A CIG-Ensino advirte que os orzamentos de Educación para o 2016 van ser unha fonte de conflito permanente

A CIG-Ensino analizou e valorou en rolda de prensa os orzamentos da Consellaría que non dan resposta ás necesidades dos centros e do ensino

A CIG-Ensino valorou este martes 24 de novembro en rolda de prensa os orzamentos da Consellaría de Educación para o ano 2016e advertiu que se despreocupan de resolver as necesidades e carencias do ensino público. Lonxe de ser o revulsivo que precisa o ensino galego, explicou Anxo Louzao, o secretario nacional da CIG-Ensino, estes orzamentos van contribuír a deterioralo, acrecentar a privatización, a segregación e as diferenzas sociais. “A aposta polo ensino privado é un descaro e unha evidencia”, dixo Louzao.

Para a CIG-Ensino estes orzamentos inviabilizan  a igualdade de oportunidades, ignoran o ensino en galego e a normalización, non van crear emprego, os centros continuarán sen profesorado suficiente, abandonan a calidade, descoidan a escolarización do alumnado con necesidades educativas especiais e condena o 40% das familias a pagar os libros de texto , as actividades extraescolares e o comedor escolar.

Con estes orzamentos, que Anxo Louzao analizou polo miúdo na rolda de prensa, non se ofertarán prazas suficientes nos 1º ciclos de Educación Infantil nin na FP, os centros continuarán sen persoal administrativo e o profesorado recargado con tarefas burocráticas e administrativas. Os comedores escolares van seguir sendo xestionados pola empresa privada e ofertando un servizo sen todas as garantías necesarias. Para a CIG-Ensino supoñen unha nova afronta ao profesorado que continúa cos salarios reducidos, as pagas extras incompletas, sen cobrar as baixas por enfermidade, co horario lectivo ampliado e obrigado a realizar funcións alleas á docencia e cos permisos tamén recortados.

 “En definitiva, estamos ante uns orzamentos que se afastan cada vez máis de garantir unha educación pública de calidade, contribúen a marcar máis as diferenzas sociais, obrigan as familias a custear parte da educación das súas crianzas, despreza o profesorado, imposibilitan un ensino inclusivo e equitativo e serán unha fonte de conflito por non satisfacer as necesidades dos centros educativos”, subliñou Anxo Louzao.   

 O orzamento da Consellaría de Educación para o 2016 fíxase en 2.188 millóns, o que supón un incremento de apenas o 4,69% (98 millóns) en relación aos do ano 2015 cando o decrecemento dos orzamentos en Educación desde o ano 2009 foi dun 33% (680 millóns). Medra en menor medida que o da Xunta, que o fai nun 5,58% e representa o 21,8% dos orzamentos da Xunta que ascenden a 10.037 millóns, perdendo peso en relación aos do 2015 que representaba o 21,9% do total . Para facérmonos unha idea da perda de peso hai que ter en conta que no ano 2008 o orzamento da Consellaría de Educación representaba o 27% do total fronte ao 21,8% de agora, é dicir, un 5,2% menos.

ANÁLISE POR CAPÍTULOS 

CAPÍTULO I PERSOAL 

Supón o 59% do total do orzamento da Consellaría.

Continúan reducíndonos os salarios e as pagas extras.

O salario do profesorado recortouse desde o 2010 nun 17% e para este ano só se contempla un incremento do 1%; cunha perda acumulada que vai desde 24.000 a 42.000 euros.

A oferta de emprego público está limitada á taxa de reposición.

O 20% dos cadros de persoal dos centros de ensino son provisionais.

Os orzamentos non van corrixir a porcentaxe do profesorado que ten que impartir afíns.

Non hai incremento de profesorado (29.989). Non se crea emprego.

O profesorado substituto continuará sen cobrar os meses de verán.

Non se vai resolver o problema da falta de persoal administrativo e outros perfís  profesionais.

O profesorado continuará desempeñando tarefas burocráticas e administrativas, vixiando o transporte e encargándose do comedor.

CAPÍTULO II 

Os gastos en bens correntes e servizos e conservación material, subministracións,  etc. é de 209,4 millóns, cun incremento de só o 1,5 % cando a redución en anos anteriores é moi superior a esta porcentaxe.

O orzamento en comedores é de 28,809 millóns. Mantense e non se emprende a xestión directa e a expansión a todos os centro.

O orzamento en transporte escolar mantense: 118.832.762 euros.

Gastos en funcionamento dos centros:

-    Educación infantil, primaria e ESO:  é de 12,4,millóns, medra o 3,7%. No 2015 non tivo medre e no 2014 decrecera nun 2,5%.

-    Centros de educación secundaria e FP : ascende a 38,2 millóns, increméntase nun 3% despois de anos reducíndose.

CAPÍTULO V

Concertos co ensino privado incluíndo os centros que segregan alumnado por razón de xénero.

Os concertos educativos ascenden a 243.532.496 euros e que se reparten do seguinte xeito:

-        Educación infantil: 36,6,millóns

-        Educación primaria e ESO: 180 millóns

-        FP: 14,3 millóns, o que supón un incremento do 15,5%

-        Educación especial: 11,3 millóns

-        Educación secundaria 490.097 euros, o que supón un incremento do 50%.

O descaro da potenciación do ensino privado chega a que desde o ano 2001 o ensino privado medrou o 14% máis que o público.

CAPÍTULO VI

Os investimentos reais continúan pola senda descendente  dos anos anteriores.

O orzamento para as reparacións, ampliación e mellora dos centros redúcese do seguinte xeito:

-    En educación infantil, primaria e ESO só se destinan 2,6 millóns, decrece un 20%. Esta partida xa tivera un redución no 2015 do 33%

-    No ensino secundario e FP só se destinan 1,2 millóns,  o orzamento é un 6% menos .  Esta partida xa decrecera tamén no 17% no ano 2014.

O orzamento para construción de novos centros fíxase:

-    En educación infantil, primaria e ESO: 6,6, millóns.

-    En ensino secundario e FP: 8,6 millóns.

Ensino universitario: 386,7 millóns, 16 millóns máis que no ano 2015 (4,42%), por debaixo do incremento dos propios orzamentos da Consellaría e da Xunta.

PROGRAMAS 


Fomento da lingua galega: 6.756.815 €. 

Na práctica, mantense. Só se incrementa o 0,25% (16.000€).

Decreceron o 4.8% no ano 2015 e o 5% no ano 2014.

Supón o 0.067% dos orzamentos da Xunta.

Pasaron dos 19.8 millóns do 2009 aos  6.7 millóns deste ano, é dicir, 13 millóns menos (0.66%).

Prevención e abandono escolar: 17.5 millóns de euros.

Increméntase só o 1.6%, cando xa decreceran nos dous anteriores exercicios. A taxa de abandono sitúase no 23%.

Formación do profesorado: 1.8 millóns

Equivale a 5 euros por profesor ou profesora.

Non se crea emprego.

O cadro de persoal é igual ao do ano 2015: 29.989 profesores/AS


Axudas para os libros de texto: 11.228.596€

Aproximadamente o 40% do alumnado non terá dereito aos libros gratuítos.

Escatiman o apoio á lectura:

Atención bibliotecas: 73.940€

Programa de fomento da lectura: 11.059€

Fondos biblioteca escolar: 300.000€

Equipamentos: 200.000€

TOTAL: 584.999€

Contrasta a achega de  290 mil euros á Fundación Camilo José Cela, mentres o Museo do Pobo Galego só recibe 201.800 euros

A aposta pola confesionalidade é evidente:

Subvención aos seminarios diocesanos: 977.024 euros.

Profesorado de Relixión: 966 docentes: 27.5 millóns de euros.

Axudas ás ANPA: 552.996 euros

Volver