A CIG-Ensino acada aclaracións da Consellaría ao Programa Acompaña

Seguimos sen saber o destino final dos 2.248.126 euros do plan xa que segundo os cálculos da CIG-Ensino superan o custes salariais dos profesorado contratado

O 10 de febreiro a CIG-Ensino, unha vez que é coñecedora da creación do Plan Acompaña, diríxese á Consellaría solicitando explicacións sobre o criterio para a selección dos centros e sobre a xestión dos fondos do programa.

En canto aos fondos o único que se nos aclara é que son fondos procedentes do Ministerio para o Programa de Educación Inclusiva, no exercicio orzamentario 2022, pero sen dar resposta ao uso total destes fondos.

Sobre á selección dos centros (podedes ver nesta ligazón os centros) só se nos di que foron seleccionados por unha comisión, da que non coñecemos composición nin sabíamos da súa existencia até o día de recibir estas aclaracións, segundo os seguintes criterios: 

    • Distribución proporcional das prazas atendendo á tipoloxía de centro e tendo en conta ao alumnado NEAE matriculado en cada centro.
    • Centros con máis de 100 alumnos/as nas etapas obxectivo do programa.
    • Ratio NEAE centro/persoal apoio destinado neste curso no centro.
    • Proporción de NEAE no centro. 

Estes criterios non son coñecidos por ningún centro educativo.

Os centros só tiveron constancia do programa cando recibiron un correo no que lles indicaban que tiñan que escoller entre profesorado especialista en pedagoxía terapéutica ou en audición e linguaxe, algo que choca claramente cos criterios indicados pola Consellaría, cando nin sequera tivo en conta as necesidades (PT ou AL) do alumnado dos centros previamente seleccionados.

Tamén se nos di na reposta que o programa Acompaña ten unha dobre finalidade:

    • Favorecer o desenvolvemento profesional do profesorado especialista en Pedagoxía Terapéutica e do profesorado especialista en Audición e Linguaxe mediante un programa específico de formación.
    • Proporcionar ao alumnado con necesidade específica de apoio educativo o acompañamento docente necesario, que permita mellorar a súa atención educativa. Así o orzamento deste programa está destinado á contratación e capacitación do profesorado especialista en Pedagoxía Terapéutica e do profesorado especialista en Audición e Linguaxe. 

O que queda claro unha vez máis é que a Consellaría de Educación trata ao ensino público como un lenzo que van remendando continuamente, sen dar unha solución completa e pensada á atención á diversidade tal e como solicita tanto a CIG-Ensino como a comunidade educativa galega. A solución pasa por dotar aos centros de máis profesorado definitivo e baixar a ratio nas aulas para traballar nestas necesidades.


 Listado dos centros do Plan Acompaña remitido pola Consellaría á CIG-Ensino.

Volver