A CIG-Ensino adhírese ao manifesto “Boicote Educatico a Israel”

Esta campaña reclama que non se introduzan no ensino liñas de actuacións ou materiais didácticos que contribúan a perpetuar a opresión do pobo palestino

A CIG-Ensino vén de adherirse á campaña “Boicote Educativo a Israel” que demanda a fin da ocupación e a colonización e o desmantelamento do muro que divide Palestina, o recoñecemento dos dereitos fundamentais dos palestinos e palestinas e das persoas expulsadas no seu territorio. Esta campaña tamén ten como obxectivo reclamar que non se introduzan no ámbito educativo liñas de actuación ou materiais didácticos “que contribúan a perpetuar, directa ou indirectamente, a opresión do estado sionista sobre o pobo palestino”.

Reproducimos o manifesto:

Boicote, desinvestimento e sancións a Israel

As reiteradas violacións do dereito internacional e o absoluto desprezo que Israel manifesta polas innumerábeis Resolucións das Nacións Unidas que condenan as súas políticas coloniais, discriminatorias e ilegais; o fracaso das iniciativas emprendidas para que o estado sionista acate o dereito humanitario e poña fin á ocupación de Palestina e á opresión das súas xentes; o respaldo que a comunidade internacional deu sempre a formas non violentas de combate contra a inxustiza están na base do apelo que lanzaron en 2005 mais de 150 colectivos palestinos en demanda de solidariedade na loita por restaurar os agredidos dereitos do seu pobo.


As persoas que asinamos este escrito, membros da comuniade educativa queremos sumar á nosa voz a esta campaña global que nace da iniciativa da sociedade civil en apoio das demandas de xustiza do pobo palestino.

1.    A fin da ocupación e a colonización e o desmantelamento do Muro que divide Palestina, cuxa construción foi declarada ilegal pola ONU en 2004.

2.    O recoñecemento dos dereitos fundamentais dos palestinos e palestinas residentes no estado de Israel até a total igualdade con o resto das persoas que habitan ese espazo político;

3.    O respecto, a protección e a promoción do dereito ao retorno das persoas expulsadas da súa terra desde 1948 polo exército regular e os grupos paramilitares sionistas e a devolución das súas propiedades nos termos estipulados pola resolución 194 das Nacións Unidas.

Coherentemente coa nosa decisión de apoiar a campaña global BDS, comprometémonos a non establecer ningún tipo de colaboración co estado de Israel e reclamamos das autoridades competentes se absteñan de introducir no ámbito educativo liñas de actuación que contribúan a perpetuar, directa ou indirectamente, a opresión do estado sionista sobre o pobo palestino.

Neste sentido, instamos a Universidade de Santiago de Compostela a cancelar o convenio asinado coa Universidade Ben Gurión (unha institución "orgullosamente sionista") e a todas as institucións galegas a non cederen ás presións de Israel para se inmiscuir no noso sistema educativo, rexeitando inxerencias como a que a Cámara de Comercio España-Israel tentou perpetrar en Tui, Ribadavia e Monforte mediante a elaboración de material didáctico dirixido a escolares de primaria destes concellos.

Igualmente solicitamos ás formacións políticas, sindicatos, organizacións estudantis, ANPAS, asociacións pedagóxicas, etc. se opoñan á pretensión de Israel de introducir na chamada Lei Wert , como materia de ensino obrigatoria e singular, o xenocidio de que foron vítimas as comunidades xudaicas europeas no período nazi excluíndo outros holocaustos igualmente infames aos que se relegaría à categoría de "males menores". A comezar polo exterminio das comunidades que poboaban os territorios da actual América, consumado polos conquistadores españóis (entre os que, infelizmente, non faltaban galegos) ou, mais dolorosamente actual, o que perpetra o estado sionista contra o pobo da Palestina.


Ligazón para asinar

Volver