
A CIG-Ensino abandona a Mesa Sectorial por considerar un burla a convocatoria para debater o Decreto de comedores
A CIG-Ensino defenderá no pleno do Consello Escolar de Galiza unha emenda á totalidade na que esixe a retirada do novo decreto
“Para a CIG-Ensino resulta inadmisible que se nos convoque a unha reunión da Mesa Sectorial para negociar o decreto de comedores cando o decreto xa foi ditaminado pola Permanente do Consello Escolar de Galiza. Para máis, convocala á unha da tarde significa que se quere cumprir unicamente cun mero trámite e non levar a cabo unha verdadeira negociación”, explicou Anxo Louzao, secretario nacional da CIG-Ensino.
Diante desta situación, as organizacións sindicais que formamos parte da Mesa Sectorial solicitámoslle por escrito á Consellaría de Educación, o pasado 9 de abril, o cambio na data da convocatoria e o compromiso de iniciar un novo trámite para ditaminar o proxecto de decreto de comedores no Consello Escolar de Galicia, previa negociación na Mesa Sectorial tal como recolle o proxecto decreto. Na Mesa Sectorial de hoxe, a Administración comunicounos a súa intención de non reconsiderar a súa actuación e de seguir adiante coa xuntanza advertindo ademais que non se ían ter en conta achegas que supuxeran cambios substanciais do decreto.
No Pleno do Consello Escolar de Galiza, convocado para o próximo 17 de abril, a CIG-Ensino defenderá unha emenda a totalidade para solicitar a retirada de proposta de Decreto polo que se regulan os comedores escolares dos centros docentes públicos non universitarios, porque, entre outras razóns, pon en tea de xuízo a igualdade de oportunidades, vulnera o dereito á educación e o deber de estar escolarizado, elimina o dereito ao comedor escolar gratuíto para o alumnado transportado, non cumpre a función compensatoria, nin moito menos social, e penaliza a poboación do medio rural.
Cómpre a elaboración doutro novo
proxecto de decreto que garanta:
- O uso gratuíto do comedor escolar a todo o alumnado beneficiario do transporte escolar e daquel cuxa renda mensual familiar non exceda tres veces o salario mínimo interprofesional, no camiño de conseguir a gratuidade total para todo o alumnado escolarizado en EI e ensino básico.
- A habilitación de espazos necesarios en todos os centros públicos para que estes se poidan dotar do servizo de comedor.
- O dereito, para todo o persoal do centro e alumnado, de poder facer uso deste servizo, garantíndolles unha praza no comedor.
- Persoal específico, coa cualificación necesaria e con relación laboral coa Consellaría de Educación, para atender o comedor.
- A xestión e funcionamento de todos os comedores escolares, que dependerán directamente da Consellaría, por medio de persoal específico e cualificado, dependente da mesma.
- Administrativos para todos os centros que teñan servizo de comedor.
- Instalacións e espazos adecuados en todos os centros públicos de nova creación para garantir a oferta obrigatoria do servizo de comedor. Así mesmo, emprenderanse as reformas e as medidas necesarias para dotar do servizo de comedor a todos os centros públicos, hoxe en funcionamento, co obxecto de garantir as prazas suficientes a todo o alumnado do ensino infantil e obrigatorio.