A CIG-Ensino, a AS-PG e A Mesa poñemos en aberto as videoconferencias das II Xornadas de Normalización Lingüística. Debate e reflexión sobre a lingua no ensino

Esta II edición das Xornadas de Normalización Lingüistica centrouse na reflexión sobre a situación lingüistica que vivimos no ámbito do ensino

Tratouse dunha actividade de formación permanente do profesorado, seguida por 80 docentes e realizada baixo o formato de videoconferencia, por máis que fose pensada inicialmente para ser un encontro presencial. Foi o formato que nos permitiu a pandemia e que, porén, deu pé a moita participación e interacción entre o profesorado que seguiu a actividade.

Deixamos a disposición do profesorado e mesmo de persoas alleas ao ensino os contidos destas Xornadas, levadas a cabo o 23 de xaneiro de 2021, que incluíron un debate, a presentación de bases para un novo plan de normalización ligüística, a revisión dos nosos dereitos lingüisticos e a presentación de distintas experiencias e ferramentas útiles á hora de acometer a normalización lingüistica dentro dos centros de ensino.

En vista da situación dramática da nosa lingua, nomeadamente no ámbito do ensino, no que diferentes estudos apuntan unha perda alarmante de competencia e uso, presentamos unhas Xornadas para a convidar á reflexión ao profesorado asistente. Tivemos en conta a actitude de desleixo do goberno galego que, alén de facer oídos xordos ás recomendación do Consello de Europa en canto aos límites impostos á nosa lingua nas aulas, segue agravando a situación ao crear polémicas infundadas arredor de se o castelán é ou non vehicular na LOMLOE ou ao aforrar no orzamento asignado ás EDL.

O debate co que inaugurou o acto permitiunos coñecer de primeira man a postura dos distintos grupos políticos con respecto a este tema grazas á participación das tres portavoces parlamentarias de normalización lingüistica: Sandra Vázquez (PP), Mercedes Queixas (BNG) e Noa Díaz (PSOE).

Mercedes Queixas (BNG), Sandra Vázquez (PP) e Noa Díaz (PSOE) - Lomloe e linguas de aprendizaxe

Presentamos tamén as Bases para a Normalización Lingüística do ensino en Galiza que tiveron a súa orixe nas primeiras xornadas organizadas por nós e que, cun amplo consenso por parte de distintos axentes sociais, pretenden ofrecer unha alternativa ao decreto de plurilingüismo que se valorou como, en boa medida, culpábel da deriva da nosa lingua. Encargouse desta presentación o Secretario Nacional da CIG-Ensino, Suso Bermello.

Suso Bermello - Bases para a normalización do ensino en Galiza

Por outra banda, pareceunos interesante trasladar ao profesorado a lexislación vixente sobre os nosos dereitos lingüisticos; Elsa Quintas, vicepresidenta da Mesa pola normalización lingüística, foi a relatora que nos fixo un percorrido por eses dereitos.  Tamén desde a Mesa, Sara Seco falounos da ferramenta A liña do galego como mecanismo útil para garantir os nosos dereitos lingüísticos.

Elsa Quintas - Temos lingua, temos dereito
Sara Seco - A liña do galego

Coñecedoras do interese que suscita entre o profesorado saber de novas iniciativas normalizadoras, incluímos no programa a dous docentes innovadores e que, desde unha perspectiva lúdica e afectiva, procuran atraer ao alumnado á lingua galega; Alberto Pombo e Manolo Maseda, achegáronnos respectivamente á iniciativa Galeguiza-T e Colectivo Xa e á radio como elemento normalizador.

Alberto Pombo - Galeguiza-T e Colectivo Xa
Manolo Maseda - A radio como axente normalizador

Finalmente as entidades organizadoras transmitimos unhas conclusións que se poden consultar a seguir.

Conclusións
  • Non podemos dar por válida unha falsa cordialidade nin entender que non existe conflito lingüístico porque isto suporía negar a realidade e minorizar aínda máis a lingua galega pechando a posibilidade de mellorar ou reverter a situación.
  • É hora de botar a andar un diálogo e un consenso cara a un modelo de restitución do galego na educación que incida na competencia e  no carácter comunicativo da mesma.
  • Entendemos que a polémica arredor da lingua castelá como lingua vehicular na LOMLOE  é totalmente estéril dado que esta se dá por garantida aínda que non apareza explicitamente na norma.
  • Consideramos que os esforzos se deben dirixir a potenciar a lingua galega e a cumprir a leis tal como  lle esixe ao goberno galego o Consello de Europa no sentido de que elimine as limitacións á docencia en lingua galega o que ten que pasar necesariamente polo camiño de derrogar o decreto de plurilingüísimo. Os nosos dereitos lingüísticos deben ser respectados.
  • Consideramos fundamental o compromiso e actitude do profesorado á hora de incidir na normalización lingüística, tratando de achegar afectivamente ao alumnado, facéndoo como vimos de escoitar nas experiencias que hoxe partillamos, desde a emoción e a empatía. Mais a responsabilidade non pode recaer unicamente no profesorado xa que existe un papel absolutamente necesario no Goberno que hoxe non se dá. Os equipos de dinamización son colaboración voluntarista, mais séntense moi sos porque a administración non os apoia. 200 euros para chegar á equidade lingüística, dúas horas para a coordinadora, ningunha para o resto das persoas colaboradoras non son ferramentas suficientes. Como acabamos de denunciar desde a CIG-Ensino o pasado curso coa desculpa da pandemia as equipas ficaron sen orzamento e no presente o importe é igual ao de 2 anos atrás.
  • Os nosos dereitos lingüísticos deben ser garantidos para termos espazos de uso real, o galego debe estar en todo e para todo, botando man das palabras de R. C. Calero.
  • Pola nosa parte, MESA, ASPG e CIG-ENSINO manifestamos a nosa intención de relanzar as bases para a Normalización lingüíistica do ensino en Galiza presentadas nestas Xornadas e mantemos tamén o noso compromiso para seguir traballando pola nosa lingua como sempre nos caracterizou. Nesta liña procuraremos realizar o vindeiro ano as III Xornadas de Normalización Lingüística.

Volver