao longo da vida adulta, a norma agochada pola Consellaría 

Por último, e non menos relevante, a CIG-Ensino esixe tamén que dunha ver todas a  Dirección Xeral de FP, da cal dependen as ensinanzas para persoas adultas, aclare cales son as súas verdadeiras intencións co novo Anteproxecto de Lei aprobado polo Consello da Xunta e que nestes intres rematou a súa tramitación administrativa. Como sindicato xa se demandou expresamente que se paralice o seu envío ao Parlamento galego e que se negocie coas organizacións sindicais unha nova redacción na que se aclare exactamente como vai quedar a actual rede de centros e de persoal docente que imparte estas ensinanzas que nestes intres contan con 10.000 persoas matriculadas (tanto as non regradas como a ESA e o Bacharelato de Adultos), se despexen as dúbidas sobre como lle vai afectar esta normativa ao resto de ensinanzas que aparecen mencionadas no anteproxecto normativo (FP e ensinanzas de réxime especial) e se explique cal vai ser a estrutura e o funcionamento do novo organismo que se pretende crear, o IGALVA (Instituto Galego de Aprendizaxe ao Longo da Vida Adulta) e por que é precisa a creación deste centro, cando actualmente xa existe o IES San Clemente como centralizador das ensinanzas a distancia para persoas adultas. 

En calquera caso non é de recibo que a única lei que pretenda aprobar o departamento de Educación desde o ano 2009, fóra do ámbito universitario, se tramite sen ter conta a opinión e as achegas da representación do profesorado cando non hai ningunha dúbida de que esta norma terá importantes consecuencias tanto a nivel laboral como de ordenación académica. Asistimos por exemplo estes días con sorpresa á oferta de ensinanzas non regradas durante o verán no IES San Clemente, o que supón un punto de inflexión sobre as condicións de traballo do seu persoal con respecto ao que viña sendo habitual.

Menos propaganda e máis diálogo coa comunidade educativa 

O escrito remata cunha advertencia á Consellaría, e en especial á Dirección Xeral de FP. “Agardamos unha resposta á nosa demanda de convocatoria dunha Mesa Sectorial urxente e non ter que acudir á referencia do Consello da Xunta deste xoves para enterarnos da oferta educativa de FP para o vindeiro curso académico. O profesorado e a súa representación merecen máis respecto e consideración do que vén amosando este departamento ao longo do curso e a xestión e a ordenación da FP non pode reducirse a un mero recurso propagandístico por parte da Xunta, senón que ten que ter en conta sobre todo á comunidade educativa que a conforma: centros, alumnado, profesorado e a súa representación”.

Volver