A CIG-Ensino advirte que os orzamentos da Consellaría de Educación para o 2015 continúan na senda do desmantelamento do ensino público

“Estes orzamentos seguen sen afrontar as carencias e necesidades do ensino público e poñen en dúbida o dereito á educación”, explicou Anxo Louzao

A CIG-Ensino valorou este mércores día 17 de decembro, en rolda de prensa, os orzamentos da Consellaría de Educación para o ano 2015, unhas contas que, segundo explicou o seu secretario nacional, Anxo Louzao, “continúan pola senda do desmantelamento do ensino público, non afrontan as súas carencias e necesidades e cuestionan o dereito á educación”.

Os orzamentos da Consellaría de Educación para o ano 2015 fíxanse en 2.090 millóns de euros, moi lonxe da cantidade necesaria para o funcionamento normal do sistema educativo galego e do 7% do PIB. Só se incrementan nun 0,19% en relación aos do ano 2014 e continúan coa tendencia de decrecemento emprendida no ano 2009, ano en que diminuíron un 33,5,%, é dicir, 680 millóns menos.

 “Os orzamentos de Educación  representan o 21,9% dos orzamentos totais da Xunta,  moi lonxe do ano 2008 no que se chegaron a situar ao redor do 27% - indicou Louzao. Non restitúen os dereitos laborais do profesorado, destrúen emprego, reducen salarios, persisten no fortalecemento do ensino privado concertado, reducen a partida para o funcionamento dos centros e os investimentos reais. Ademais, a Consellaría continúa  coa súa cruzada contra a normalización lingüística e as familias continuarán pagando os libros de texto”, adiantou Anxo Louzao.

Datos máis salientables para a CIG-Ensino:

  •  
    Continúan destruíndo emprego. O gasto de persoal só se incrementa o 0,4%, cando nos dous últimos anos minguou o 8% e os recortes supuxeron a perda de aproximadamente 3.000 profesores/as desde o ano 2009.  Hai que lembrar que o censo electoral das eleccións sindicais  deste ano recolleu 2.044 profesores/as menos que o de 2009.
  • A oferta de emprego limítase ao 50% da taxa de reposición.
  • Recórtanse as pagas extras e o salarios mantéñense reducidos nun 30%.
  • Á formación do profesorado destínanse só 1,3 millóns de euros para un colectivo de 30.300 docentes , é dicir, 4,2 euros por persoa.
  • Dentro do capítulo de gastos en bens correntes e servizos, a partida destinada a transporte escolar (118.832.762) decrece o 1,34% e a destinada a comedores escolares é a mesma que a do ano pasado (28.766 millóns).
  • A partida destinada a funcionamento (36 millóns) redúcese nun 0,5% para os centros de secundaria e FP e mantense para educación infantil e primaria en 12 millóns, malia a redución do 2,4% do ano 2014.
  • Persiste o fortalecemento do ensino privado concertado ao que se dedican 236,6 millóns, incrementándose a partida para secundaria nun 0,93 % en un 0,9% en FP.  A Consellaría dedica á privatización 244.512 mil euros. En total, un 11,7% dos orzamentos destinados ao ensino privado concertado.
  • Os investimentos reais na educación infantil e primaria (7,7 millóns) decrecen un 23,9% cando xa se reducira nun 15,6 % o ano pasado. As ensinanzas artísticas fano nun 33% cando xa no ano 2014 decreceron nun 57%.
  • Non se incrementa a partida destinada á construción de centros, malia a mingua dos orzamentos de anos anteriores. En educación infantil, primaria e ESO (3,2 millóns) baixa un 20% cando xa se reduciran nun 3,5 % no 2014. No bacharelato e FP (7,7 millóns) baixa un 16,67%, , cando decaera un 40% o ano pasado.
  • A partida destinada á prevención do fracaso escolar (17,2 millóns) tamén se reduce nun 0,65%..
  • Condenan a máis do 40% do alumnado galego a ter que pagar os libros de texto (para os que se dedican 11,2,millóns)
  • A Universidade recibirá  322,7 millóns, un 1,5,menos que o ano pasado.

“Estes  orzamentos traduciranse nunha maior precariedade laboral dos e das docentes, maior mobilidade, contratos a tempo parcial e aumento dos horarios lectivo, menos salarios e pagas extras”, subliñou Anxo Louzao  na rolda de prensa. Nesta comparecencia, Louzao tamén se referiu á “política de odio, de combate e de desleixo ao noso idioma do PP e que está tendo uns efectos nefastos como constatan todos os estudos” despois de que os orzamentos para o noso idioma pasaran de 19,8 millóns do 2009  aos 6,7 previstos para o 2015. “Para o PP o fomento da nosa lingua só se merece o 0,0007% dos rozamentos da Xunta de Galiza”, dixo.

“En consecuencia –concluíu Anxo Louzao- estamos ante uns orzamentos que suporán maior conflitividade, destrución de emprego, máis alumnado por aula e menos profesorado, empeoramento da calidade do ensino, maior desigualdade social e fracaso escolar, españolización e desmantelamento do público en beneficio do privado”.

Volver